Foz, 4 de agosto de 2021. O Concello de Foz segue apostando pola cultura segura, amenizando os días dos focegos e os visitantes con actividades durante todo o mes de agosto.
A concelleira Inés López Couto explica que “a cultura é segura e debemos seguir apoiando a un sector que o pasou mal e que nos proporciona saber, lecer e vida. Uns profesionais dos que desfrutamos grazas á lectura, ás obras teatrais, aos filmes ou á música. A cultura dun país coma o noso, que é moi ampla e que nos trae beneficios mentais nun momento no que a saúde mental é fundamental despois do enorme sufrimento que levamos pasado pola pandemia mundial, debe seguir sendo bandeira dun concello coma Foz. Por iso na delegación municipal de Cultura continuamos traballando con autores e músicos locais e de toda Galicia, dando cabida na programación a músic@s, actrices e actores, escultores, mag@s e autores literarios de moi diversa índole, que promoven a nosa lingua e a nosa cultura e que traballan para a difusión da mesma”.
Inés López Couto engade que “así mesmo a Foz chegará tamén a música doutros moitos puntos de España coa colaboración que o Concello leva a cabo co Festival Bal y Gay, que dende o 18 de agosto e ata o 26 do mesmo mes achegará a música clásica á Mariña. En Foz poderanse desfrutar concertos o día 18 no pazo de Fontao co cuarteto Seikilos, o día 19 na Igrexa Parroquial de Foz con Cantoría, o día 22 na Finca Goleta con Puro Gershwin e día 26 na Basílica de San Martiño co Cuarteto Casals (entradas esgotadas en todos os concertos)”.
A edil anuncia tamén que “a aposta pola cultura local nótase tamén na elección do pregoeiro do San Lourenzo 2021, que este ano será Paco Rivas: poeta de Nois, sobradamente coñecido entre os veciños, pregoará o día 6 de agosto un San Lourenzo atípico pero que virá con múltiples concertos de formato reducido e actividades para os máis pequenos. O día 6 será o día da cultura local, xa que o CENIMA a partir das 20 horas acollerá a inauguración da exposición doutro focego que coa súa escultura leva a Foz por todo o mundo, Otero Regal, que con Hai mulleres mostraranos unha pequena parte do seu traballo. Así mesmo Paco Rivas presentará o seu libro Auxías, un poemario que poboará os anaqueis das librerías para todos aqueles amantes da boa literatura. Ás 21 horas a atención desprazarase á Praza Rosalía de Castro, que será o escenario do pregón do poeta e que unha vez finalice amenizarase a noite co concerto da banda local Son’s Varadero, dentro do programa Sons na Rúa”.
Inés López destaca tamén que “os pequenos eventos continuarán con concertos na praza Conde de Fontao e na Praia da Rapadoira ás 13 horas, así como na Praza Conde de Fontao ás 22 horas dende o sábado ata o martes. O sábado 7 ás 20 horas na praza Conde de Fontao Títeres Alakrán chegará co seu espectáculo Circo Galaico, que fará as delicias dos máis pequenos, así coma o domingo 8, no que será o Mago Antón o que aparque o seu camión na coñecida praza, durante todo o día, enchendo de maxia Foz. O martes 10 de agosto, festivo en Foz, será o día das bandas. Ás 13 horas A Rebolaxe estará en Conde de Fontao e, como colofón á cultura local no San Lourenzo, ás 20 horas no Polideportivo do Campo da Cabana terá lugar o tradicional concerto da Banda de Música de Foz”.
O Cine na Rúa seguirá dando a volta ao concello con sesións ás 22.30 horas, para chegar á Praza do Concello o xoves 5 con Las Niñas, a Cangas o venres 6 de agosto con Dr. Dolittle, o 10 de agosto en San Martiño con Mujercitas, o xoves 12 na Praia da Rapadoira con Jojo Rabbit, o venres 13 en San Acisclo con Padre no hay más que uno, en formato autocine no aparcamento de Valle Inclán o xoves 19 con Bohemian Rhapsody e o día 20 en Cordido con Playmobil la película.
O teatro continuará todos os martes no pavillón do colexio Número 1. Tamén haberá Sons na Rúa con grupos locais os venres en varias prazas municipais ás 21 horas.
A Feira do Libro volverá a Foz a partir do xoves 19 de agosto en horario de 17 a 22 horas na praza Conde de Fontao; contará con presentacións e sinatura de libros por parte de varios autores.
O Sons na Rúa terá tamén grupos de fóra de Foz, que poboarán os fins de semana do 14 e 15 de agosto e o 21 e 22 de agosto. Haberá concertos de djs en formato sesión vermú a partir das 12:30 horas e sesión de noite con grupos. O día 14 de agosto ás 21:30 horas na praza Conde de Fontao contaremos con Os amigos dos músicos, o día 15 no Parque Rosalía de Castro a banda será Sabela King & The Heartbreakers. Na fin de semana do 21 de agosto será o turno de The fabulous resaca brothers, na Praia da Rapadoira ás 21.30 e o domingo 22 ás 20.30 na praza Rosalía de Castro será Galifunk brass quen amenice.
“Todas as actividades serán con cadeiras, máscara e distancia de seguridade. Así mesmo haberá que anotar nome e teléfono para acceder aos recintos, cumprindo a normativa da Xunta de Galicia de prevención do COVID-19. Pedimos responsabilidade para todos aqueles que desfruten de Foz durante o mes de agosto porque o noso pobo é un lugar precioso para descansar e vivir pero tamén debemos coidar del. A nosa saúde é a de todos. A saúde e a cultura van da man, sen unha non hai outra, é a nosa responsabilidade apoiar ao comercio, a hostalería e ao sector cultural respectando as medidas. Vamos todos da man”, finaliza a concelleira de Cultura.
Toda a programación pode consultase no cartel e nas redes sociais do Concello de Foz.




















A mostra inaugúrase o luns 19 de outubro ás 12.00 horas na Casa da Cultura, onde permanecerá aberta ao público ata o 19 de novembro. A iniciativa, promovida polo Concello, ofrece unha selección de obras nas que o artista explora a cor, a luz e a expresión contemporánea, consolidando a súa traxectoria dentro deste movemento artístico.
Da man da FCAM Ribagorda está a coñecer establecementos comerciais que cumpriron corenta anos de vida e outros que se achegan aos cen. A Federación de Comercio A Mariña aproveita esta estadía do coñecido xornalista para amosarlle as potencialidades turísticas da comarca. José Ribagorda visitou a Basílica de San Martiño en Foz e o Centro de Interpretación da Faba en Lourenzá. A súa viaxe pola Mariña seguirá hoxe e mañá.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos contra as 19:30 horas deste venres, a través dun particular que se atopaba no punto: un coche que participaba nunha proba de rallye en San Fiz de Paz (Outeiro de Rei) perdeu unha roda, e esta acabou golpeando a un espectador, quen precisaba asistencia sanitaria. De inmediato, desde o 112 Galicia informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil. Foi a propia organización do evento a que se fixo cargo do traslado.
O paseo polas rúas da vila xunto as Sanluqueiras e Sanluqueiros e o pregón de Luis Rego marcaron o arranque oficial das feiras e festas mindonienses, que chegan este ano a edición 870. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora de forma estable e continuada coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, cunha achega da área de Cultura que este ano -coincidindo coa 870 edición- incrementou dos 20.000 aos 30.000 euros.
Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.



