Lugo, 2 de outubro de 2020. A Secretaria Provincial do PSdeG-PSOE na provincia de Lugo, Patricia Otero, criticou hoxe a actitude do Alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, “xa que se prestou a ser un mero títere de quen manexa o seu partido, adicándose a propagar falsidades en vez de preocuparse en solventar os problemas dos cidadáns da Mariña”.
Así o dixo tras coñecer as acusacións vertidas polo PP sobre a concesión de axudas para o Plan de Sostibilidade Turística que promoveu a Mancomunidade da Mariña, que preside o Alcalde de Foz, Francisco Cajoto. Otero replica “que este é a forma que ten o PP de responder ao traballo dos demais, non só deste rexedor socialista, senón do conxunto de rexedores da Comarca que traballou con responsabilidade e seriedade para sacar adiante este proxecto”.
Otero explica que “a decisión sobre as subvencións ao turismo, neste proceso, non corresponden ao Goberno Central senón á Conferencia Sectorial da que forma parte a Xunta de Galicia, que por certo se comprometeu co seu aprobado”. Por iso critica que “o Goberno de Feijóo relegou unha vez máis á comarca da Mariña, antepoñendo outros proxectos, como por exemplo o da Deputación de Ourense, antes que o presentado pola Mancomunidade”, insistiu.
A secretaria provincial acusa ao PP “de non apoiar os proxectos da Mancomunidade, tal e como puidemos comprobar neste caso, e de atacar inxustificadamente aos Alcaldes, como o de Foz, que non son do seu partido político, e que están traballando incansablemente pola Comarca e por toda a Mariña Lucense”, dixo.
O PP só sabe enfangar o camiño
Patricia Otero dixo que “Cajoto vai seguir sendo un referente para todos os socialistas desta provincia. As veciñas e veciños de Foz poden comprobar que traballa día e noite pola súa vila e pola Mariña, e estou convencida que seguirá impulsando proxectos e iniciativas para potenciar o turismo na nosa comarca, servindo como ata agora a todos os cidadáns. Pero a outros, polo que vemos, só saben enfangar o camiño e poñer paus nas rodas. Esa é a marca do PP”, concluíu.