A Mariña, 27 de outubro de 2020. A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, baixo o convenio asinado coa Axencia de Turismo de Galicia, organizou as II Xornadas de Portas Abertas das Rutas de Artesanía, que se desenvolveron durante as fins de semana do 9 ao 18 de outubro. O ano pasado, estas xornadas estiveran destinadas ao público en xeral, nesta ocasión o ente supra municipal xunto aos artesáns decidiron dedicalas especialmente aos profesionais do turismo, hostalaría e comercio locais, axencias de viaxes e centros educativos co obxectivo de que puideran coñecer de primeira man esta experiencia e recomendala. En total 65 persoas participaron nesta iniciativa da Mancomunidade.
As II Xornadas de Portas Abertas discorreron por parte dos 6 itinerarios turísticos propostos que conforman as Rutas de Artesanía da Mariña Lucense. Comezaron o venres, 9 de outubro, en Burela coas Redeiras Cabo Burela, colectivo que mantén vivo este tradicional oficio, e a visita ao Barco Museo Boniteiro Reina del Carmen, antigo barco boniteiro que o Concello recuperou para convertelo nun espazo de recuperación da cultura mariñeira e de atracción turística no porto máis importante de España na pesca e comercialización do bonito.
O sábado, día 10, foi quenda de Foz, co artesá e artista plástico Daniel Caxigueiro, a visita á Basílica de San Martiño de Mondoñedo e o seu centro de interpretación e un paseo guiado polo porto pesqueiro de Foz. O domingo 11 a iniciativa chegou a Cervo, coa visita ao asteleiro de carpintería de ribeira de Francisco Fra, con mais de 200 anos de historia, e un paseo histórico guiado pola Península da Paz. O venres 16 seguiron estas xornadas en Mondoñedo coa visita ao barrio artesán por excelencia, o dos Muíños, con visita ao Alfar, ao canteiro Vilariño e un paseo guiado polo centro histórico da cidade. O sábado 17 Mondoñedo pasou o testigo a Riotorto, coa visita á forxa de Jomaca, unha pequena ruta de sendeirismo pola Ruta do Ferro e a visita ao Conxunto Etnográfico Mazo de Ferreiravella. As xornadas remataron o 18 de outubro, domingo, en Viveiro coa visita a Otero Regal, unha ruta fluvial polo Paseo Alcalde Cerdeiras e unha visita guiada ao casco histórico de Viveiro.
A axente de Desenvolvemento Turístico da Mancomunidade, Tania Hermida, explicou que “nas xornadas, con aforo limitado, participaron un total de 65 persoas de distintas procedencias, aínda que principalmente da propia comarca da Mariña Lucense e da provincia de Lugo, tamén da Coruña e Asturias. Os perfís dos asistentes foi variado: técnicos de turismo e cultura, guías, propietarios e traballadores de aloxamentos, comercios, do sector da educación ou da publicidade, entre outros. As persoas enquisadas valoraron moi positivamente a iniciativa, outorgándolle unha nota media de 9,75. O 100% recomendaría a experiencia coa que, da man dos propios artesáns, puideron coñecer en detalle e dunha forma interactiva e amena a historia que hai detrás de cada un deles, o seu proceso de traballo e o taller así como algúns dos principais recursos turísticos dos municipios onde transcorreron as xornadas da man de visitas guiadas”.
O presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, Fran Cajoto, anunciou que “dende a Mancomunidade estanse a ultimar os detalles para a impresión da Guía das Rutas de Artesanía 2020, con información actualizada sobre os recursos e artesáns do territorio, unha guía coa que, como na edición do 2019, proponse ao visitante afondar no oficio do artesán e desfrutar dos valores naturais, culturais e gastronómicos da localidade onde se ubican. A día de hoxe é posible consultar a guía en formato dixital en amarinalucense.gal”.
A Mariña en Ruta seguirá en novembro
Por outro lado, esta fin de semana, remataron as rutas programadas para o mes de outubro do programa A Mariña en Ruta que a Mancomunidade puxo en marcha tamén co apoio da Axencia de Turismo de Galicia e da Deputación de Lugo e que coordina a empresa de ecoturismo Maremasma. O que a marea esconde, interpretación dun ecosistema intermareal e A berrea, camiñando en terra de cervos foron as dúas rutas organizadas neste mes, que contaron cunha moi boa acollida, 33 e 54 persoas pre-inscritas respectivamente. Tania Hermida dixo que “para cumprir coas medidas de prevención anunciadas recentemente polo goberno autonómico, ámbalas dúas rutas tiveron que ver reducido o seu aforo inicial de 15 persoas a 9 e 4 mais o respectivo guía. Puideron desfrutar desta experiencia persoas procedentes de Madrid, Coruña, Lugo e da mesma comarca da Mariña Lucense. Nos próximos días anunciaranse as novas rutas organizadas para o mes de novembro”.
Fran Cajoto fixo un balance positivo de ambas iniciativas que “o que pretenden é dar a coñecer moitos recunchos da comarca. Algúns deles son auténticos descoñecidos para quen nos visita, pero tamén para moitos e moitas mariñáns. A Mariña Lucense ten moito que ofrecer tamén durante o outono: natureza, tranquilidade, patrimonio, historia, tradición, gastronomía… e neste momento con total seguridade, reducindo o número de asistentes e extremando as precaucións en todas e cantas actividades organicemos”.
Mais infomación:
@A Mariña lucense turismo
@visitamarinalucense
@amarina_turismo
























O luns 30 de marzo ás 18:00 horas darán comezo as visitas guiadas polo casco histórico de Viveiro, conducidas polo historiador Xesús Martínez e organizadas polo CCHV coa colaboración da Xunta de Cofradías da Semana Santa. Antes da primeira visita, ás 17:30 horas, realizarase unha breve presentación na Praza Maior, diante da porta do Concello. No acto participarán José Veiga, en representación da Xunta de Cofradías, Cristina Rodríguez, presidenta do CCHV, e o propio Xesús Martínez.
O alcalde, Pedro Fernández, salientou o seu impacto turístico e deportivo. A edición inclúe un atractivo especial: a Concentración da Selección Española OPEN, que adestrará en Tapia do 1 ao 6 de abril. O Goanna Pro é a segunda proba da Liga PRO, garantindo un nivel competitivo máximo. Datas: Semana Santa 2026. Lugar: Praia de Anguileiro. Destacado: Concentración da Selección Española (1–6 abril).
O delegado destacou a consolidación do evento como referente cultural na Terra Chá. O festival contará con Caamaño & Ameixeiras, Ulex e La Txama, ademais de actividades lúdicas. A cita será no campo da feira de Gontán, con entrada gratuíta.
A mostra reúne unha ampla selección de obras inspiradas na vida, a paisaxe e a identidade mariñá. O acto inaugural celebrarase o domingo 29 de marzo ás 18:00 horas e contará cunha actuación especial da chelista Amanda López López.
A Guía Repsol destaca 24 locais galegos como Soletes de primavera para gozar nesta Semana Santa. Galicia suma xa 357 establecementos recoñecidos con este distintivo, que non se renova nin se revalida, senón que se concede como categoría única. Na provincia de Lugo figuran seis Soletes: ‘Caserío Meiroi’ (Navia de Suarna), ‘Ebos’ (Vilalba), ‘Faragullas’ (Mondoñedo), ‘La Salina’ (Sarria), ‘Ramón’ (Lugo) e ‘Trespés’ (Monforte de Lemos).
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.



