Burela, 31 de marzo, 2022. A educación, peza fundamental no desenvolvemento e na liberdade das persoas, especialmente das mulleres, é o eixo fundamental desta nova peza de Culturactiva Producións que se chegará a Burela o vindeiro sábado 2 de abril.
Anabell Gago e Mónica Camaño, dirixidas por Fina Calleja e con texto de Paula Carballeira, métense na pel de dúas antigas alumnas de María Barbeito que volven atoparse trala morte da mestra, en 1970. Atrás queda a infancia e o mundo que lles abriu esa profesora antes de que o Comité de Depuración a afastase do seu traballo na escola. Son as dúas únicas alumnas que lle escribiron cartas contándolle o que foi das súas vidas. A través desa correspondencia, o público descubrirá como as decisións marcan o destino de cadaquén, e o medo, e a rebeldía.
“As Alumnas é un espectáculo sobre xustiza social, memoria histórica e sobre as mulleres como María Barbeito, que loitaron pola educación e a igualdade en Galicia. Esta obra é unha forma de devolverlles un pouco de todo o que nos deron”, afirman dende Culturactiva Producións.
As Alumnas non é a primeira peza que afronta a memoria histórica, pero aporta un enfoque singular, poñendo o foco no legado de María Barbeito e comparando dous modelos educativos e de sociedade: a II República e o Franquismo. As dúas personaxes femininas protagonistas representan dous casos concretos de mulleres no marco histórico anterior e posterior á Guerra Civil. Xunto a elas o público sentirá nostalxia e impotencia, pero tamén esperanza ao revivir as transformacións sociais do momento.
Quen fai As Alumnas? Sobre o equipo
Fina Calleja é membro de Sarabela Teatro desde 1998. Recibiu os premios María Casares ao mellor texto adaptado polas versións teatrais de O Lapis do Carpinteiro e Sexismunda. Interviu en series como Padre Casares, e en montaxes como Margar no Pazo do tempo, A Esmorga ou Ensaio sobre a cegueira. Como directora, é responsable de producións de Sarabela Teatro como A Torre da Homenaxe, O secuestro da bibliotecaria ou Proxecto Noeé; ou Rosalía de Culturactiva Producións.
Paula Carballeira adícase ao teatro e á narración oral desde 1994. Participou en diversos programas da TVG: Viradeira, O clan dos impostores, Libro de familia ou Rías Baixas. É membro da compañía teatral Berrobambán, coa que coordinou a programación infantil ASTEROIDE B-612. Tamén dirixiu espectáculos de Talía Teatro como Mundos contados ou Rosa Caramelo e dirixiu e interpretou a proposta do CDG para público infantil A cabana de Babaiagá. Como autora, destacan títulos como Carrapuchiña veloz, Movementos para trasnos e trastes, Radio Universo, Malicia, Vendetta ou Alicia & Alicia.
Mónica Camaño traballa desde 1980 como actriz e directora e, ao longo da súa traxectoria participou en pezas como O charco de Ulises (CDG), Defensa da Vila (Teatro de Ningures) Nacidas libres (Contraproducións) Rosalía (CDG) ou A Señorita Xulia (Uvegá Teatro). Por outra banda no mundo audiovisual participou en Nación, Vivir sin permiso, Serramoura, Matalobos, As leis de Celavella, Terra de Miranda ou O lapis do carpinteiro.
Anabell Gago traballa desde o 2000 como actriz e directora en pezas entre as que destacan NeP (Neorretranca e Postmorriña) Martes de Carnaval ou Noite de Reis co CDG; Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos ou Manawee, de Matrioshka Teatro; Tokio 3 ou Super 8 con Voadora. Igualmente, no mundo audiovisual ten participado, entre outras, en Rías Baixas, Terras de Miranda e A Escoba.
A produción e posta en marcha do proxecto corre a cargo de Culturactiva Producións, o departamento de produción escénica da cooperativa de xestión cultural do mesmo nome que en 2020 celebrou o seu 20 aniversario e que produciu espectáculos como Rosalía, Conexión Pingüín ou Saaabor!
A representación desta obra conta coa axuda da Rede de Teatros e Auditorios de Galicia e da AGADIC, e é unha aposta da Delegación Municipal de Cultura co Teatro Galego de Calidade.
A representación terá lugar ás 20 horas no AUDITORIO da Casa da Cultura de Burela. As entradas mercaranse a partir das 19:30 horas na taquilla do Auditorio (3 euros).