Lugo, 4 de setembro de 2020. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou na tarde deste venres no encontro telemático organizado pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) cos presidentes das catro deputacións e cos alcaldes e alcaldesas das sete grandes cidades de Galicia para abordar as medidas adoptadas pola Xunta de Galicia fronte á pandemia.
Na xuntanza, a gran maioría dos participantes, todos excepto o representante da institución provincial de Ourense, coincidiron en reivindicar unha maior comunicación e información á Xunta, cogobernanza do Goberno galego cos concellos na xestión da crise sanitaria, ao igual que está a facer o Goberno central coas comunidades autónomas, e a achega de fondos autonómicos extraordinarios ás entidades locais para axudarlles a afrontar as medidas necesarias de cara á prevención e contención da Covid-19, tendo en conta que as competencias exclusivas en sanidade son da comunidade autónoma, segundo establece o Estatuto de Autonomía.
Neste senso, un dos asuntos centrais foi o rexeitamento das administracións presentes no encontro e da propia FEGAMP a que os concellos deban asumir a limpeza e desinfección dos centros educativos pola Covid antes e durante o curso escolar, o que supón un importante desembolso económico, sen recibir o financiamento axeitado por parte da Xunta de Galicia. “A resolución da Xunta é claramente inxusta. É inaceptable que se nos impoña aos concellos unha competencia impropia. Non se diferencia a responsabilidade de limpeza e mantemento dos colexios, que por lei si é competencia das entidades locais, das tarefas de desinfección, que non son competencia dos concellos, e facelo ademais sen ningún tipo de achega económica, nin a través das deputacións nin directamente aos concellos. A Xunta de Galicia non habilitou ningún recurso, polo que os concellos son os que teñen que afrontar todo ese custe e a organización do traballo”, subliñou o Presidente.
José Tomé explicou que informes xurídicos das deputacións de Granada e de Cádiz, cos que están de acordo os servizos xurídicos da propia institución provincial lucense, determinan que a desinfección dos colexios non é competencia dos concellos.
Así mesmo, o Presidente pediu durante o encontro que a Xunta distribúa os 93M€ que recibirá do fondo estatal habilitado polo Executivo central para educación dunha maneira proporcional entre as administracións que asumen gastos extraordinarios nos centros escolares pola Covid. De feito, a comunidade balear xa anunciou que transferirá parte dos recursos ós municipios.
Ademais, José Tomé expuxo a necesidade de que o Presidente da Xunta estableza unha comunicación cos representantes da FEGAMP, dos concellos e das deputacións “para intercambiar opinións e saír da crise sanitaria da mellor maneira posible”.
O mandatario provincial destacou que, malia a falta de comunicación e colaboración da Xunta, a Deputación afrontou e afronta a crise da Covid-19 dunha maneira áxil e eficaz, dando resposta ás demandas dos concellos e da veciñanza. O Presidente lembrou as principais medidas que adoptou a institución, dende os protocolos de seguridade nas dependencias provinciais e nos centros de atención a maiores ou a campaña EN LUGO,SI para a reactivación dos sectores produtivos da provincia ata a adaptación do Plan Único para que os concellos poidan destinar a metade dos recursos a afrontar a crise e a mobilización de preto de 70 millóns de euros dende o inicio da pandemia para poñelos a disposición dos municipios e do tecido social e produtivo.