Viveiro, 11 de maio, 2020. Hoxe vén de reiniciarse a actividade en gran parte dos estabelecementos, locais e terrazas así como as medidas de hixiene esixíbeis tanto dentro dos estabelecementos como para xs clientxs, polo que solicitamos ao Goberno Municipal que dispoña e distribúa de xeito URXENTE toda esta información nunha guía municipal única, “as guías estatáis e xenéricas non serven para a realidade de Viveiro” indica a concelleira do BNG, Míriam Bermúdez, e incide en que “é precisa unha guía municipal na que se clarifiquen e detallen cáles son os supostos casos nos que se poden saír, qué actividades están permitidas e cales só dentro das franxas horarias de cada parroquia, dado que a veciñanza non ten nada claro que é o que se pode facer nin onde consultar a información con tantas normativas, contradicións e rectificacións.
Tamén insistimos na necesidade de que esta guía inclúa un pequeno manual de utilización das máscaras, dado o actual descoñecemento ou mal uso que estamos a constatar con relación a elas, polo que se fai necesaria a actuación do Concello de Viveiro como ente de retransmisión de coñecemento. Vólvese pois unha necesidade imperiosa manter informada á veciñanza da importancia en primeiro lugar da recomendación de levar máscara sempre que se esté fóra da casa e en segundo lugar de facer un bo uso das mesmas, polo que dende o BNG instamos ao concello a que se actúe á altura das circunstancias e responsabilidade do seu cargo.
E por último, vese imprescindíbel que nas zonas máis concurridas polos viveirenses se adapte a circulación peonil para que vaian nun mesmo sentido para evitar cruzamentos. Vemos moi positivamente que a ponte principal de Viveiro se adaptase con cada beirarúa a un sentido de circulación peonil, mais desde o BNG vémolo insuficiente. Hai que pórlle solución tamén aos tramos máis concurridos como son o paseo marítimo de Covas, eliminando o carril de circulación de vehículos se for necesario, como tamén os paseos de Viveiro, a variante e incluso ao tramo que descorre entre Lodeiro a Celeiro, cando menos menos nas franxas horarias máis concurridas, que son as estabelecidas para realizar paseos e deporte as persoas entre 14 e 70 anos. “É unha medida necesaria que xa debera estar implantada e comunicada á veciñanza” recalca Míriam Bermúdez.