Lugo, 28 de xullo de 2019. A Deputación de Lugo aprobou no Pleno ordinario celebrado este martes, cos votos a favor do PSdeG e o BNG e a abstención do PP, unha proposta presentada polos socialistas na que lle reclaman ao Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que cumpra as súas promesas electorais con Alcoa. A Deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro, encargada de defender esta moción, recalcou que “desde a Deputación de Lugo sempre amosamos o noso apoio aos traballadores de Alcoa e ás empresas auxiliares e tamén demandamos solucións e medidas ao Goberno central aínda sendo da mesma cor política para evitar o peche de Alcoa e evitar que máis de 500 postos directos e outros tantos das auxiliares se foran á rúa, nunha comarca totalmente rota”.
“Presentamos esta moción para que a Xunta dunha vez por todas se poña a traballar e deixe de estar de perfil. O estatuto de autonomía deixa claro no seu artigo 30 que a competencia é da Xunta de Galicia. En 9 meses Feijóo non ten presentado ningunha proposta completa, ten mudado de opinión en función do que lía nos titulares de prensa. Sementando pesimismo dixo que nunca estivera tan preocupado por Alcoa e despois en plena campaña electoral dixo que arranxaría o problema ao día seguinte se gañaba as eleccións. 20 días despois dos comicios electorais, cunha clara vitoria do PP, non se volveu a falar máis do problema de Alcoa como se de súpeto se esfumase”, remarcou a Deputada.
Loureiro incidiu no compromiso do Grupo Provincial Socialista porque “nunca esquecemos as competencias do Goberno central e incluso nesta mesma institución aprobamos mocións porque sabemos que as competencias en enerxía son do Executivo do Estado”.
Nesta liña cuestionou a posición de Feijóo, que, “con tal de botarlle a culpa ao Goberno, insistiu en repetir a tese da empresa de que o problema era o prezo da enerxía, a pesar de que dende xuño a empresa contou cunha proposta que pon o precio do kw/hora por debaixo de 40 euros, o que a empresa pediu nun principio; e un plan de axudas de 600 millóns de euros en tres anos presentado polo Goberno de España.”
María Loureiro fixo referencia á mesa multilateral celebrada na xornada de onte: “Quero mostrar o meu optimismo racional pero esperanzado de cara ao futuro, xa que o Ministerio de Industria solicitou a Alcoa que negocie co inversor interesado. Como dixo o Secretario de Industria, Raúl Blanco, hai un proxecto alternativo que daría continuidade á Mariña.”
“Como Deputada pola comarca da mariña e como Alcaldesa de Viveiro vexo un albisco de luz e un alo de esperanza para mellorar a situación dos meus veciños e veciñas de Viveiro e de toda a comarca da Mariña. Nestes meses de incerteza e de inquedanza o que fixo máis ruído foi o silencio da Xunta de Galicia, o espeso e teimudo silencio que non foi quen de achegar ningún proxecto industrial”.
A Deputada insistiu no papel que xogou o Presidente da Xunta de Galicia, que aseguraba en campaña electoral que solucionaría a crise de Alcoa se gañaba as eleccións e criticou que se posicionara de parte da empresa, en lugar de “ir da man do Goberno central, que puxo enriba da mesa a aprobación dos fondos de garantía e puxo un inversor solvente disposto a asumir todo o complexo de San Cibrao e aos seus traballadores, asegurando un proxecto industrial de futuro.”
Reapertura dos Centros de Saúde pechados
O Pleno aprobou por unanimidade reclamar ao Goberno da Xunta a reapertura dos centros de saúde pechados de Castro de Rei e Parga. O Executivo Provincial condenou o uso da pandemia da COVID-19 por parte da Administración autonómica para recortar servizos básicos.
A voceira provincial socialista, Pilar García Porto, remarcou que “ultimamente vimos presenciando peches en servizos médicos fundamentais na nosa provincia pero tamén fóra dela. Restricións na atención sanitaria, baixas que non se cobren, vacacións que non se cobren e centros de saúde que ata fai pouco contaban con tres médicos e hoxe non os teñen, están con soamente un. Hai que ter en conta que contamos na nosa provincia cunha poboación moi dispersa, que está máis envellecida cada día e que necesita unha atención de proximidade”.