A Mariña, 23 de maio de 2020. Os técnicos de turismo do xeodestino da Mariña Lucense mantiveron unha reunión telemática para compartir cuestións relacionadas coa volta da actividade nas oficinas de información turística, cando sexa posible neste período de desescalada. Avogan por extremar as medidas de hixiene e por retirar os folletos para autoconsumo e apostar, sempre que sexa posible, polo formato dixital a través de códigos QR. A xuntanza foi coordinada pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense.
A axente de Desenvolvemento Turístico da Mancomunidade de Concellos da Mariña, Tania Hermida, sinalou que “en moitas ocasións a primeira impresión que os/as turistas reciben dun destino é o das oficinas de turismo e, hoxe en día, lograr transmitir aos visitantes un destino seguro é fundamental. Considerouse acertado comezar a reflexionar sobre este aspecto de forma colaborativa, sendo conscientes de que a prioridade son as medidas sanitarias, sociais e de seguridade para a propia poboación local ante a crise asociada á pandemia”.
Hermida indicou que “nesta xuntanza fóronse trasladando e compartindo as medidas que cada área de turismo municipal valora levar a cabo, en base ás guías para a redución do contaxio por Covid-19 no sector turístico, que foron elaboradas polo Ministerio de Industria, Comercio y Turismo en colaboración co Ministerio de Sanidad, e á espera da publicación por parte da Xunta das especificacións por subsectores de obrigado cumprimento. Unha das cuestións claves que se comentaron foi a necesidade de traballar nun destino seguro, coa correcta implementación e adaptación ás medidas hixiénico-sanitarias, así como na formación do persoal fixo e temporal que atende aos/ás turistas, co obxectivo de reducir ao máximo a posibilidade de contaxio tanto do propio persoal de turismo coma dos visitantes”.
Desde a Mancomunidade Tania Hermida sinalou que “dependendo das instalacións turísticas públicas de cada municipio valóranse diferentes accións, como a delimitación e control de aforo, a sinalización do circuíto a realizar de entrada e saída para evitar cruces entre persoas e da distancia de seguridade. Tamén, a instalación de mamparas ou o uso de máscaras, mascarillas, luvas, uniformes e dispoñer de xel hidroalcohólico, papeleiras de pedal e felpudos desinfectantes, ademais da necesidade de reforzar a limpeza de mostradores e instalacións en xeral e retirar mobiliario que poda supor un foco de contaxio. Así tamén resaltouse a conveniencia de retirar os folletos para autoconsumo e apostar, sempre que sexa posible, polo formato dixital a través de códigos QR, inhabilitar o uso de pantallas táctiles e de contar, a nivel autonómico a poder ser, cunha cartelería homologada en varios idiomas para información dos usuarios sobre as medidas e precaucións a tomar”.
A axente de Desenvolvemento Turístico da Mancomunidade lembrou que “a día de hoxe a atención ao público das oficinas de turismo faise de xeito telemático e non se conta cunha data fixa de reapertura para a atención presencial. Esta dependerá en gran medida do proceso de desescalada, así como da posibilidade de movementos entre provincias e do que vaian decidindo os Concellos. O reinicio deste servizo, que depende de cada Concello e que nestes momentos se atopan retomando a atención presencial nas dependencias municipais doutros servizos básicos para a poboación local, tratará, na medida do posible, de facerse de xeito coordinado no conxunto do xeodestino”.
Tania Hermida explicou que “son varias as cuestións que preocupan ao persoal técnico turístico, coma a capacidade para dar un servizo de calidade aos visitantes cuns recursos que probablemente se verán minguados mais do habitual debido ás necesidades acaecidas e que os seus municipios deberán asumir, tamén á xestión dos aforos en determinados recursos e actividades turísticas así como a xestión das praias. En relación aos areais, agardan que non acabe sendo un dos problemas graves, ao non caracterizarse o xeodestino pola súa masificación, coma acontece noutras zonas de Galicia”.
Hermida engadiu que “os técnicos de turismo apelamos e agardamos paciencia e solidaridade, así coma respecto e comprensión nestes momentos difíciles para todos, tanto pola xente que visite A Mariña Lucense neste verán coma polos propios residentes, que forman parte da realidade e identidade do territorio e se caracterizan, entre outras cousas, pola súa boa acollida e hospitalidade. Xunto a autenticidade do destino, esa relación amable e directa coa comunidade local é un gran valor engadido que debemos coidar entre todos”.






















Castro destacou o labor da Asociación e o potencial da tradición do ferro como motor económico, social e cultural para Riotorto, subliñando a importancia de impulsar iniciativas que garantan futuro para estes oficios. A Deputación de Lugo mantén unha colaboración estable coa entidade, cunha achega de 14.000 euros. No marco deste apoio, a Asociación avanzou na documentación dos oficios do ferro, catalogando ferramentas, técnicas e a historia das antigas “ferrerías de monte”.
O responsable provincial destacou "o traballo realizado pola organización ao longo destes anos para consolidar unha proba deportiva de primeiro nivel, que atrae tanto deportistas do máximo nivel competitivo como participación popular"
O grupo teatral O Centiño de San Martiño (Foz) actuou este sábado en Marzán, convidado pola asociación veciñal Torques de Marzán. O local quedou pequeno ante a resposta do público: 73 persoas, un récord de asistencia para unha obra de teatro na parroquia. A comedia provocou constantes risas e un ambiente moi participativo. A iniciativa volve demostrar o valor de levar actividade cultural e teatro afeccionado ás parroquias e barrios, achegando propostas escénicas a lugares afastados dos grandes circuítos. O Centiño continuará a xira de “O Autobús” nas vindeiras semanas: Sábado 25 de abril: Vilaronte (Foz). Sábado 2 de maio: Casa da Cultura de Trabada
A xornada contou con degustación gratuíta de viños elaborados por adegas da contorna, unha cata comentada e un mercado de produtos gastronómicos locais, permitindo aos asistentes coñecer de primeira man a riqueza do produto de proximidade. O pregón desta edición correu a cargo de Alejandro Gándara, quen presentou o seu proxecto audiovisual 360 curvas, unha obra que reflexiona sobre a distancia entre A Fonsagrada e Lugo e sobre o conflito social e político asociado á perda da súa condición de cabeceira de comarca, no marco da loita contra a despoboación.
Haberá degustación diaria de ostras na carpa do porto. Concertos, showcookings, visitas guiadas e actividades mariñeiras. Lancha pola ría, exposición de maquetas e concurso fotográfico #somoslasostra2026, ademais propostas especiais en Acueo, La Casilla e Restaurante Peñalba.
A etapa, cun percorrido duns 150 quilómetros, partiu arredor das 11:30 horas e rematou en Barreiros, atravesando concellos como Xermade, Muras, Viveiro ou Foz. A proba reúne a equipos do ciclismo profesional internacional e sitúa a provincia de Lugo como escenario dunha das citas deportivas máis destacadas do calendario. O Goberno colabora no desenvolvemento da carreira a través das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que velan polo correcto desenvolvemento da proba e pola seguridade de participantes e afeccionados.
A cita contará con charlas, obradoiros, concurso de fotografía e unha ampla zona expositiva. A feira será de acceso gratuíto e está pensada para gozar en familia.



