
A conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, participa por videoconferencia na presentación do proxecto de cooperación Tanza: inclusión social, sector pesqueiro, economía circular, no que participan varios Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de Galicia.
Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2020. A conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, participou hoxe por videoconferencia na presentación do proxecto de cooperación Tanza: inclusión social, sector pesqueiro, economía circular, do que forman parte varios grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) de Galicia. Durante o encontro puxo en valor o importante labor que realizan estas entidades no desenvolvemento socioeconómico das zonas de pesca impulsando valores como a inclusión social.
Neste sentido, Rosa Quintana sinalou que Tanza é un claro exemplo do traballo destes grupos e do que se pode facer sumando sinerxías entre eles e neste caso tamén con entidades vinculadas co sector pesqueiro, como confrarías e empresas, e co ámbito da inclusión social, como centros ocupacionais ou centros especiais de emprego.
Deste xeito, a través da cooperación entre distintos GALP, Tanza busca promover unha maior empregabilidade de colectivos de inclusión social en actividades vinculadas coa economía do mar. Tamén ten entre os seus obxectivos crear unha conciencia activa no sector pesqueiro en relación ás problemáticas ambientais e da inclusión social e contribuír a un maior aproveitamento do programa de axudas por parte das entidades de inclusión social.
O proxecto no que participan os GALP Mariña-Ortegal, Ártabro Norte, Ártabro Sur, Costa da Morte, Costa Sostible e Ría de Arousa botará a andar nos vindeiros días coa fase de divulgación, que inclúe diferentes xornadas de presentación coa finalidade de establecer unha rede de contactos e detectar necesidades e oportunidades en relación a inclusión social. Despois analizaranse e valoraranse aquelas ideas que resolvan necesidades dos sectores do mar e xeren emprego para colectivos vulnerables e identificaranse os axentes interesados en levalas adiante.
Esta iniciativa é unha das tres aprobadas no marco da convocatoria de 2020 das axudas destinadas a proxectos de cooperación interterritoriais e transnacionais dos GALP no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e conta cun apoio de algo máis de 108.700 euros. A través deles a Consellería do Mar busca estimular a cooperación dos grupos para que accedan a información e novas ideas e aprendan doutros grupos, rexións ou países. O obxectivo principal é a suma de sinerxías e a integración entre grupos. Tamén busca impulsar e apoiar a innovación e adquirir destrezas e medios que permitan mellorar as súas Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo.
Os GALP
Os grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) dan continuidade aos antigos grupos de acción costeira (GAC) e son asociacións sen ánimo de lucro colaboradoras da Consellería do Mar como axentes de desenvolvemento na aplicación da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo da zona pesqueira e na xestión e control das axudas que se tramitan para o desenvolvemento desa estratexia.
A actividade dos oito grupos que hai en Galicia dentro do programa operativo do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca contribúe a mellorar a transformación, comercialización e posta en valor das producións pesqueiras, ao desenvolvemento dun sector turístico sustentable, á creación de empresas e a xeración de emprego e á diversificación do sector a través de iniciativas complementarias da actividade pesqueira como o turismo mariñeiro. Tamén contribúe á conservación e valorización do patrimonio natural e cultural marítimo-pesqueiro.
En canto aos proxectos desenvolvidos por cada un dos oito grupos, desde a primeira convocatoria de axudas a estes proxectos, do ano 2016 e ata o 31 de decembro de 2019, desenvolvéronse 387 iniciativas que contaron cun total de axuda pública de preto de 25 millóns de euros, que catalizaron máis de 34 millóns de euros de investimento privado. Isto supuxo un investimento total de preto de 60 millóns de euros.



















Este venres, 14 de agosto ás 20.00 horas, terá lugar a presentación do libro "Espiritualidad", unha longa reflexión sobre a dimensión espiritual do ser humano, levada a cabo por 8 autores de diferences orientacións relixiosas, no Local Social do Parque Concepción Arenal (antigo matadoiro) de Ferreira do Valadouro. Estará presente o autor-coordinador da obra Pepe Peinó.
Estiveron acompañados polas dúas técnicas de Xuventude, para gozar dunha mañá nas distintas actividades que ofrece este parque de trampolíns. Pola tarde, o grupo parou a xantar no Lago das Pontes, onde puido coñecer a historia da súa creación e desfrutar dun baño. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa “Verán a Tope en Xove 2026”.
Evaristo Calvo, Rebeca Montero e Vítor Mosqueira interpretaron o pasaxe que recrea os últimos momentos do Mariscal Pardo de Cela e da súa muller, Isabel de Castro, antes da traizón da Frouseira. A acción cultural, coordinada por Carme Varela e promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, rende homenaxe ao gran dramaturgo do Valadouro no seu primeiro cabodano.
O 112 Galicia tivo constancia do accidente arredor das 13:20 horas deste martes. Segundo varios particulares, dous turismos colidiran no quilómetro 79 da LU-862. Nun vehículo había un ferido, mentres que no outro unha persoa estaba atrapada, aínda que se atopaba en bo estado trala colisión. Desde o CIAE 112 Galicia informouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Viveiro, á Garda Civil de Tráfico e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Vicedo. Unha vez no punto, a dotación de bombeiros puido liberar á persoa atrapada.
A Orquesta Mondragón con Javier Gurruchaga á cabeza e Fórmula V con Paco Pastor encheron de lembranzas e de ritmo a noite ribadense. Desde o Concello fan un balance moi positivo do concerto "xa que contribuíu á dinamización económica da nosa vila".
O Campo de Fútbol de As Valgas acolleu as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que pechou unha noite inesquecible.
Alí salientou o papel que desenvolve este evento no impulso dos produtos agroalimentarios de proximidade, ao tempo que favorece as canles curtas de comercialización. Destacou tamén a importancia deste mercado, considerado como un dos máis antigos da provincia de Lugo, xa que ofrece unha ampla mostra dos principais oficios de artesáns da Idade Media. Ademais, permite aos asistentes gozar de actividades variadas e degustar produtos agroalimentarios diversos.



