Lugo, 27 de setembro de 2020. O Presidente da Deputación de Lugo e do Consello Provincial de Turismo, José Tomé Roca, xunto á Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presidiu este domingo, no Día Mundial do Turismo, a entrega dos primeiros premios Lugo Cambia ao turismo lucense e …E para comer, Lugo á gastronomía lucense á asociación de desenvolvemento rural da Serra do Courel, a Fundación Uxío Novonveyra, O Concello do Vicedo, a aplicación Xantarda e o restaurante Cantábrico da Fonsagrada.
O acto tivo lugar no Salón de Actos do Pazo de San Marcos e contou coa presenza de deputados e deputadas provinciais, do Concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego de Lugo, Mauricio Repetto, do delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, e dos propios membros do Consello de Turismo. Alberte Cabarcos moderou a gala, que se retransmitiu por streaming na canle dos Servizos Audiovisuais da Deputación de Lugo.
Cada un dos premiados recibiu un diploma e unha peza de cerámica de Gundivós que acredita este recoñecemento público que lles fai o Consello Provincial de Turismo, un órgano consultivo e de participación para favorecer a gobernanza turística da provincia que foi promovido e está presidido pola Deputación de Lugo.
José Tomé Roca abriu o acto cunha intervención onde puxo de manifesto a intención e a orixe coa que xurdiron estes galardóns. “Buscamos darlle ao sector turístico e gastronómico da provincia de Lugo unha ferramenta de proxección que axude a loitar e sobrepoñerse ante os moi graves efectos da crise sanitaria, pero tamén queremos que estes premios se asenten e tras esta veñan moitas edicións máis”.
Tomé Roca reiterou o recoñecemento ao sector pola súa actitude e a súa capacidade de reacción durante a pandemia e lanzou mensaxes con perspectiva de futuro. “Os cinco premiados nesta primeira edición, cada un dende o seu ámbito e coa súa propia receita, comparten algúns trazos que compoñen un plan de traballo cara o futuro. Un plan de traballo que penso que se pode resumir en tres grandes ideas: natureza, tradicións e innovación”. O Presidente tivo palabras para cada un dos premiados e loou o seu incansable traballo e dedicación, tendo en marcha iniciativas propias que os fan competitivos e diferentes a ollos do visitante.
O mandatario provincial tivo unhas palabras de apoio e solidariedade para os traballadores de Alcoa e das empresas auxiliares que se manifestaban á mesma hora do acto en Xove en defensa dos seus postos de traballo, onde Tomé Roca asegurou que lle gustaría estar de non coincidir con esta cita en recoñecemento da hostalería e turismo lucense.
A gala estivo amenizada polo músico lucense Bruno Villamor, que tocou varias pezas coa súa zanfona.
Asociación de desenvolvemento rural Serra do Courel
O presidente da asociación de desenvolvemento rural Serra do Courel, Marcos Reinoso, recolleu o premio en nome do colectivo na categoría Lugo Cambia ao Turismo Lucense. Na súa intervención salientou que este premio “vén a refrendar o traballo que vimos facendo na defensa do Courel, da súa xente e do turismo sostible na nosa terra”.
O xurado valorou a dedicación e traxectoria desde colectivo recoñéceselle a súa dedicación e traxectoria profesional e exemplar con continuidade dende o ano 1998, o impulso de accións innovadoras para crear produtos turísticos como o Courel Son ou a posta a disposición de ferramentas Tic como turismocourel.es e vivindocourel.es. Ademais, desenvolve iniciativas ligadas co turismo sostible e responsable, como a elaboración de guías de boas prácticas, rutas de interpretación ambiental, e entre as múltiples actividades que ten en marcha, traballa pola recuperación dos bens do patrimonio cultural e natural.
Fundación Uxío Novoneyra
O presidente da Fundación Uxío Novoneyra, Uxío Novo, foi a persoa que recibiu o galardón na categoría Lugo Cambia ao Turismo Lucense.
“Agradecemos o premio polo agarimo que sempre amosou esta institución cara a nosa Fundación dende o noso nacemento, queremos dedicar o premio ao esforzo dun grupo e xeración que fundamentaron a nosa entidade e aínda teiman dela e dun Lugo posible e soñado”, salientou.
O Consello premiou a súa dedicación e traxectoria profesional como institución, o desenvolvemento de accións innovadoras en materia de creación de produtos turísticos, o impulso de accións innovadoras e tamén o férreo traballo en prol da calidade turística.
O Vicedo
O Alcalde do Concello do Vicedo, Jesús Novo, foi o encargado de recibir o premio en nome do municipio que representa na categoría Lugo Cambia ao Turismo Lucense. Novo loou a iniciativa dos galardóns e expresou gratitude en nome de todas as persoas que traballan na área de Turismo municipal e á veciñanza do Vicedo por “facer posible cos seus folgos que se fagan accións que hoxe son premiadas”.
O Vicedo recibe galardón por desenvolver iniciativas e proxectos ligadas ao turismo sostible e responsable. É o caso dos Mércores de Natureza, a través dos que se impulsan actividades de turismo activo, nas que se mesturan accións deportivas, ornitolóxicas, de natureza e xeolóxicas. Tamén pola introdución dun conxunto de medidas para controla e mellorar a experiencia dos visitantes que acoden a coñecer o Fuciño do Porco e, entre outras, impulsar a Romaxe Viquinga, un evento vencellado ao patrimonio e á historia deste municipio da Mariña.
Xantarda
O fundador de Xantarda-Onde queres ir comer hoxe?, Alberto García, recolleu o galardón na categoría …E para comer, Lugo á gastronomía lucense.
“Quero dedicar este premio á miña muller Alba e á miña filla Icía, foi no confinamento cando levei a cabo esta aplicación que tiña na cabeza dende facía tempo. Isto foi feito grazas aos establecementos da zona e ás institucións de Chantada, a quen lles estou moi agradecido”, afirmou na súa intervención.
Xantarda resultou distinguida por ofrecer información sobre os restaurantes e bares de Chantada, con información pormenorizada das súas cartas, menús do día, horarios e ubicacións. Un traballo de dixitalización da hostalería local ofrecendo información actualizada aos visitantes e turistas, achegándoos á cociña de proximidade.
Restaurante Cantábrico da Fonsagrada
O xerente do restaurante Cantábrico da Fonsagrada, José Lombardía Pereira, recibiu o premio na categoría …E para comer, Lugo á gastronomía lucense.
Lombardía, emocionado, tivo palabras para súa muller que leva “unha vida enteira, unha vida dura dedicada ao Cantábrico, seguiremos pelexando nos tempos que veñan para saír adiante”.
O Consello premiouno por sacar adiante accións de promoción e fomento do consumo de produtos autóctonos por parte de empresas de restauración, profesionais independentes, entidades e colectivos públicos ou privados. Así mesmo, é o primeiro restaurante do país certificado polo CRAEGA para promover cogomelos silvestres de Monte Ecolóxico e fomenta nos seus menús a cociña de proximidade.





















Malia a intensa calor, o pavillón encheuse de público para gozar das actuacións das numerosas alumnas, que ofreceron exercicios individuais, por parellas e en grupo, destacando pola súa beleza e dificultade técnica ao ritmo da música escollida. Ao remate, a concelleira Ana Rubal entregou medallas ás participantes, que tamén agradeceron o traballo e os valores transmitidos pola súa monitora, Lorena Fernández. Lémbrase que a festa de clausura das Escolas Deportivas terá lugar o luns 29 ás 19:00 horas, nun acto conxunto co Concello de Alfoz, no que haberá diversas actividades de celebración e a entrega de diplomas.
A cantante e instrumentista asturiana Mónica Acevedo actuará en formato solista, mentres que o equipo do local ofrecerá un menú especial con pratos como o tartar de xarda, gañador do “Ribadeo Sabe”, gazpachuelo de tempada, lomo de sardiña con berenxena afumada, cóctel de lagostinos, bonito de Burela con melocotón asado e sopa de cebola, e solombo de porco celta con xudías tenras. A cita comeza ás 21:15, con prazas limitadas e reserva imprescindible.
A xornada incluíu tamén o IV Torneo de Pádel, que continuará durante a fin de semana. O evento, organizado polo Concello xunto con ASAPA e Miño Vivo e coa colaboración da Xunta, recupera unha iniciativa nacida hai catro anos a petición da mocidade, coa intención de consolidala no tempo. O tenente de alcalde, Marcos García Lombardero, destacou a alta participación —catro veces maior ca na primeira edición— e agradeceu a implicación de entidades, colaboradores e asistentes, así como a presenza de representantes da Xunta, do Parlamento e da Deputación.
Adultos, nenos, familias, grupos de amizades fixeron o percorrido nun día espectacular de sol e cunha temperatura de 26º á hora da saída. Acudiron á cita o presidente provincial da AECC, José Manuel Rozas, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, as concelleiras e concelleiro ribadenses, Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Elena Sierra e Francisco José Silvent, a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, así como representantes da AECC de Ribadeo coa súa presidenta, Tea Martínez, á cabeza. A II Andaina Ribadeo en marcha contra o cancro contou co patrocinio de Solán e Acisa Ribadeo e coa colaboración do Concello de Ribadeo, Eroski e 2M.
A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
Pasada a medianoite, un vehículo saíuse da vía na N-634. Como consecuencia do impacto, tres persoas resultaron feridas. Da asistencia sanitaria ocupáronse os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil de Tráfico da seguridade na vía. Os Bombeiros de Barreiros tamén acudiron, sen embargo, ningún dos feridos estaba atrapado.
Baixo o título “A guerra en Oriente Medio. Do xenocidio en Palestina á agresión a Irán”, o analista internacional Duarte Correa ofrecerá unha intervención centrada na evolución do conflito, o impacto humanitario e as implicacións xeopolíticas da escalada bélica na rexión.



