Haberá servizo especial de autobuses entre Viveiro e O Naseiro
Viveiro, 21 de agosto de 2026. O Concello de Viveiro informa á veciñanza e ás persoas asistentes da necesidade de cumprir coas normas establecidas para garantir a seguridade, o respecto ao medio ambiente e a boa convivencia durante a tradicional Romería do Naseiro, que se celebrará entre os días 21 e 26 de agosto.
A alcaldesa, Mariña Gueimunde, subliñou que “o obxectivo é que toda a cidadanía poida gozar desta festa tan querida, preservando ao mesmo tempo a seguridade das persoas, o entorno natural e a convivencia entre romeiros”.
Segundo recolle o bando municipal, lembra á veciñanza o seguinte:
Recoméndase ás persoas romeiras estar atentas ás indicacións e instrucións facilitadas pola Comisión de Festas para a instalación dos plásticos e o peche das mesas e parcelas.
Debido ás actuais condicións meteorolóxicas, caracterizadas polas altas temperaturas e a escaseza de precipitacións, recoméndase non utilizar petardos, fogos artificiais nin ningún tipo de material pirotécnico, así como evitar a realización de barbacoas ou calquera tipo de lume, por razóns de seguridade.
Habilitaranse sanitarios nas inmediacións, pregándose o seu adecuado uso.
Os residuos deberán depositarse nos colectores instalados, respectando a recollida selectiva.
Todos os obxectos e materiais empregados deberán retirarse ao rematar a romaría, habilitándose puntos específicos de recollida.
A romaría celébrase nun espazo natural protexido da Rede Natura 2000, polo que é imprescindible respectar o entorno e as normas de protección vixentes.
O Concello solicita a colaboración de todas as persoas asistentes para o bo desenvolvemento da festa e deséxalles que gocen dun feliz Naseiro 2026.
Horarios de autobuses
Para facilitar os desprazamentos, o Concello de Viveiro tamén informa dos seguintes servizos especiais:
Saída: Praza de Lugo.
Destino: Naseiro.
Horario: Desde o venres 21 de agosto ás 18:00 horas ata o mércores 26 de agosto ás 11:00 horas.
Frecuencia según demanda, máximo cada 30 minutos.
Prezo: 1,60 € por viaxe.
Bonificacións: Tarxeta xente xove e persoas maiores de 65 anos.
Considerada unha das celebracións máis emblemáticas do municipio e declarada de Interese Turístico Galego, a romaxe ofrecerá durante seis xornadas diferentes propostas, entre as que se inclúen actuacións musicais, sesións vermú, verbenas, actos relixiosos e actividades especialmente pensadas para as familias.
A programación comeza o venres 21 de agosto, Día do Polbo, coa actuación da Batukada KomBarullo.
O sábado 22 terá lugar ás 13:30 horas a misa na Capela do Campo da Festa, seguida da procesión. A continuación, a sesión vermú e a verbena estarán amenizadas pola Orquestra Platinum e o Grupo Pasión.
O domingo 23, tamén ás 13:30 horas, celebrarase a misa cantada pola Coral Polifónica Alborada de Viveiro e a posterior procesión. A xornada contará ademais coas actuacións da Orquestra La Oca Band e o Grupo M3 Show durante a sesión vermú e a verbena.
A programación continuará o luns 24 de agosto coa Orquestra Fuego e o Grupo Arizona, encargados de amenizar a sesión vermú e a verbena.
O martes 25, o Dúo Belinda será protagonista da xornada, que contará tamén coa música de Hermo durante a sesión vermú e a verbena.
A romaxe pechará a súa programación o mércores 26 de agosto, Día do Neno, cunha xornada dedicada especialmente aos máis pequenos, que poderán desfrutar das atraccións instaladas no Campo da Festa a prezos populares.
A Romaxe do Bo Xantar de Naseiro volverá así reunir veciñanza e visitantes nunha das grandes citas do calendario festivo de Viveiro, mantendo viva unha tradición ligada á gastronomía, á música e á convivencia e ofrecendo propostas para desfrutar en familia e con amigos.






















No encontro, abordáronse temas como a posibilidade de colaborar na mellora da formación dos traballadores, destacando a importancia que ten ese aspecto neste sector estratéxico para Galicia. Tamén se trocaron puntos de vista relativos ás condicións laborais dos profesionais do mar.
Pasadas as 13:30 horas deste luns, o 112 Galicia tivo constancia, a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dun ciclista que se atopaba en parada cardiorrespiratoria no quilómetro 1 da LU-151, á altura da parroquia de Fazouro. De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitaron a colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local de Foz. Malia os esforzos, os profesionais sanitarios só puideron confirmar o falecemento da persoa.
A variada oferta de produtos de artesanía e de alimentación de temporada e proximidade á venda complementouse con degustacións de minihamburguesas de carne de raza Limiá e empanada de carne de porco celta e tenreira de raza Caldelá, que se repartiron gratuitamente entre as peroas que fixeron algunha compra no Mercadiño.
Os cortes produciranse do punto quilométrico 2,800 ao final da vía. Habilitaranse desvíos alternativos que estarán debidamente sinalizados.
Cada participante pode presentar unha única fotografía, en papel e formato dixital, seguindo as bases dispoñibles na web da Deputación. A celebración do aniversario inclúe actividades como a Xornada de Degustación da Tenreira de Ancares, unha xornada micolóxica e un obradoiro de rescate na montaña, ademais doutras propostas ambientais e divulgativas nos próximos meses.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.



