Burela, 23 de xullo de 2020. O alcalde, Alfredo Llano, salientou que seguen baixando os casos de coronavirus, que nas últimas vintecatro horas pasaron de 41 a 24. O rexedor dixo que continuarán pechados os parques, as prazas e lugares públicos da vila ata o mércores da vindeira semana.
Alfredo Llano declarou que “hoxe tamén vemos que seguimos na mesma liña e que vai avanzando en positivo en Burela e no conxunto da Mariña. En Burela hoxe baixamos 17 casos positivos, tíñamos 41 e pasamos a 24. É moi importante e anima, sobre todo, porque a vinculación co brote está localizada e controlada. Imos continuar nesta liña, imos seguir pedindo a colaboración e a cooperación da xente que realmente é quen debe influír nesta situación porque tíñamos que ter confianza e dar confianza e desde logo traballar todos na mesma dirección para que cheguemos a cero o antes posible”.
O alcalde sinalou que “hai que ter en conta que entre todas as medidas que se publicaron no DOG e entraron hoxe en vigor, está a mobilidade, que era moi importante sobre todo para Burela porque era o único concello que estaba aínda sen aplicala. Tivemos en total 17 días de confinamento. Penso que isto debe ser unha lección para aprender e desde logo agradecer o traballo inmenso realizado desde o Hospital para favorecer a realización das PCR e o seguimento dos casos que tamén se levou desde o Concello para lograr, a través do traballo conxunto, romper a cadea de contaxios deste brote”.
Llano engadiu que “soamente cambiou a mobilidade e o horario dos establecementos. O resto segue vixente, por exemplo os aforos, as distancias, as reunións da xente cun máximo de dez persoas e o comportamento nas praias. Ata o mércores que ven non vai cambiar esta situación. En Burela queremos non dar ningunha oportunidade de contaxio en ningún lado, así que van seguir pechados os parques, as prazas e aqueles lugares públicos que vexamos que poden favorecer os contaxios”.
Petición de axudas formais
O alcalde de Burela anunciou que “tal como quedamos o outro día coa Acia imos facer unha petición formal á Deputación, á Xunta de Galicia e máis ao goberno central de axudas aos comerciantes, aos autónomos e ás Pemes de Burela. A ver se dan o seu resultado, se non cae en saco roto e dalgunha maneira podemos premiar o sacrificio que fixo moita xente ao longo destes días”.
