Foz, 9 de xuño de 2020. Foz é o concello da Costa lucense que máis bandeiras azuis logrou para este verán: cinco para praias e unha para o sendeiro que percorre o litoral do municipio. Este feito foi destacado polo alcalde focense, Fran Cajoto.
“No Concello de Foz estamos moi contentos porque de novo 5 praias obtiveron o distintivo da bandeira azul. Son as de A Rapadoira, Llas, Peizás, As Polas e Areoura. Somos o concello da Mariña con diferenza que máis bandeiras azuis obtén e iso dá mostra da calidade dos nosos areais, da auga de baño e dos servizos que se ofrecen. Ademais este ano recupérase ese distintivo para o sendeiro que discorre entre as praias de A Rapadoira e Areoura, o que denominamos Ruta das praias”, explicou o rexedor municipal.
Fran Cajoto engadiu que “é un sabor un pouco agridoce porque o ano pasado tivemos que tomar, por responsabilidade, a decisión de non izar esas bandeiras azuis nas praias, de apostar por distribuír os socorristas para que estivesen vixiadas máis praias e incumprir ese requisito do número de socorristas nos areais con bandeira azul concedida para garantir a seguridade tamén no resto das praias que non obtiveran o distintivo. E este ano estamos agardando polas subvencións da Xunta para contratar socorristas porque aínda non chegou esa resolución, cando estamos practicamente a mediados do mes de xuño, e vemos que se non chega esa subvención habitual non poderemos abrir as praias en condicións para xullo, como viña sendo habitual. Estamos moi contentos polos distintivos, pero o que máis nos preocupa sempre é a seguridade nas praias: as bandeiras están moi ben, son unha mostra da calidade, pero non garanten esa seguridade que queremos ter cos socorristas necesarios. Polo tanto esperemos que a Xunta de Galicia resolva pronto”.