Viveiro, 13 de outubro, 2020. No pleno de decembro do 2019, solicitábamos ao Goberno Municipal estudar a viabilidade dun proxecto de rehabilitación e acondicionamento do edificio Calvo Sotelo, situado na rúa Irmáns Vilar Ponte, para darlle uso como Centro de Día dirixido a persoas con Alzheimer e/ou outras demencias, así como a súa cesión a AFA.
A Asociación de Familiares de enfermos de Alzheimer e outras demencias (AFA), é unha entidade prestadora de servizos sen ánimo de lucro, declarada de interese público con fins sociais e de interese xeral para o municipio, polo que cumpriría os requisitos estabelecidos para a tramitación da cesión da antiga casa de Calvo Sotelo. Esta edificación xa contou no seu día con fondos da Deputación de Lugo (150.000€) que permitiron rehabilitar toda a súa fachada e teito deixando o interior diáfono.
Míriam Bermúdez afirma que “desde o BNG congratulámonos de que esta proposta se poda materializar e agardamos que na sesión plenaria na que se debata, acade a unanimidade de toda a corporación.
Por outra banda, @s nacionalistas alegrámonos de poder contribuír, tanto coa nosa proposta como co noso voto favorábel a darlle solución a un problema de espazo que levaba tempo demandando a Asociación de Familiares de persoas con Alzheimer, se ben este é a punta do iceberg dun problema que a pandemia non fixo máis que poñer en evidencia a demoledora política de recortes e privatizacións do PP da Xunta, co sr. Feijóo à cabeza, en materia de prestación de servizos sociosanitarios, o que fixo que a responsabilidade e todo o peso do coidado d@s nos@s enferm@s este a recae íntegramente nos seus familiares no canto de recaer nas administracións públicas que son as que deberían prestar estes servizos de atención sociosanitaria, posto que é a responsabilidade e o fin último destas velar pola saúde e benestar das persoas e non facer negocio coa saúde e os nosos maiores.
Desde o BNG non nos cansaremos de seguir demandándolle á Xunta de Galiza e ao sr. Feijóo o fortalecemento de servizos públicos e o fin da súa política de recortes na sanidade pública e das privatizacións no coidado dos maiores e de persoas con necesidades especiais, e non nos cansaremos en reclamarlles unha xestión pública digna de servizos como residencias, centros de días e atención domiciliaria para @s nos@s maiores, así como avanzar na rede pública de centros especializados de alzheimer postos en marcha no 2008 desde a Vicepresidencia da Xunta, con Quintana.