Viveiro, 12 de maio, 2020. As bandas de música galegas levan boa parte destes meses amenizando as corentenas cun traballo ben complicado: facelo dende a casa e sen poder ensaiar. Foron moitas as bandas que fixeron versións especiais de pezas ben variadas, dende o Resistiré ata a muiñeira Mozos do Penedo.
O 17 de maio leva sendo unha data importante para a cultura dende que celebramos o día das Letras Galegas e as bandas de música non querían deixar pasar esta oportunidade de chegar ata os seus espectadores. Dende as Bandas de Música de Arca, Chapela, Vilatuxe e “O Landro” de Viveiro quixeron facelo por todo o alto e traballando de forma conxunta para motivar aos máis pequenos. É así que levan uns días traballando nun programa especial que compaxinará música con entrevistas. Polo espazo pasarán os compositores Andrés Álvarez, Simón Couceiro, Carlos Rodríguez e Antón Alcalde (dos que poderemos escoitar a súa música) así como a escritora e docente Inma López Silva coa que conversarán sobre o homenaxeado nesta edición, Carvalho Calero.
O espazo estará presentado por algúns das músicas e músicos das propias bandas e a guinda do pastel será a interpretación conxunta e confinada do Himno Galego. Unha versión que se converterá, probablemente, na versión máis numerosa de todas as interpretacións publicadas durante estes meses de corentena. Un total de 171 músicas e músicos farán soar os seus instrumentos dende a casa e Lucía Pérez, Najla Shami e Esperanza Mara porán voz ás verbas de Eduardo Pondal. A recoñecida Familia Vázquez TV encargarase de interpretar o himno na lingua de signos.
O programa emitirase dende a conta en Youtube da Banda de Música de Arca o próximo domingo 17 de maio ás 19:00 horas.
