Ribadeo, 11 de agosto de 2021. Acisa firmou un novo convenio de transportes con condicións vantaxosas para as súas asociadas e asociados e traballa nunha axenda de actividades que axuden á economía local.
O presidente de Acisa Ribadeo, Francisco Iriarte, contou que “renovamos o noso convenio coa empresa de transportes Tipsa, co fin de mellorar as condicións de transporte de mercadorías, para os nosos asociados e asociadas. Este servizo é moi utilizado e cremos conveniente mantelo, cunhas novas tarifas aínda mais vantaxosas e mellorando o servizo de recollida e entrega. O convenio inclúe diferentes formas de envío como provincial, rexional, peninsular e insular, así como diferentes horas, urxente con entrega antes das 10 da maña, entrega ás 14 horas e entrega entre 24 e 48 horas”.
Iriarte dixo que “dende Acisa traballamos co fin de proporcionar os mellores servizos os nosos asociados. Este é moi necesario e utilizado polo comercio, cremos que será moi útil para eles. Isto sen dubida é un motivo mais para formar parte de Acisa, poder desfrutar de acordos vantaxosos coma estes”.
Valoración sobre o mantemento das restricións
Pola súa banda, o xerente e portavoz de Acisa Ribadeo, Jesús Pérez, indicou que “non podemos comprender como tras descender os casos activos a practicamente a metade e descender a incidencia acumulada se mantén a Ribadeo no nivel alto de restricións; e moito menos cando a outros concellos con maiores incidencias e mais positivos si se lles cambia de nivel. Ademais as declaracións feitas polo conselleiro de Sanidade foron canto menos desafortunadas, seguen a pedirlle á mocidade que reduza os seus contactos. De seguir así, haberá que facer vida social mirándose ao espello. Recordar que as festas ou reunións nas casas están prohibidas está ben, pero se as medidas que se establecen levan á xuventude e aos adultos a reunirse nas casas, quere dicir que as medidas non son as adecuadas. Como xa levamos denunciando dende Acisa as medidas actuais o único que fan é propiciar precisamente iso, festas privadas, churrascadas, botellóns… Insistimos en que si a hostalaría tivera mais aforos e non se discriminara no acceso ao interior dos locais, moitos deses incumprimentos desaparecerían”.
Para Pérez “xa vai sendo hora de que se non nos permiten traballar ao 100% e se cada vez poñen mais problemas a Xunta debería abrir de urxencia unha liña de axudas directas a fondo perdido polas perdas que se están a producir, especialmente na hostalaría. Non é xusto que sempre paguen as consecuencias os mesmos, cando non son responsables do aumento de casos. E non é xusto que baixen á metade os casos en Ribadeo e que non se relaxen as restricións”.
O xerente de Acisa manifestou que “o noso deber, e así o facemos, é informar aos nosos asociados e asociadas e pedirlles a eles e aos seus clientes veciños e visitantes que cumpramos as normas, aínda que pareza que non sirva de nada facelo. A xente cada vez esta máis farta e chegando ao limite non so da paciencia senón economicamente. Se se segue afogando ao mesmo sector continuamente, poden verse abocados a que deixen de acatar as normas porque prefiran darlle de comer ás súas familias arriscándose a ser multados”.
Jesús Pérez pídelles “especialmente aos visitantes que se informen das medidas que están vixentes, que respecten aos hostaleiros e teñan paciencia nesta situación que nos desagrada a todos. Eles non poñen as normas, imponas a Xunta de Galicia, pero eles teñen que cumprilas para non ser sancionados”
Colaboración co Concello
Presidente e xerente de Acisa conclúen: “é de agradecer que dende o Concello se poña en marcha unha nova edición das Panchas, xa que contribuirá a dinamizar a economía local no último cuadrimestre do ano. Terá unha repercusión positiva e importante nos negocios que participen na campaña, sexan asociados ou non a Acisa. A nosa asociación non colabora directamente nesta terceira edición da campaña, pero si estivemos e estamos en contacto estreito co Concello e valoramos de xeito positivo todas as novidades que implicará. Diante da falla de axudas directas doutras administracións teremos que poñer os demais todos os recursos dispoñibles para xerar movemento económico que repercuta na hostalaría e no comercio. Concello e Acisa seguimos a traballar xuntos noutras iniciativas que se desenvolverán ao longo dos vindeiros meses e das que iremos informando puntualmente”.
E engadiron: “Ribadeo sigue sendo un lugar seguro de turismo, de ocio e de compras, cada día con menos casos activos e baixando a incidencia acumulada. Aquí seguimos dispostos a recibir a todos os que nos visiten ao longo das vindeiras semanas”.
























A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
Durante tres días desfrutan dun programa intenso de actividades na natureza: montaxe e desmontaxe do campamento, surf en Esteiro, tiro con arco, xincana e diversos xogos. A iniciativa está promovida polas Concellerías de Xuventude e Deporte xunto coa Oficina de Información Xuvenil.
Olimpia López, supervisou hoxe en Cospeito un control da campaña de velocidade da DGT, que busca previr sinistros nun verán de maior tráfico. Lembrou que a velocidade inadecuada está presente no 22 % dos accidentes mortais e apelou á responsabilidade dos condutores: cada km/h conta para salvar vidas.
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.
Estiveron acompañados polas técnicas de xuventude Mónica López Sanjurjo e Silvia Rodríguez Barreiro, para gozar das diferentes piscinas e tobogáns deste parque acuático. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa Verán a Tope en Xove 2026.
O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
O evento, organizado pola Asociación Cultural Xuvenil O Castelo reuniu a numerosos veciños e visitantes e celebrouse durante catro días. A programación incluíu actuacións musicais, actos relixiosos, xogos tradicionais e unha comitiva da camións, coches e motocicletas que percorreron todas as parroquias deste concello mariñán.



