Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2021. A Xunta de Galicia recorrerá ante os tribunais a orde ministerial pola que se inclúe o lobo ibérico na Listaxe de especies silvestres de protección especial (Lesrpe) e pedirá que se adopten medidas cautelares de suspensión que paralicen súa eficacia ata que haxa un pronunciamento final da xustiza.
Así o anunciou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, nunha rolda de prensa convocada tras publicarse hoxe no Boletín Oficial do Estado a orde coa que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miterd) modifica o nivel de protección da especie e inclúe tamén no Lesrpe todas as poboacións de lobo ao norte do río Douro
Esta decisión, segundo explicou a conselleira, “non se ampara en ningún estudo científico” e afectará de forma directa a Galicia, unha das principais comunidades lobeiras de España xa que xunto a Asturias, Cantabria e Castela e León aglutina o 95% dos exemplares de lobos de todo o país.
“Estamos ante unha medida que nos causa sorpresa, frustración e indignación. É moi triste que por parte dun Ministerio non haxa diálogo coas comunidades que ao longo de moitos anos tivemos os nosos plans específicos de protección do lobo”, declarou Ángeles Vázquez, despois de lembrar que onte mesmo estivo nas illas Cíes co ministro de Agricultura, Luis Planas, e o secretario de estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, e ningún deles quixo falar da situación do lobo.
Neste sentido, lembrou que a Xunta leva anos xestionando as poboacións desta especie en solitario e con éxito, como demostra o feito de que desde 2009 conta cun plan de xestión propio grazas ao cal logrou garantir durante máis dunha década un equilibrio perfecto entre a protección destes animais e á vez, a dos gandeiros.
Sen embargo, a conselleira sinalou que, a partir de agora, “a potestade” que tiñan as comunidades e os seus plans de xestión “decaen” e por tanto, “os gandeiros e a xente que vive no rural quedan nunha situación moi delicada”.
Así, Ángeles Vázquez salientou o impacto directo que terá para este sector a inclusión do lobo no Lesrpe en condicións “asimilables” a especies en perigo de extinción como o cabaliño de mar, o lince ibérico, o mazarico real ou o trevo de catro follas, tendo en conta, ademais, que a Xunta xa non poderá conceder axudas económicas, como facía ata o de agora, ás explotacións afectadas polos danos que causen estes animais.
“Foi o Ministerio para a Transición Ecolóxica o que quixo ter a potestade sobre o lobo e é o propio Ministerio quen debe solventar as posibles problemáticas ou danos que poida provocar o lobo. A Comunidade queda nun aparte e, tal e como establece a propia orde, só é para protexer ao lobo”, declarou a conselleira, quen engadiu que “en perigo de extinción, segundo o Ministerio, está o lobo, non o gandeiro”.
Neste sentido, recalcou que a orde sinala que a súa entrada en vigor “non suporá o incremento dos recursos humanos e económicos” por parte do Estado, algo que “carece de sentido” cando a partir de agora as comunidades xa non poderán adoptar determinadas medidas para o control e xestión do lobo nos seus territorios e, por tanto, tampouco terán o deber de asumir os custos dos danos.
Por todo o exposto, a conselleira concluíu que á Xunta “non lle queda máis remedio” que acudir á vía xudicial para frear a aplicación dunha orde que, engadiu, o Miterd publicou hoxe sen previo aviso ás catro comunidades lobeiras que durante un ano traballaron de forma construtiva e facendo múltiples achegas para que esta medida non fora aprobada.
Deste xeito, no seu recurso contencioso-administrativo —no que actualmente traballan os servizos xurídicos da Consellería—, Galicia esixirá que se adopten medidas cautelarísimas de suspensión da orde, co fin de paralizar a súa eficacia práctica ata que exista un pronunciamento definitivo por parte da xustiza.



















O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
A piscina abrirá de luns a venres de 8:30 a 13:00 e de 15:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. O ximnasio manterá horario continuo de luns a venres, de 8:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. A tempada arrinca tras diversas melloras nas instalacións, entre elas a renovación da cuberta do polideportivo, cun investimento de 195.000 euros, así como a substitución de portas de emerxencia, a intervención en pontóns das piscinas e o cambio das huellas de volteo. O Concello continúa así reforzando o mantemento e a seguridade dun complexo utilizado diariamente por numerosos veciños e deportistas.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



