Viveiro, 25 de xuño de 2020. O Concello de Viveiro organiza o campamento urbano de verán para nenos e nenas, que terá lugar do 8 de xullo ao 28 de agosto co obxectivo de favorecer a vida familiar e laboral.
O campamento será no pavillón do CEP Lois Tobío cun horario de 8.30 a 14.00 horas, de luns a venres. Este ano, para garantir a seguridade das nenas e nenos participantes, mantendo a distancia establecida e o traballo en grupos reducidos, establécense dúas quendas; a primeira, do 8 ao 31 de xullo, e a segunda, do 3 ao 28 de agosto.
“No concello somos conscientes das dificultades das familias para conciliar no actual contexto de crise sanitaria, polo que decidimos celebrar os campamentos; haberá maiores limitacións e medidas que outros anos, xa que queremos cumprir con todos os protocolos recomendados polas autoridades sanitarias”, asegura a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.
O campamento urbano de verán oferta un total de 108 prazas para os nenos e nenas que cumpran os requisitos de admisión, distribuídos en dúas quendas de 54 nenos e nenas cada unha, a elexir pola nai, pai ou titor/a.
De cubrirse a totalidade de prazas nunha quenda, atendendo á orde de inscrición, automaticamente quedarán adscritos á outra quenda, sempre no caso de quedaren prazas vacantes. No caso de non cubrirse a totalidade de prazas na segunda quenda, poderían repetir os participantes na primeira, que así o desexen, atendendo ao criterio da orde de inscrición.
Resérvanse 5 prazas, por quenda, para nenos e nenas con discapacidade igual ou superior ao 33%, e outras 5 prazas, por quenda, para nenos e nenas pertencentes a familias en situacion de vulnerabilidade. No suposto de que as prazas reservadas non se cubran, pasarán a acumularse ao resto de prazas libres.
Con respecto ao criterio de selección, cómpre indicar que en primeiro lugar seleccionaranse aos nenos e nenas daquelas unidades familiares na que ambos proxenitores, teña vixente unha relación laboral no prazo de presentación de instancias ou estén realizando un curso do plan de formación impartido dentro da formación para persoas desempregadas das distintas administracións públicas.
No suposto de separación, divorcio ou familias monoparentais atenderase a que este requisito se cumpra respecto do proxenitor que se atope a cargo do/a menor.
As bases de selección deste campamento publicaranse no taboleiro de anuncios dixital o luns 29 de xuño e a presentación de solicitudes realizarase no prazo de 5 días hábiles dende o día seguinte ao da publicación, é dicir do martes 30 de xuño ao luns 6 de xullo de 2020 (ambos incluídos).
A solicitude e documentación a presentar compulsada é a seguinte:
a) Solicitude de participación no campamento, que figura como ANEXO I ás bases e declaración responsable referente ás medidas excepcionais a adoptar fronte ao covid-19.
b) Fotocopia do DNI do/a menor
c) Fotocopia da tarxeta sanitaria
d) Fotocopia do DNI do pai/nai/titor legal que asine a solicitude de campamentos
e) Fotocopia do libro de Familia
f) No caso de ter certificado de discapacidade, copia do mesmo
g) No caso de pertencer a grupo en situación de vulnerabilidade, informe acreditativo do mesmo
h) No caso de separación/divorcio entre os pais, copia da mesma para acreditar o réxime de custodia.
i) Vida laboral dos proxenitores ou certificado de realización do curso de formación emitido pola entidade impartidora.
j) Declaración da renda do exercizo 2018 e de non tela realizada certificado expedido pola AEAT acreditativo de dita circunstancia.
Os requisitos de participación neste campamento urbano son os seguintes:
a) O/ a menor deberá estar empadroado no concello de Viveiro cun mínimo dun ano de antelación á data de comezo do campamento.
b) Os/as participantes no campamento deberán ter nacido entre os anos 2008 e 2016, ámbolos dous incluídos.
c) O nivel de renda da unidad familiar, non poderá ser superior a 6,5 veces o IPREM 2020, límite que se incrementará nun 15 % cando se trate de familias monoparenteis ou familias numerosas.
O obxectivo deste campamento é cubrir a nivel pedagóxico este tempo de lecer facilitando unha alternativa de ocio saúdable, fomentando o xogo, o deporte, a expresión artística así como os valores de convivencia e respecto entre iguais. Promoverase a realización de actividades de carácter lúdico: manualidades, obradoiros de refugallo, xogo cooperativo, actividades deportivas…
No mesmo senso, trátase de favorecer a conciliación familiar durante os meses de vacacións estivais, ofrecendo un recurso axeitado ás familias que por motivos laborais atópanse con dificultades para compaxinar a vida profesional e a crianza dos nenos e nenas.
Este verán, debido á situación provocada polo Covid-19, é necesario máis que nunca ofrecer un recurso lúdico para os nenos e nenas, así como unha alternativa segura para as familias, que necesitan seguir cumprindo coas súas obrigas laborais.
O desenvolvemento deste campamento de verán axústase ás medidas establecidas pola Xunta de Galicia para o desenvolvemento das actividades de Educación non formal, Ocio Educativo e Tempo Libre adaptadas á situación de Covid-19. Por este motivo organízase en dúas quendas diferenciadas, reducindo o número de grupos coa finalidade de minimizar as interaccións entre eles, rotando as actividades para que todas as persoas participantes desfruten das mesmas.




















A proba, organizada polo CP Altrúan, reuniu máis de 130 palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García entregou os premios da proba, na que Club Fluvial de Lugo, Cidade de Lugo e Altruán coparon o podio por equipos. A Copa Deputación de Piraguismo, que conta de 6 regatas, organízase no marco da colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén coa Federación Galega de Piragüismo para a promoción deste deporte, ofrecendo aos clubs a posibilidade de participar en competicións federadas nas súas comarcas e contribuíndo así á consolidación de equipos de base.
Malia a intensa calor, o pavillón encheuse de público para gozar das actuacións das numerosas alumnas, que ofreceron exercicios individuais, por parellas e en grupo, destacando pola súa beleza e dificultade técnica ao ritmo da música escollida. Ao remate, a concelleira Ana Rubal entregou medallas ás participantes, que tamén agradeceron o traballo e os valores transmitidos pola súa monitora, Lorena Fernández. Lémbrase que a festa de clausura das Escolas Deportivas terá lugar o luns 29 ás 19:00 horas, nun acto conxunto co Concello de Alfoz, no que haberá diversas actividades de celebración e a entrega de diplomas.
A cantante e instrumentista asturiana Mónica Acevedo actuará en formato solista, mentres que o equipo do local ofrecerá un menú especial con pratos como o tartar de xarda, gañador do “Ribadeo Sabe”, gazpachuelo de tempada, lomo de sardiña con berenxena afumada, cóctel de lagostinos, bonito de Burela con melocotón asado e sopa de cebola, e solombo de porco celta con xudías tenras. A cita comeza ás 21:15, con prazas limitadas e reserva imprescindible.
A xornada incluíu tamén o IV Torneo de Pádel, que continuará durante a fin de semana. O evento, organizado polo Concello xunto con ASAPA e Miño Vivo e coa colaboración da Xunta, recupera unha iniciativa nacida hai catro anos a petición da mocidade, coa intención de consolidala no tempo. O tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, destacou a alta participación —catro veces maior ca na primeira edición— e agradeceu a implicación de entidades, colaboradores e asistentes, así como a presenza de representantes da Xunta, do Parlamento e da Deputación.
Adultos, nenos, familias, grupos de amizades fixeron o percorrido nun día espectacular de sol e cunha temperatura de 26º á hora da saída. Acudiron á cita o presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, as concelleiras e concelleiro ribadenses, Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Elena Sierra e Francisco José Silvent, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, así como representantes da AECC de Ribadeo coa súa presidenta, Tea Martínez, á cabeza. A II Andaina Ribadeo en marcha contra o cancro contou co patrocinio de Solán e Acisa Ribadeo e coa colaboración do Concello de Ribadeo, Eroski e 2M.
A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
Pasada a medianoite, un vehículo saíuse da vía na N-634. Como consecuencia do impacto, tres persoas resultaron feridas. Da asistencia sanitaria ocupáronse os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil de Tráfico da seguridade na vía. Os Bombeiros de Barreiros tamén acudiron, sen embargo, ningún dos feridos estaba atrapado.



