Mondoñedo, 28 de xullo de 2020.- A Xunta de Goberno aprobou esta mañá a concesión da licenza urbanística a Bloques Cando S.L para a súa instalación no polígono. Deste xeito, conclúese un proceso que se viu afectado pola suspensión dos prazos administrativos que trouxo consigo a pandemia sanitaria.
O polígono industrial contará así con tres parcelas máis con actividade. Concretamente, a aposta desta firma conleva a implantación nunha superficie, que supera os 3.100 metros cadrados, dunha planta destinada á fabricación deste material para posterior distribución en obra. O proceso de implantación leva aparellado tamén a creación de novos postos de traballo de forma directa e indirecta, xa que a súa posta en marcha require a contratación de persoal tanto para operar na planta en si, como para a distribución do material.
Esta iniciativa xurde logo de que o Concello puxese en marcha unha liña de axudas para o fomento de actividades económicas no parque empresarial, pois para o equipo de goberno resulta prioritario o fomento do mantemento e consolidación das actividades existentes, así como a captación de novas iniciativas que contribúan a crear postos de traballo e revitalizar a economía local.
Mondoñedo é municipio doing business, é dicir, un concello adherido a esta iniciativa, impulsada desde o IGAPE, que permite ofrecer as empresas que se instalen no seu territorio rebaixas fiscais. Deste xeito, os proxectos empresariais que xeren emprego como o sinalado disporán de rebaixas no Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) e no Imposto de Actividades Económicas (IAE).
Trátase, por tanto, dun paso máis que dá o Concello para incentivar o desenvolvemento económico e empresarial do municipio. Tal é así que dende a entidade local xa se está a traballar na segunda edición da guía Mondoñedo un municipio para invertir, iniciativa que vai acadando obxectivos pouco a pouco e que xa estaba preparada, pero que tamén está a ser adaptada á nova realidade que trae o Covid-19. Esta estraxia, xunto coa Área Rexurbe, son a a folla de ruta do equipo de goberno para vindeiros exercicios.