Lugo, 8 de novembro, 2021. Bóveda, O Valadouro, Meira, O Vicedo, A Fonsagrada e Sarria acollen esta fin de semana representacións do Circuíto de Teatro Afeccionado
Sábado, 13 de novembro
BÓVEDA
Centro sociocultural, 18:30 horas
O Circuíto de Teatro Afeccionado da Vicepresidencia da Deputación de Lugo programa para este sábado 13 de novembro, en colaboración co Concello de Bóveda, a obra “Por un puñado de grelos”, de Os Trocos, no Salón de actos do Centro sociocultural ás 18:30h.
O grupo de teatro de Castro de Rei desenvolve cun elenco de 14 actores e actrices esta obra que transcorre na mesma Terra Chá. Unha proposta para todos os públicos moi afincada na xeografía e costumes do lugar, transmitindo o respecto polos territorios e a natureza a través do seu fío argumental.
Marcan como límite o río Torto por unha beira e Xustás Town pola outra. Neste último lugar, concretamente en A Escrita, por onde pasa o río Azúmara, e que está controlado polo pobo dos Valuros, coméntase que está aparecendo ouro. A escrita é a única paraxe natural onde se dá a planta sagrada Os Grelos, e un pobo como os Valuros, respectuoso coa natureza e os seus ancestros, non consentirá unha nova invasión por parte do pobo branco.
O VALADOURO
Centro sociocultural Manuel Lourenza, 20:00 horas
O Circuíto de Teatro Afeccionado da Vicepresidencia da Deputación de Lugo programa para este sábado 13 de novembro, en colaboración co Concello do Valadouro, a obra “O lazarillo do Miño”, do grupo Os Pinchacarneiros, no Centro Sociocultural Manuel Lourenzo ás 20 horas.
O clásico Lazarillo que todos coñecemos dá paso a unha versión á galega, en concreto saída da capital lucense e representada con 13 actrices e actores sobre o escenario, nunha proposta destinada a todos os públicos.
Así, varios Lazarillos localizados nas terras do Miño, amosan unha realidade poboada de xentes de todo tipo, cregos nada caritativos, ricos que son máis ben mendigos, xente que se aproveita da boa fe dos demais ou persoas que loitan por ter un codelo de pan que levar á boca. Neste contexto, os diferentes lazarillos deberán tirar do seu enxeño para poder sobrevivir e non morrer de fame. E todo isto con moito humor, danza, teatro e, sobre todo, integración.
O VICEDO
Casa da Cultura, 20:00 horas
O Circuíto de Teatro Afeccionado da Vicepresidencia da Deputación de Lugo programa para este sábado 13 de novembro, en colaboración co Concello de O Vicedo, a obra “A tortilla e a peste”, de Nova Escena Teatro, na Casa da Cultura ás 20 horas.
Unha trama que sube a escena a cinco actrices para expresar dun xeito distinto as vivencias coas que o público poderá conectar baseadas nun momento moi delicado para todos nós como colectivo e tamén de xeito individual: o confinamento.
Varias mulleres contan a súa experiencia durante este período. A privación de contacto, o illamento, a distancia, fan que cousas cotiás, como unha simple tortilla, adquiran unha dimensión diferente, converténdose no “axis mundi” duns personaxes ligados ao mundo a través do finísimo fío da tecnoloxía.
A FONSAGRADA
Salón de Actos Municipal Os Chaos, 19:00 horas
O Circuíto de Teatro Afeccionado da Vicepresidencia da Deputación de Lugo programa para este sábado 13 de novembro a representación da obra “Spinof”, de Curuxán, no Salón de Actos Municipal Os Chaos ás 19 horas.
Este espectáculo de humor e improvisación para público adulto está baseado no método Harold de creacións en escea impro. A través de tres historias conectadas co “efecto bolboreta”, o propio público escollerá aos protagonistas, ás súas historias, o contexto e os seus obxectivos: un home de negocios que precisa axuda, unha anciá que só ten lembranzas e unha axente de viaxes que quere rematar a súa xornada para poder descansar.
Este caos argumental sen guión ofrece o maior dos protagonismos ao público asistente, conseguindo dar sentido ao que acontece sobre as táboas a través da ferramenta da improvisación “in situ” tras as decisións que toman os propios espectadores. O grupo de teatro Curuxán comeza a súa actividade hai 7 anos, partindo do mundo das artes escénicas e audiovisuais. Pouco a pouco, van creando “grupos de improvisación nos que adestramos unha vez por semana a mecánica de actuación”, asegura José Luis Bermúdez, responsable do grupo. Hai xa seis anos que participan do circuíto de teatro afeccionado, facendo unha valoración “moi positiva pola motivación que supón para todos nós”.
MEIRA
Centro Sociocultural, ás 20.00 horas
O Circuíto de Teatro Afeccionado da Vicepresidencia da Deputación de Lugo programa para este sábado 13 de novembro en colaboración co Concello de Meira a obra “As tres solteironas”, da Asociación Cultural Abrente, no Centro Sociocultural ás 20 horas.
Esta comedia ambientada nos anos 50 caricaturiza a ansia de dúas familias por amañar as súas herdanzas pactando casamentos, cunha trama argumental que se complica por certos intereses económicos, algún namoramento imprevisto, un cura de armas tomar, envexas, malas linguas e ata una meiga e un enxame de abellas. Unha representación satirizada dos costumes e formas de ver a vida na sociedade rural dos anos 50.
A obra, escrita polo párroco Anxo Eiriz, conta cun elenco de 13 actrices e actores da Asociación Cultural Abrente. Unha agrupación fundada no 2008 no concello de As Nogais, na que se imparten distintas actividades vencelladas á música tradicional, e que no ano 2016 decide crear este grupo de teatro, que leva participando no Circuíto da Deputación desde hai xa tres anos. Co teatro costumista por bandeira, desenvolven a súa actividade “cunha aula de persoas adultas e outra para os máis cativos, de tres anos en adiante, porque neste pobo xa había tradición de facer teatro e nós queremos continuala”.
Domingo, 14 de novembro
SARRIA
Escola de Louseiro, ás 19:00 horas
O Grupo de Teatro da Biblioteca Municipal de Antas de Ulla representa a obra “Historias pequenas de xente que non lle importa a ninguén” na escola de Louseiro, no concello de Sarria o vindeiro domingo 14 de novembro.
A obra, que forma parte das propostas incluídas no circuíto de teatro afeccionado da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, é o resultado da suma de varias escenas independentes interpretadas por dous actores ou actrices. Trátase de personaxes que están tristes, ou que teñen medo, ou que piden axuda porque viven algún momento de dificultade: unha mendiga que reclama, unha moza que pide traballo, un neno que atopa unha estrela, unha moza con ollo de cristal, unha moza que come o presente de orquídeas que lle regalan, un barbeiro que axuda a desaparecer, un domador que perde o seu león, un robot que non entende aos humanos e un asasino asasinado.
Historias que acaparan a atención dos asistentes nunha trama destinada a público adulto, que amosa situacións vitais e encrucilladas para ir resolvendo problemas nunha sociedade que ás veces vai demasiado rápido.
A Asociación Cultural Os Gorriós colabora coa área de Cultura da Vicepresidencia na organización da representación, que será as 19.00 horas.





















As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.
A cita será o luns 19 de outubro, ás 17:30 horas, cun punto de encontro no peirao de San Cibrao. Ademais, os diferentes edificios municipais iluminaranse de cor rosa para sensibilizar á poboación sobre a importancia da detección precoz, fundamental para mellorar o prognóstico e a supervivencia das pacientes que padecen esta enfermidade.
O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
No encontro, abordáronse temas como a posibilidade de colaborar na mellora da formación dos traballadores, destacando a importancia que ten ese aspecto neste sector estratéxico para Galicia. Tamén se trocaron puntos de vista relativos ás condicións laborais dos profesionais do mar.



