Lugo, 14 de agosto de 2020. A Deputación de Lugo decidiu reforzar o sistema de prevención de riscos laborais ampliando os servizos e duplicando o investimento, que pasa de preto de 60.000€ a case 112.000€ ao ano, debido principalmente, segundo explicou a voceira socialista do Goberno provincial e Deputada de Réxime Interior, Pilar García Porto, ao incremento da plantilla da institución, que alcanza na actualidade os 600 traballadores e traballadoras, ao aumento dos centros de traballo coa apertura das residencias, e para previr e combater a Covid-19.
García Porto informou desta medida na rolda de prensa na que compareceu para explicar os asuntos aprobados na Xunta de Goberno deste venres, pois un deles foi a propia licitación do contrato do servizo de prevención de riscos laborais alleo da Deputación, isto é, “o servizo que realiza labores a maiores das que fai o Servizo de Prevención propio desta institución, en concreto, nas especialidades de seguridade no traballo e vixilancia da saúde, e que ao mesmo tempo lle ofrece a este apoio e asistencia técnica para o desenvolvemento das especialidades de hixiene industrial e ergonomía e psicosocioloxía aplicada”.
Con este contrato, explicou a Deputada, reforzamos o sistema de prevención de riscos laborais da Deputación duplicando o investimento. Entre outras melloras, “introducimos servizos e medidas para previr e combater a COVID-19 co obxectivo de minimizar o risco de contaxio e propagación do coronavirus, controlar a situación epidemiolóxica entre os 600 traballadores e traballadoras da Deputación e afrontar con garantías o escenario provocado polo virus en tanto siga circulando”.
Neste contrato, asegurou Pilar García Porto, tamén se contempla por primeira vez a realización de recoñecementos médicos adaptados aos riscos de cada posto de traballo, o que leva consigo probas médicas especiais, e que engade deste xeito garantías no control da saúde e benestar dos traballadores.
A Deputada detallou así mesmo que nestes pregos inclúense 23 centros de traballo da Deputación. Entre eles, figuran xa as residencias de Castroverde e Pedrafita do Cebreiro, en previsión da próxima apertura de ambos centros antes de finalizar este ano.
A duración do contrato será de dous anos, prorrogables por outros dous.
A Deputada de Réxime Interior quixo aproveitar para recoñecer “o gran traballo que desenvolveu dende o inicio da crise sanitaria o Servizo de Prevención da Deputación, en coordinación co resto de departamentos e centros de traballo desta institución, o que nos permitiu ir implantando medidas de seguridade e prevención dirixidas aos traballadores e traballadoras, pero tamén á cidadanía que acude ás nosas instalacións ou é usuaria dos nosos servizos públicos”.
Material para o Parque Móbil
Pilar García Porto informou de que a Xunta de Goberno tamén aprobou na sesión de hoxe dous contratos relacionados co funcionamento do Parque Móbil da Deputación. Por unha banda, a compra dunha furgoneta por importe de 25.632,13€, para o que resultou adxudicataria a empresa Breogán Motor SL, que entregará o vehículo pintado, rotulado e matriculado no Parque Móbil nun prazo de 30 días. Con este novo vehículo, destinado a mantemento, gañarase eficacia no uso dos recursos pola súa maior capacidade tanto de transporte de persoas, como de carga.
Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou adxudicar á empresa Repsol Lubricantes y Especialidades SA o subministro de emulsión asfáltica para o Parque Móbil durante un ano, prorrogable por outro, por un importe de case un millón de euros ( 937.750€).
Este contrato servirá para o mantemento, tanto da rede viaria provincial, como das estradas e pistas municipais, pois, lembrou García Porto, “o Parque Móbil é un importante instrumento de cooperación da Deputación cos concellos da provincia, grazas ao que as arcas municipais aforran importantes custes no acondicionamento das súas vías”.
Remanentes do Plan Único para novas obras
Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou a solicitude dos concellos de Ourol, Foz e Bóveda para destinar a novas obras os remanentes resultantes da execución de actuacións financiadas con cargo ao Plan Único 2019.
En concreto, Ourol destinará preto de 10.500€ á reparación e mantemento de pistas e accesos nos núcleos de Miñotos, Xerdiz e Merille e á construcción de badéns redutores en Vilares; o Concello de Foz dedicará remanentes do Plan Único do pasado ano por importe de algo máis de 54.000€ ao acondicionamento de camiños en Vilaronte; e Bóveda investirá os case 1.500€ de remanentes resultantes da execución dunha obra de pavimentación a acometer traballos de xardinería na área recreativa de Ver.



















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continúa con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
Finalizado o encontro, de carácter privado, o Cónsul asinou no Libro de Ouro da Deputación e a Presidenta fíxolle entrega dun agasallo institucional. Trala xuntanza Carmela López manifestou a súa satisfacción porque “traballamos para avanzar en novas vías de colaboración, e en posibles proxectos que serven para reforzar a relación entre a Deputación e o veciño país de Portugal”.



