Burela, 14 de xullo de 2020. O alcalde, Alfredo Llano, asegura que hoxe son 125 os positivos por Covid neste concello e 293 as persoas que están en seguimento. O rexedor subliña que Burela leva dous días sen rexistrar novos positivos, que seguen a baixar as cifras de contaxiados e de casos que se atopan baixo control sanitario nos seus domicilios. Llano felicita á poboación polo seu comportamento e agarda que a cadea de contaxios se corte para volver canto antes á nova normalidade.
Alfredo Llano explicou que “estamos chegando a uns resultados extraordinarios, porque nin hoxe nin onte houbo ningún positivo e pasamos de 144 a 125. Por tanto, esta é unha cuestión que nos da optimismo, nos da esperanza, e penso que se están facendo as cousas con xeito. En canto aos confinados temos 293. A medida que pasen os días isto se irá aclarando moito máis e iremos rebaixando considerablemente tanto os positivos como os confinados”
O alcalde recoñeceu que “é un pouco fastidiado, respecto á mobilidade e noutras cousas xa que non podemos facer o que nos gustaría”, pero remarcou “estamos respondendo perfectamente ao noso obxectivo, que non é outro que cortar a cadea de contaxios que había respecto ao primeiro brote”.
Llano tamén agradece aos veciños e veciñas de Burela o seu su comportamento estes días: “hai que ter en conta unha cousa, estendeuse por parte da veciñanza de Burela a responsabilidade compartida que debemos ter entre todos para non ter nin un solo positivo e penso que a xente estase comportando dunha forma exemplar e son conscientes do que nos xogamos”.
O rexedor burelés engadiu: “quero darlle os parabéns á xente de Burela, pero hai que continuar facendo esta labor de responsabilidade compartida para rematar con 0 positivos e 0 confinados. Penso que se están tomando as medidas axeitadas e están dando os resultados que se queren. Isto da un pouco de confianza para que nos recuperemos non excesivamente rápido, pero si pouco a pouco para poder normalizar a vida tanto socioeconómica como sanitaria”.
Alfredo Llano tamén se referiu ás eleccións do pasado domingo e declarou “foron un exemplo claro de responsabilidade e de gardar os protocolos e facilitar a labor de todo o mundo e que todo o mundo puidera votar da mellor maneira posible, respectando a distancia para eliminar os contaxios e penso que é meritorio dun encomio para o pobo de Burela”.
