Ribadeo, 14 de outubro de 2020. O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras de Miranda celebrará o vindeiro sábado 17 de outubro do 2020 ás 9:30h a cuarta actividade dentro do marco do proxecto “Impulso e promoción de experiencias á beira do Camiño de Santiago no territorio comprendido polo GDR Terras de Miranda”, subvencionado dentro do programa O Teu Xacobeo. Este proxecto afectará directamente aos concellos polo que atravesa o Camiño do Norte: Ribadeo, Barreiros, Lourenzá, Trabada e Mondoñedo e indirectamente aos concellos restantes que compoñen o GDR 01 Terras de Miranda.
As diferentes actividades teñen como obxectivo destacar a riqueza cultural, natural e humana vinculada co Camiño de Santiago na Mariña Lucense. Con isto preténdese divulgar e promocionar os diferentes recursos localizados neste territorio para o desfrute e coñecemento tanto da poboación local como para os visitantes.
A cuarta actividade consistirá nunha visita guiada en autobús orientada ao coñecemento dos recursos culturais e naturais característicos do Camiño do Norte. A ruta será circular, é dicir, partirá dende Ribadeo e pasará polos concellos de Trabada, Lourenzá e Barreiros, para logo voltar de novo a Ribadeo.
Debido ás recentes restricións comunicadas pola Xunta de Galicia xeradas polo COVID-19 levaranse a cabo unha redución do número de prazas iniciais ofertadas. Desta forma pecharase o prazo de inscrición das actividades.
