Compostela, 23 de setembro, 2021. ADEGA vén de trasladar á Fiscalía delegada de medio ambiente do TSXG unha denuncia para que investigue o proceder da Xunta e das concesionarias dos aproveitamentos hidroeléctricos cuxos encoros sofriron recentemente un brusco decenso de caudal.
Nos pasados meses de xullo e agosto, varios encoros para aproveitamento hidroeléctrico na bacía hidrográfica Miño-Sil ficaron con níveis moi baixos de auga encorada. Concretamente, os encoros de Cenza e Portas (concello de Vilariño de Conso), non superaban o 15% da súa capacidade, e o de Salas (concello de Muíños, Ourense) e Belesar (varios concellos de Lugo) amosaban cun nível de auga de arredor do 30%.
Esta importante baixada de caudal, particularmente grave e brusca no caso dos encoros de Cenza (río Cenza) e Portas (río Camba), debeuse á actividade da empresa concesionaria dos aproveitamentos hidroeléctricos, en ambos os dous casos Iberdrola, que decidíu turbinar os caudais en plena época de estiaxe para producir electricidade nun momento en que o seu prezo acadaba máximos anuais.
Xunta e Confederación tiñan competencias para evitar o baleirado dos encoros e coñecían as intencións das eléctricas
A xestión destes aproveitamentos hidroeléctricos corresponde á Confederación Hidrográfica Miño-Sil, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Repto Demográfico. Este organismo informou que non puido evitar a baixada dos caudais encorados por non afectar ás normas de explotación dos aproveitamentos, e que os expedientes informativos abertos non detectaron incumprimentos nas condicións das concesións. Porén, aos poucos días (16 de setembro) o Ministerio modificaba de xeito “exprés” a Lei de Augas para introducir mecanismos que evitaran estes baleirados.
Polo que atinxe á Xunta, esta ten competencias exclusivas tanto no que atinxe á pesca nos ríos como ao medio ambiente dos territorios nos que se sitúan os encoros. A respeito da posíbel afectación da fauna piscícola pola explotación dos encoros, o Regulamento da pesca fluvial obriga ás concesionarias a comunicar toda operación que supoña a baixada dun 80% do caudal encorado, cousa que fixeron os días 10 de xuño e 12 de xullo pasados, no caso de Iberdrola.
E polo que atinxe ao medio ambiente, a Xunta xestiona toda a Rede Natura 2000 na que se encadran (ZEC Macizo Central) os dous encoros máis afectados polos baleirados (Cenza e Portas), sendo responsábel da boa conservación dos hábitats e especies presentes nestes espazos.
A responsabilidade das eléctricas: posíbeis delitos contra a fauna, a flora e o medio ambiente
Iberdrola, concesionaria dos encoros de Cenza e Portas, comunicou os días 10 de xuño e 12 de xullo ao Servizo de conservación da natureza da Xunta en Ourense que as operacións de baleirado que afectarían a estes encoros suporían deixalos con menos do 20% da súa capacidade. Tal comunicación á Xunta fíxose atendendo ao art. 83.1 do Regulamento da pesca fluvial. Porén, e malia a que o devandito regulamento establece un prazo mínimo dun mes para realizar baleirados que reduzan en máis dun 80% o volume de auga encorada, a concesionaria procedeu a realizar estas operacións 25 días no caso do encoro de Cenza e 12 días no de Portas, despois de llelo comunicar á Xunta, deixando ambos encoros por baixo do 20%.
O comportamento da concesionaria dos aproveitamentos de Cenza e Portas non respectou os prazos establecidos no devandito Regulamento, e como consecuencia deste proceder, o ecosistema fluvial e a fauna piscícola puideron verse afectados. Xa que logo e para os casos do baleirado dos encoros de Cenza e Portas, e no relativo aos posíbeis danos á fauna pìscícola e especies protexidas, a empresa concesionaria podería ter incorrido nun presunto delito contra a protección da fauna e da flora na tipificación establecida no artigo 332 do Código Penal.
E os posíbeis danos aos recursos naturais e ao ambiente poderían constituír un presunto delito tipificado no art. 325 do C.P. ao causar danos substanciais á calidade das augas e fauna acuática. Ao tratarse de territorios incluídos total ou parcialmente dentro de espazos protexidos, a conduta de Iberdrola atinxiría tamén -presuntamente- ao tipo penal do artigo 330 do C.P., por canto estarían afectados valores naturais chave para a catalogación dos espazos protexidos afectados.
A responsabiliade da Xunta: posíbel prevaricación por omisión
Polo que atinxe ás actuacións da Xunta, apesar de que a Consellería de Medio Ambiente tivo coñecemento do baleirado a principios dos meses de xuño (día 10 para Cenza) e xullo (día 12 para Portas), os servizos técnicos de Medio Ambiente non visitaron os encoros afectados até o 20 de agosto (70 e 38 días respectivamente). Evidénciase pois unha grave deixación de funcións por parte da Xunta ao renunciar á súa capacidade inspectora, cun máis que posíbel resultado de danos aos recursos piscícolas, ás especies protexidas e aos recursos naturais da ZEC Macizo Central.
Coa súa actitude de desleixo, a Administración autónoma estaría a provocar tamén unha creba para a cidadanía da credibilidade e a confianza nas institucións. Xa que logo, o proceder da Xunta podería -presuntamente- cualificarse como “prevaricación omisiva” ficando descrito no tipo penal do art. 329 do C.P.
Á vista destes feitos, ADEGA pide á Fiscalía que proceda con urxencia a abrir dilixencias de investigación para determinar as responsabilidades tanto das empresas concesionarias dos aproveitamentos hidroeléctricos como das administracións titoras dos bens e recursos naturais afectados, para os casos do baleirado dos encoros de Portas, Cenza, Salas e Belesar.

















A mostra inaugúrase o luns 19 de outubro ás 12.00 horas na Casa da Cultura, onde permanecerá aberta ao público ata o 19 de novembro. A iniciativa, promovida polo Concello, ofrece unha selección de obras nas que o artista explora a cor, a luz e a expresión contemporánea, consolidando a súa traxectoria dentro deste movemento artístico.
Da man da FCAM Ribagorda está a coñecer establecementos comerciais que cumpriron corenta anos de vida e outros que se achegan aos cen. A Federación de Comercio A Mariña aproveita esta estadía do coñecido xornalista para amosarlle as potencialidades turísticas da comarca. José Ribagorda visitou a Basílica de San Martiño en Foz e o Centro de Interpretación da Faba en Lourenzá. A súa viaxe pola Mariña seguirá hoxe e mañá.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos contra as 19:30 horas deste venres, a través dun particular que se atopaba no punto: un coche que participaba nunha proba de rallye en San Fiz de Paz (Outeiro de Rei) perdeu unha roda, e esta acabou golpeando a un espectador, quen precisaba asistencia sanitaria. De inmediato, desde o 112 Galicia informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil. Foi a propia organización do evento a que se fixo cargo do traslado.
O paseo polas rúas da vila xunto as Sanluqueiras e Sanluqueiros e o pregón de Luis Rego marcaron o arranque oficial das feiras e festas mindonienses, que chegan este ano a edición 870. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora de forma estable e continuada coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, cunha achega da área de Cultura que este ano -coincidindo coa 870 edición- incrementou dos 20.000 aos 30.000 euros.
Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.



