Compostela, 22 de marzo de 2020. O candidato de Galicia en Común-Anova-Mareas á Presidencia da Xunta, Antón Gómez Reino, esixirá hoxe ao goberno autonómico a activación inmediata dunha renda básica de emerxencia que garanta a subsistencia das familias e persoas sen ingresos en Galicia mentres duren os efectos da epidemia de Covid-19.
A reclamación forma parte das máis de trinta medidas urxentes en materia sanitaria, social, económica, educativa e institucional que Gómez Reino vai expor na reunión que manterán esta tarde os líderes das forzas políticas galegas con Alberto Núñez Feijóo. “Estamos nunha situación extraordinaria que require medidas extraordinarias. Temos que asegurar que todos as familias galegas contan cos recursos necesarios para subsistir dignamente mentres duren os efectos sanitarios, sociais e económicos da epidemia de coronavirus”, expón Gómez Reino.
Ademais da renda básica de emerxencia, Galicia en Común-Anova-Mareas propón tamén a suspensión do pago de taxas e impostos a familias en situación de vulnerabilidade, a posta en marcha de solucións habitacionais para as que estean en situación de emerxencia, incluídas as mulleres vítimas de violencia machista e o desenvolvemento dun plan para a acollida, asistencia e manutención de persoas e familias sen fogar.
No ámbito económico, Galicia en Común-Anova-Mareas expón, entre outras estratexias, a posta en marcha de axudas directas para pemes e autónomos que se viron obrigados a cesar na súa actividade, liñas de crédito a interese cero para empresas e a simplificación dos procedementos burócráticos para acceder a elas, a atención inmediata das demandas de emprego das empresas que prestan servizos esenciais, así como o peche da actividade marisqueira a pé para permitir que as mariscadoras poidan optar a axudas e prestacións mentres o peche do sector hostaleiro lles impída comercializar o seu produto.
En materia sanitaria, Galicia en Común-Anova-Mareas expón, entre outras estratexias urxentes e obrigadas, o reforzo con medios humanos e materiais de todo o sistema galego de saúde, a realización de tests rápidos de detección do coronavius en todas as comarcas do país, a reapertura de camas e plantas hospitalarias pechadas en Galicia nos últimos anos, a medicalización inmediata de todas as residencias da terceira idade e centros de menores e dependentes, a posta en marcha dun plan para a subministración a domicilio de medicamentos a persoas maiores e dependentes, e a captación de plantas industriais en Galicia para a produción de material sanitario, de seguridade e desinfección.
Polo que se refire ás medidas para afrontar a paralización do sistema educativo do país, a coalición avoga por poñer en marcha un plan de seguimento do alumnado de Primaria e Secudaria a través dunha programación específica nos medios públicos da Corporación de Radio e Televisión de Galicia; así como a realización dun informe sobre a situación do alumnado con necesidades educativas especiais destinado a adoptar medidas concretas e individualizadas, ademais de esixir reforzos de persoal e coberturas para os docentes interinos que poidan verse afectados polo peche da actividade escolar.
Finalmente, no ámbito institucional, Gómez Reino propón a activación inmediata da Deputación Permanente do Parlamento de Galicia para permitir que manteña as súas funcións de control do Executivo autonómico, coa comparecencia inmediata do Presidente da Xunta e das conselleiras de Sanidade, Política Social e Emprego e Industria para explicar a situación creada en Galicia pola epidemia, e proceder á rendición de contas da súa actuación. Ademais o candidato de Galicia en Común- Anova-Mareas reclama ao Goberno de Feijóo que presente unha proposta de modificación orzamentaria que concrete as medidas e proxectos a implementar para combater a crise.



















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continúa con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
Finalizado o encontro, de carácter privado, o Cónsul asinou no Libro de Ouro da Deputación e a Presidenta fíxolle entrega dun agasallo institucional. Trala xuntanza Carmela López manifestou a súa satisfacción porque “traballamos para avanzar en novas vías de colaboración, e en posibles proxectos que serven para reforzar a relación entre a Deputación e o veciño país de Portugal”.



