Lugo, 17 de abril de 2020.- A Xunta de Galicia inxectou no primeiro trimestre do ano 1.275.200 euros ao conxunto dos concellos da Mariña a través do Fondo de Cooperación Local, un orzamento que poden investir nas obras ou servizos que consideren oportunos.
Neste sentido, o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que, ao contrario do que ocorre cos programas de subvencións finalistas, estas partidas non están condicionadas ao desenvolvemento dun proxecto ou iniciativa concreta, polo que os municipios poden destinalas ás medidas extraordinarias postas en marcha para frear a expansión do Covid-19.
O fondo abónase a todos os concellos, en doce mensualidades a mes vencido. A contía ingresada no primeiro trimestre inclúe ademais a liquidación do remanente de exercicios anteriores.
O delegado territorial subliñou que, mediante este programa, a Xunta “amosa un total respecto pola autonomía municipal e unha vontade clara de axudar e de colaborar con todos os concellos, porque o importante é poder dar respostas ás necesidades de todos os veciños e veciñas”.
A distribución do Fondo responde a criterios obxectivos pactados coa Federación Galega de Municipios e Provincias, entre os que destacan o número de habitantes -e singularmente de persoas maiores de 65 anos-, a superficie do concello ou a cantidade de núcleos de poboación.
Segundo estes parámetros, a comarca rexistra os datos que se recollen na seguinte táboa. Cómpre lembrar que todos os concellos da zona forman parte do grupo de municipios de menos de 15.000 habitantes excepto Viveiro, que foi o que percibiu a maior contía, 158.200 euros.