A Mariña, martes 21 de xullo. Debido ás circunstancias sanitarias que estamos atravesando, o BNG organiza un Día da Patria Galega expansivo e descentralizado cun acto central en Santiago o día 25 ás 12:00 na Praza da Quintana, cunha estricta limitación de aforo e reducido só á cidade de Compostela e comarcas limítrofes, con inscrición previa. Desde A Mariña non se poderá asistir pois a este acto que si poderá ser visto na canle de facebook do Bng, conectándose a https://fb.com/obloque
Actos na Mariña
Despois de térense suspendido dúas datas de referencia na Mariña, debido á situación sanitaria, como son a de Foz, cita lúdico-política e gastronómica con exaltación do chicharro, produto local, e a de Barreiros, coñecida popularmente como “a bonitada do Bloque”, @s nacionalistas da Mariña desplegarán esta semana a bandeira da patria, de considerables dimensións que será portada por un máximo de dez persoas das respectivas localidades en diversos puntos da comarca, coa seguinte orde cronolóxica:
Martes 21, ás 19:00, no Dique Norte de Morás
Mércores 22, ás 16:00 na ponte da Misericordia, en Viveiro
Mércores 22, ás 19:00 no Castelo de Alfoz
Xoves 23, ás 17:00 na Ponte da Espiñeira (Barreiros-Foz)
Xoves 23, ás 18:00 en Burela, no caso de que remate o confinamento, senón non se fai.
Construíndo a nova Galiza
“Nunha época complicada para Galiza e especialmente para a nosa comarca, o BNG reafírmase na convicción de que hai futuro para A Mariña, e nese futuro nosoutras seremos parte da solución, poñéndonos do lado d@s que están sufrindo esta crise económica, sanitaria e de emprego, como fixemos sempre e seguiremos facendo, máxime agora que temos unha ampla representación no Parlamento de Galiza e onde A Mariña terá voz propia co deputado Daniel Castro” afirmou a responsable comarcal Ana Ermida. “Entre todas construiremos unha nova Mariña nesta nova Galiza á que aspiramos”, rematou dicindo.