Burela, 5 de setembro de 2020. O Concello colaborará na desinfección e na limpeza dos centros de ensino de Burela. O alcalde, Alfredo Llano, mantivo onte unha xuntanza cos directores dos dous Ceips para abordar o inminente inicio do curso escolar, que estará marcado polo Covid-19. O rexedor avogou por manter a seguridade que se precisa para que tanto alumnado como profesorado acudan con confianza e o curso se desenvolva coa máxima normalidade posible.
O rexedor contou que “onte foi un día no que estivemos pensando directamente no inicio do curso 20-21, que pola problemática do Covid-19 ten unha singularidade total para manter a seguridade que se necesita para que tanto alumnos como profesores vaian con confianza aos diferentes centros e desenvolver un curso normalizado ao máximo”.
Llano explicou que “estiven reunido cos directores dos dous colexios de Primaria que temos en Burela, o Virxe do Carme e o Vista Alegre basicamente pensando en como podemos colaborar e compartir responsabilidades e a organización deste curso. Nosoutros vamos intentar botarlles unha boa man en todo o que poidamos. Evidentemente estivemos falando do comedor, sobre todo nun dos centros, no dos Castros, que xestiona o ANPA e aí temos unhas auxiliares que pertencen ao Concello. Vamos ver unha boa fórmula protocolaria para atender aos alumnos que van a ese comedor. Tamén imos colaborar na desinfección e limpeza dos centros. Para iso irá aos dous colexios unha persoa facer labores de limpeza e desinfección, sobre todo naqueles lugares onde máis se vai necesitar, como son os servizos sanitarios ou outras instalacións que polo seu uso o precisen tamén”.
O alcalde dixo que “o Concello de Burela vai colaborar coordinadamente cos centros, tanto de Primaria como de Secundaria e coas escolas infantís. Imos estar aí para colaborar dentro das nosas posibilidades. Pero son competencias impropias todo isto que nos están derivando desde a Xunta para que tratemos de colaborar cos protocolos dos colexios. Evidentemente todo o mundo pensaba que ían aportar persoal e medidos para levar adiante estas necesidades nos centros educativos, pero están trasladándolle a problemática aos concellos, que temos que atender cos nosos medios, pero non temos persoal nin unha partida orzamentaria para dedicar a estes temas”.
Alfredo Llano engadiu: “de todas maneiras para este mes estivemos mirando como facer esa colaboración e esperamos poder seguir axudando todo o curso. Existe este bo entendemento, sobre todo co obxectivo claro de favorecer que este curso sexa o máis normal posible en Burela e procurar que toda a comunidade educativa (profesores, pais e alumnos) poidan ver un curso normal e aproveitado. Ese é o noso obxectivo, que compartimos cos centros educativos”.
