Viveiro, 11 de maio, 2020. Desde SON Viveiro-SON en Común, queremos facer unha pequena reflexión sobre a circulación viaria na nosa cidade nestes tempos de coronavirus.
A seguridade viaria é un conxunto de accións que garanten o bo funcionamento da circulación do tránsito peonil, de condutores e de pasaxeiras/os, co fin de que se utilicen correctamente os espazos de tránsito. É fundamental que coñezamos as nosas obrigas como camiñantes para preservar a nosa integridade física e a normativa existente ata a actualidade non poderá ser a mesma cá que se utilice a partir do luns 11 de maio, primeiro día do desconfinamento. Por conseguinte, non debe deixarse a responsabilidade de actuación en cada cidadán ou cidadá, senón que debe ser o propio concello o que tome as medidas que correspondan para regular o uso do tecido viario público, evitando aglomeracións de persoas e seguindo as recomendacións de distanciamento social decretadas polo goberno.
Para iso, na próxima reunión de portavoces, o noso grupo aportará unha serie de medidas para mellorar a circulación; na última xuntanza, o noso voceiro, Luis Manuel García, propuxo que o tránsito polas beirarrúas se realizase utilizando o sentido viario da man dereita, proposta que motivou a colocación dun cartel na ponte da Misericordia. Non obstante, cremos que a nosa suxestión debe facerse extensiva a todo o municipio, sinalizándoo convenientemente para que as e os viandantes teñan claro por onde deben desprazárense e garantir a separación de dous metros sinalada polo Real Decreto, facendo que as persoas comecemos a coller confianza e seguridade nas nosas saídas, contribuíndo deste xeito á reactivación económica.
