Lugo, 15 de setembro de 2020. A Xunta de Galicia achegou nos últimos días 35.600 unidades de protección contra o coronavirus ás entidades prestadoras de servizos sociais na Mariña, co fin de incrementar a seguridade nos centros que xestionan, na súa maioría dedicados ao coidado de menores e de persoas maiores ou con discapacidade.
A Xunta colabora garantíndolles o subministro a través dunha plataforma loxística posta en marcha expresamente para a xestión deste material fundamental. Así, realiza envíos con periodicidade semanal en residencias de maiores, vivendas tuteladas, centros de día, escolas infantís e similares, ben sexan de titularidade pública ou privada.
Nesta ocasión, entregou material en preto de medio centenar de centros de todos os concellos da comarca, dos que preto da metade atenden a nenos e nenas de 0 a 3 anos. Os envíos inclúen equipos de protección individual, luvas, máscaras e pantallas faciais, batas, mandís, gorros, e tamén xel hidroalcólico e garrafas de desinfectante.
Dende o inicio da crise sanitaria foron subministrados máis de 411.000 elementos de protección neste tipo de institucións na Mariña.