Levamos uns días lendo e escoitando a representantes do Partido Popular botar escuma pola boca a respecto da situación a nivel turístico e económico da Mariña, con afirmacións tan noxentas como falsas. Saen en tromba como bos autómatas aos que lles activaron o boton de “attack” alcaldes e carguiños semiinstitucionais que, por certo, estiveron ben desaparecidos hai unhas semanas, en plena campaña electoral no medio dunha brutal crise sanitaria, cando os seus xefes nos enganaban coas cifras de afectación da COVID-19 ou se poñían de perfil na solución ao problema laboral de Alcoa. Se son corredores de fondo, como di ese reaparecido exdelegado da Xunta, teñen que aprender a correr antes de pasar da meta; que despois está todo feito.
É curioso que o señor Balseiro, incapaz de asumir as súas responsabilidades na situación do PP na Mariña, veña dar leccións de nada e chamar “alcaldes na oposición” a quen democraticamente representa a máis do 85% da veciñanza desta comarca. Debe saber este señor que quen está maioritariamente na oposición, froito directo do seu traballo como responsable político nesta comarca, é o Partido Popular, reducido actualmente a gobernar catro concellos da comarca que non suman nin a poboación dalgún dos concellos gobenados por eses “alcaldes na oposición”, expresión a todas luces incoherente.
Hai que aprender a usar con moderación as palabras e saber recoñecer o lugar que ocupa cada quen e, a nivel municipal na Mariña, o Partido Popular vai camiño de converterse en residual. Ata as súas prazas fortes se tambalearon nesta última cita coas urnas, porque a xente está farta de soportar as faltas de respecto, as mentiras e a manipulación dunha organización de militantes robóticos, incapaces de facer un mínimo de autocrítica e que se dedican só a repetir cen veces unha mentira ata intentar convertela en verdade.
A última: tentar facerlle crer á xente que os turistas marcharon ou deixaron de vir á Mariña por declaracións de alcaldes e alcaldesas pedindo a suspensión das eleccións. Vamos a ver, sen ánimo de arrogancia ningunha, parece que se lle olvida ao Partido Popular e aos seus mandados representantes que foron os seus xefes quen ordenaron, vía Diario Oficial de Galicia, pechar unha comarca enteira, no ámbito do distrito sanitario, a unha semana da celebración das eleccións; só dous días despois de ter Alberto Núñez Feijoo sinalado e marcado como (ir-)responsables do brote do coronavirus á mocidade e establecementos de hostelería. Menudo favor que nos fixo a esta comarca o gran xestor!
Un peche, por outra parte, cando menos curioso; pechando tamén concellos que non tiñan ningún caso e que foron abertos cinco días despois (dous antes das eleccións, para situarnos) nunha clara maniobra de utilización de decisións disfrazadas de sanitarias como estratexia política. Cinco días nas medidas de control dunha pandemia non serven absolutamente para nada (así o demostra que a propia Xunta mantivera as medidas máis drásticas na zona afectada por 10 días e se sigan mantendo outras a día de hoxe) e foron adoptadas co único obxectivo de poder levantalas antes das eleccións e trasladar á poboación a sensación de certo control, cando a realidade seguía sendo o incremento de casos, incluso na zona inicialmente non afectada.
Quizais o feito de tratar de resolver crises sanitarias con medios policiais en lugar de con medios sanitarios, ten tamén que ver coa imaxe que se trasladou publicamente da Mariña. O incremento de medidas de control da poboación, mesmo notablemente invasivas (e dubidosas) na intimidade persoal por parte da Xunta, dispoñendo controis de desprazamentos a todas luces irrealizables; tentou tapar a falta de medios sanitarios nesta comarca que leva anos sufrindo a política dos edificios baleiros do Partido Popular. Unha crise sanitaria aténdese con persoal sanitario e non con persoal policial, con todos os respectos. Pero ao PP sempre lle gustou máis o control ca o diagnóstico e non ía ser menos desta vez…
E así, o domingo 5 de xullo un DOG anunciaba o peche de “fronteiras” na Mariña e a xente emprendía unha fuxida normal ante a falta de concreción e información fiable. E durante cinco días de cifras non reais (como se pode comprobar unha vez saídos á luz informes da propia consellería de sanidade que se negaron a facilitar ás alcaldías, convidándonos a acudir ao xulgado para solicitalas) A Mariña paralizouse por orde recollida no DOG.
E si, señor Balseiro, esta comarca vive unha situación límite a nivel económico e social agravada polos últimos acontecementos sanitarios, máis forxada durante a década máis negra dun goberno galego incompetente e incapaz de solucionar nin un só dos problemas desta comarca. Pregunte vostede ás antigas traballadoras e traballadores de ECAR, Hermida, Sargadelos, Construcciones Mon, Costiña, Conservas Alonso, Vestas, ás gandeirías pechadas, aos barcos despezados… e pregúntelle ao cadro de persoal de Alcoa e auxiliares.
E, de paso, dígalle ao seu presidente que na Mariña aínda nunca comemos a ninguén, que pode vir visitar a comarca cando queira. Iso si, que avise, para que lle rebacheen a estrada mentres non acaban ese corredor da Costa do que a Xunta se acorda cada catro anos.
Ana Ermida
Responsable comarcal e alcaldesa de Barreiros




















López agradeceu á Academia Galega do Audiovisual por escoller Lugo e destacou a importancia do evento para visibilizar o talento local e o apoio provincial ao sector. A gala contou cunha ampla representación lucense: Nuno Pico e Xaime Miranda polo videoclip Antes fun moi malo; Fran Fórneas e Sergio Marey por Ferido do Xoán; Sabela Ramil e Andrea Mesa por Non cho podo dar; o dúo Fillas de Cassandra; e o burelés Breixo Llano, do equipo de Cos pés na terra. Ademais, a película Sirāt, do naviego Oliver Laxe, foi unha das grandes favoritas con 14
A proposta combina imaxes e historias, con contidos novos e outros xa coñecidos, sempre cun humor moi persoal. A función está recomendada para maiores de 14 anos. As entradas, cun prezo de 5 euros, poderán adquirirse no despacho de billetes desde unha hora antes do inicio. O evento conta coa colaboración do Concello de Burela, a Xunta de Galicia, a Agadic e a Rede Galega de Teatros e Auditorios.
O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.
Habilitarase o Rego das Flores. Desde o Concello recoméndase á cidadanía ter en conta esta incidencia nos seus desprazamentos mentres se manteña a restrición.
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
O presidente, José Luis Sáez, agradeceu o apoio da empresa, clave para reforzar os equipos nesta segunda volta e garantir a continuidade da entidade, que segue loitando pola permanencia en Primeira División Iberdrola e Segunda División.
Será un concerto acústico e intimista, pensado para gozar da súa música nun formato próximo. Entrada libre ata completar aforo.



