Viveiro, 3 de maio, 2020. Dende o comezo desta crise, o Concello de Viveiro vén traballando con dous obxectivos prioritarios, a adopción de medidas para evitar a propagación do virus e a adopción de medidas de cara a paliar as súas consecuencias económicas, ao tempo que se mantén a actividade propia da administración -naqueles servizos nos que isto é posible-, co fin de continuar coa tramitación de expedientes de diverso tipo, como, por exempo, a concesión de licenzas urbanísticas ou o pago de facturas ou establecendo novos protocolos para facilitar aos veciños certos trámites, como no caso da sinatura das fes de vida.
Con carácter preventivo, dende o primeiro momento, decretouse a suspensión de actividades deportivas, culturais ou eventos previstos; o peche das instalacións e parques infantís municipais; a suspensión dos mercados; a suspensión do servizo de axuda no fogar (nos casos que non fose imprescindible para actividades da vida cotiá) ;a suspensión dos servizos de transporte prestados por este concello e a suspensión da actividade administrativa presencial, entre outros. Mantivéronse os servizos públicos esencias e habilitáronse dous teléfonos de contacto, un para necesidades urxentes e inaprazables e outro para persoas en situación de vulnerabilidade ou desamparo, cando non dispoñan de apoio familiar ou social, co fin de proporcionarlles un servizo de entrega a domicilio de produtos de primeira necesidade. Tamén se creou un servizo de apoio psicolóxico vía telefónica dirixido a persoas vulnerables, que viven soas e que, ante a situación xerada pola emerxencia do COVID-19, se atopen nunha situación de estrés ou ansiedade.
No ámbito dos servizos sociais é fundamental destacar todo o traballo que dende ese departamento se vén realizando, no que xa se está a constatar un importante incremento das emerxencias sociais tramitadas. Hai que destacar, tamén, o reparto de alimentos que o concello está a realizar, en coordinación e colaboración con Cruz Vermella, Cáritas ou Puerto de Celeiro, a aquelas familias que se atopan en situación de vulnerablidade, sendo entregados nos propios domicilios por parte de Protección Civil ou da Policía Local.
Púxose en marcha un servizo de impresión de materiais educativos para o alumnado que non dispón de recursos tecnolóxicos, co obxectivo de garantir a igualdade de oportunidades no acceso á educación durante o confinamento. Nos primeiros dez días de funcionamento desta iniciativa, atendéronse unhas 100 peticións; Protección Civil estase encargando de entregar o material impreso no domicilio dos alumnos. No ámbito educativo, Protección Civil e a Policía Local, en coordinación coas direccións dos centros, tamén está entregando ao alumnado os libros que quedaran nos centros e entregando os ordenadores de empréstito facilitados pola Xunta de Galicia aos mozos e mozas que non dispoñen deste recurso.
Desenvolvéronse varias iniciativas dirixidas aos máis pequenos, co obxectivo de fomentar a súa creatividade nestes días, como o concurso posto en marcha para deseñar a mascota da biblioteca municipal ou a recompilación de debuxos e frases de ánimo para a exposición que terá lugar cando todo isto remate. Celebrouse o Día do Libro Infantil, coa proposta “Tod@s contan”, e conmemorouse o Día Mundial da Conciencia do Autismo, rendendo unha homenaxe a todas as persoas con diversidade funcional, que se fixo extensible a todos os nenos e nenas. O Concello de Viveiro tamén organizou a homenaxe que os Corpos e Forzas de Seguridade brindaron o pasado luns ás dúas residencias de maiores do municipio, como mostra de gratitude e recoñecemento.
O concello xestionou unha importante iniciativa solidaria na que, grazas a todo o material doado e ao traballo dos voluntarios e voluntarias, se puideron repartir unhas 7.000 mascarillas entre o centro de saúde, residencias, supermercados ou gasolineiras, ademais de distribuílas entre os colectivos de risco ou os máis pequenos.
Dende o inicio desta crise estanse realizando labores de desinfección tanto das rúas -con especial incidencia en determinadas zonas, como o centro de saúde ou os arredores dos supermercados-, como dos contedores ou papeleiras. Tamén se levaron a cabo as xestións oportunas coa Subdelegación do Goberno en Lugo, para que un vehículo da Demarcación de Estradas desinfectase o pasado luns uns doce quilómetros de distintos tramos das vías públicas en Celeiro, Covas e Viveiro. Co obxectivo de evitar contaxios, decretouse o precintado das fontes públicas do municipio.
Tamén se adoptaron medidas con respecto ao cobro de impostos ou taxas inminentes; decretando a suspensión do prazo para o pago voluntario do IVTM, previsto do 1 de abril ao 1 de xuño, e dando as indicacións oportunas para que no momento da elaboración dos padróns dos servizos que implican o cobro de taxas, como pode ser a gardería (cuxo prazo de matrícula tamén se aprazou), a piscina ou o conservatorio, se teñan en conta os decretos de suspensión das distintas actividades aos efectos de liquidar nas mensualidades afectadas unicamente os importes correspondentes aos períodos non afectados pola suspensión; consecuentemente, todas estas taxas están paralizadas dende o primeiro momento. Tamén se realizaron as xestións oportunas coa empresa concesionaria do servizo de abastecemento de auga co fin de establecer unha serie de medidas para facilitar o pago destes recibos, como o financiamento ou aprazamento das facturas ou a ampliación do prazo do período voluntario de pago a 90 días, entre outras medidas.
Co obxectivo de manter informados aos veciños e veciñas, ao longo destas semanas publicarónse diversos bandos e notas informativas, tanto coas medidas que se ían decretando como con outra información considerada de interese, como a difusión das guías de boas prácticas na prevención do coronavirus no sector do comercio, a información sobre o protocolo a seguir para o manexo de residuos sólidos nos fogares con persoas en corentena ou infectadas ou das condicións a ter en conta para os desprazamentos permitidos aos nenos e nenas dende o pasado 26 de abril.
Dende que se decretou o Estado de Alarma realízase unha reunión semanal telemática cos voceiros dos grupos políticos, para explicar as xestións realizadas e incidencias producidas ao longo da semana, considerando que é unha mostra de transparencia e que serve para que todos poidan achegar as súas propostas e traballar, unidos, nunha mesma dirección en beneficio dos veciños e veciñas de Viveiro.
Con ese mesmo obxectivo de unidade e traballo conxunto, convocouse aos voceiros a participar na reunión que este concello organizou co sector do comercio, na que se escoitaron as súas peticións e se explicaron as xestións realizadas nesta liña. Neste momento, o concello está a traballar para poder determinar as medidas que se porán en marcha coa finalidade de reactivar a economía municipal, dirixidas ás empresas que están a sufrir as consecuencias do cese de actividade derivado do estado de alarma.
Entendemos que esta a liña de traballo a seguir, conscientes de que temos por diante un duro e longo traballo. Esta crise sanitaria e económica esixe que todas as administracións, dende as súas propias competencias, traballen co único obxecto de recuperar a normalidade en todos os sectores e ámbitos da vida. É evidente que será complexo e que a incertidume actual dificulta o día a día, pero o goberno municipal está disposto a seguir traballando co compromiso, esforzo e responsabilidade necesarios para saír xuntos desta situación.
Ao fío disto, quero facer referencia ás declaracións de Elena Candia e Óscar Rodríguez, publicadas hai uns días na prensa, indicando, en primeiro lugar, que me parecen desafortunadas as declaracións da Presidenta Provincial do PP, tendo en conta que non ten coñecementos suficientes para pronunciarse sobre este concello.
Tamén me sorprenden as palabras do voceiro popular, tendo en conta todas as xestións que se veñen realizando dende o inicio da crise; durante as primeiras semanas, que foron as máis complicadas e de maior tensión, púxenme en contacto persoalmente con cada un dos voceiros para explicarle cada un dos pasos que iamos dando; ademais, como xa se explicou, a partir da primeira semana, convocamos unha reunión semanal con todos os voceiros, na que tamén están presentes os técnicos municipais. Creo que non me equivoco se afirmo que somos o concello que máis veces reuniu á oposición nesta crise; todas as semanas informamos os voceiros das medidas adoptadas, aínda que o voceiro do PP parece non estar moi atento, tendo en conta que nas súas propostas inclúen accións que xa se están realizando.
Con respecto ás propostas do PP, quero lembrarlle ao voceiro popular que se lle deron explicacións na reunión semanal, tanto por parte desta alcaldía como por parte da secretaria municipal. O Concello está traballando nun plan de axudas, que require estudar se cada unha das medidas son técnica e xuridicamente viables; é moi fácil presentar un listado de propostas sen verificar se son legais ou se hai presuposto económico, pois, como xa se lle dixo, hai exencións que o concello legalmente non pode adoptar.
Creo que é unha lástima que o Partido Popular se desmarque nesta situación, cando a maioría dos voceiros están traballando na mesma dirección que o goberno municipal co obxectivo de saír da crise actual. Tendo en conta que a miña intención é conseguir a máxima unidade nun tema tan importante como este, seguirei convocando estas reunións semanais para que cada voceiro poida formular as preguntas ou propostas que considere.
Quero, finalmente, agradecer a todos os veciños e veciñas pola súa comprensión, acatando as recomendacións sanitarias en beneficio de todos; aos nenos e nenas, en particular, polo esforzo que a eles lles está a supoñer este confinamento; a todos os profesionais (sanitarios, forzas e corpos de seguridade, transportistas, empregados de farmacias, supermercados, gasolineras…) polo voso traballo diario, indispensable; a todos os voluntarios e voluntarias, que demostran que as crises son capaces de sacar o mellor de cada un; aos empregados municipais, polo seu gran labor nestas semanas; e, en definitiva, grazas a todos aquelas persoas que están a traballar intensamente co único obxectivo de poder superar, canto antes, esta situación e volver á normalidade en canto sexa posible. Grazas!
María Loureiro García, alcaldesa de Viveiro