Santiago de Compostela, 17 de Novembro 2021. A portavoz nacional, Ana Pontón, encabezou a representación do BNG na manifestación en Burela dentro da xornada de folga xeral convocada para reclamar futuro económico e social para A Mariña, que ten en risco máis de mil empregos directos, coas factorías de Alcoa e de Vestas como principais exemplos da crise industrial.
“Desde o BNG demandamos medidas concretas que deben plasmarse nos orzamentos do Estado e da Xunta, que debe recollerse en compromisos que teñen que figurar no DOG e no BOE”, subliñou Pontón, momentos antes de arrancar unha mobilización protagonizada por unha veciñanza “que da un golpe na mesa para expresar que está farta de promesas e de fotos”, alegou.
Para a líder do Bloque, a crise industrial na Mariña obedece a causas políticas, -como un marco enerxético que prexudica a competitividade das empresas nunha Galiza rica en electricidade-, e polo tanto “as solucións deben vir desde o ámbito político”, alegou, tras destacar que de nada lle vale A Mariña ter na Xunta a un presidente “que cando hai un problema en lugar de buscar solucións, busca culpables”.
A contrario, corresponde a Feixóo poñerse á fronte para darlle futuro á comarca e iso pasa pola intervención pública de Alcoa, na que deben participar e aportar os recursos necesarios Goberno central e galego. “Sería un desastre repetir en Alcoa San Cibrao o que xa pasou con Alcoa Coruña, -hoxe Alu Ibérica-, e por iso o Goberno de Feixóo ten que facer algo máis que sinalar con dedo ao Goberno central, deben traballar, man a man, nunha alternativa”, demandou.
“O Goberno central e o Goberno da Xunta, é dicir PP-PSOE, non poden seguir coa estratexia de poñerse de perfil ante a situación da Mariña, que non se arranxa con fotos de reunións que conclúen sen ningunha solución, sen ningunha medida concreta”, criticou Pontón, en relación ao último encontro entre o presidente galego e a ministra de Industria, da que non saíu alternativa algunha.
Coa xornada de folga xeral, recalcou, A Mariña pide “solucións reais” para unha comarca que nos últimos anos perdeu un millar de postos de traballo tras o peche de empresas emblemáticas, coa “pasividade absoluta” do Goberno do PP. Pontón demanda que esa pasividade sexa substituída por compromisos nos orzamentos.
Unha mobilización que tamén expresa o cabreo ante o desfile de cargos de PP e PSOE para facer anuncios que despois quedan no caixón. A intervención pública de Alcoa é a única solución real, concluíu Pontón, nas súas declaración no arranque dunha manifestación na que tamén participaron a deputada por Lugo, Olalla Rodil; o deputado pola Mariña, Daniel Castro, os portavoz de industria e emprego, Ramón Fernández e Daniel Pérez, a alcaldesa de Barreiros, Ana Hermida ou o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez.






















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continúa con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
Finalizado o encontro, de carácter privado, o Cónsul asinou no Libro de Ouro da Deputación e a Presidenta fíxolle entrega dun agasallo institucional. Trala xuntanza Carmela López manifestou a súa satisfacción porque “traballamos para avanzar en novas vías de colaboración, e en posibles proxectos que serven para reforzar a relación entre a Deputación e o veciño país de Portugal”.


