Lugo, 30 de xuño de 2020. O CD Burela FS Pescados Rubén trouxo esta tarde á Praza de San Marcos o trofeo de campioas da Liga de Primeira División Feminina de Fútbol Sala. O deputado de Deportes Efrén Castro recibiu ás “guerreiras laranxas” que volveron facer historia para o deporte galego tras gañar a final da máxima categoría estatal este domingo en Málaga (3-2) fronte ao Alcorcón.
Efrén Castro, que acompañou ao equipo á disputa da final, loubou o esforzo do equipo que, dixo, “xa ten un sitio entre os mellores equipos de fútbol sala feminino do mundo, e iso desde unha vila como Burela só se consigue con moito traballo e moita humildade”.
Ademais das xogadoras, participaron na recepción o persoal do corpo técnico e o presidente e vicepresidenta do club, Manuel Blanco e Cesarina Fanego. O club recibiu como recordo da data unha figura de bronce.