Viveiro, 14 de outubro, 2020. Afundación, a Obra Social de ABANCA, comeza no seu Espazo +60 Viveiro (Travesa da Mariña, 49) a actividade e servizos profesionais habituais, que se realizarán adaptados á situación actual baixo un estrito protocolo sanitario. Pódense consultar nesta ligazón á web.
Para levar a cabo a reactivación da actividade ordinaria foi prioritario a creación de Espazos +60 seguros mediante a implantación dunha serie de medidas: reduciuse o número de participantes por actividade e aula; reorganizáronse os horarios e as zonas de entrada e saída dos centros; a ventilación frecuente estará garantida en todos os espazos e aulas entre unha actividade e outra; suprímese temporalmente a realización de actividades que supoñan compartir materiais, o servizo de prensa e revistas en formato papel e os xogos de mesa; o servizo de cafetería permanecerá pechado; e será obrigatorio manter en todo momento a distancia de seguridade recomendada. Ademais, prohíbese a entrada a aquelas persoas que presenten síntomas compatibles coa COVID-19; a quen tivese contacto cunha persoa contaxiada nos últimos 14 días; e ás persoas que viaxasen a zonas de risco nas últimas dúas semanas.
Afundación decidiu pechar os espazos +60 o pasado mes de marzo, pero a súa actividade nunca se detivo, xa que os integrantes da Área de Envellecemento Activo continuaron traballando. Durante o confinamento puxeron en marcha medidas de acompañamento telemático ás persoas socias, e no período de desescalada realizaron un traballo de redeseño e adaptación da súa actividade habitual ás novas circunstancias sanitarias, contando para iso coas opinións dos seus usuarios. Así, mediante unha enquisa, puideron coñecer a predisposición dos seus socios e socias a participar en actividades de tipo presencial e online para adecuar a oferta ás súas preferencias. A maioría, un 83% das persoas entrevistadas, mostráronse dispostas a continuar coas actividades presenciais. Doutra banda, un 16% mostráronse dubitativas ou afirmaron que non participarían neste tipo de actividades. Cabe destacar tamén que, a pesar de tratarse dun perfil de usuario maioritariamente dixitalizado (o 80% das persoas da mostra conectáranse a Internet todas as semanas ou diariamente no último mes), o 86% das persoas enquisadas prefiren actividades totalmente presenciais ou con algún contido puntual de forma online.
Os resultados esgrimidos son unha mostra clara da importancia dos Espazos +60 de Afundación como espazo de convivencia no que as actividades que se imparten xeran o contexto ideal para que os socios e socias establezan relacións sociais, nun ambiente de cordialidade, afecto e amizade. As persoas maiores, un grupo vulnerable por idade aos efectos da COVID-19, son tamén vulnerables ás consecuencias negativas da inactividade da diminución de relacións e perda de roles. A actividade dos espazos +60 Afundación minimiza os impactos que o illamento provoca na saúde física, psicolóxica, mental e emocional das persoas maiores.
