Metidos nunha dinámica de catástrofes e malas novas, de guerras previstas/imprevistas, inflación, esgotamento de recursos, falta de enerxía, contaminacións diversas, perda de diversidade, quecemento global… esquécesenos, fáisenos invisible outra parte do noso mundo que pode que puideramos comezar a amañar antes, como paso previo para ser máis eficaces na resolución dos outros problemas.
É case como se estiveran empeñados en facer que o esencial sexa invisible ós ollos, como Saint-Exupéry lle fai dicir ó Pequeno Príncipe. Como se a humanidade da que debemos sentirnos orgullosos quedara reducida a números, a un ‘teño máis’ (vense á mente ‘cartos’, pero poden ser tamén outras cousas). Ou a un ‘non podo ter máis porque…’, e detrás do porque virían eses problemas – sempre de culpa allea, claro, sinalando alguén outro seguindo aquelo de ‘divide e vencerás’ – que fan que cousas como o tempo ou a amizade, na esfera persoal, ou participación e solidariedade, na esfera social, non teñan cabida, non se vexan como posibles máis aló do interese inmediato. E peor aínda, esa dinámica ‘catastrófica inducida’ fai que perdamos ata o concepto e a capacidade de entender o esencial. Algo que se manifesta ás veces en grandes cousas, ás veces en pequenos detalles, e a maioría delas, de xeito invisible para quen as está (estamos) a vivir.
O anterior veume á mente ó ollar para un anuncio dunha charla sobre datos abertos, no que se nomeaban tamén a participación cidadá e a transparencia da administración. Tres conceptos e actividades sociais. Tres cousas ben diferentes, mais relacionadas. Tres cousas en xeral desatendidas no noso país. E tres cousas que parecen invisibles ós administrados despois de que as administracións tenda a invisibilizalas – como sinónimo de desatendelas ou desprezalas – dun xeito que poderiamos caracterizar como ‘histórico’ polo dilatado período que abrangue. Certo, por poñer unha escala, que os datos abertos son fundamentais na administración para poder exercer a transparencia e ambas, para a participación cidadá.
Hoxe por hoxe, por coller un campo abondo normalizado e avanzado no proceso de abrir os datos, os datos meteorolóxicos son accesibles dun xeito amplo e aberto en Meteogalicia, correspondendo ó territorio que abrangue. Mais outra cousa diferente é en AEMET, a axencia estatal, onde se se quere acceder, poñamos por caso, ós datos tomados por unha estación meteorolóxica da outra beira da ría de Ribadeo ou a que toma as medicións en terras do noso concello, atopámonos cun límite temporal de acceso que, dependendo das variables, cífrase só en horas. Pasadas as que desaparece a posibilidade de uso ‘tranquilo’. E, se se quere ir máis aló, a máis de trámites administrativos e pago por datos obtidos con cartos públicos por un servizo público, poderase acceder cun certo retardo, ao menos a primeira vez. E é que os datos, para seren abertos, é dicir, para estar realmente á disposición dos usuarios potenciais, non só necesitan estar de xeito nominal a disposición, senón ser accesibles de forma sinxela, intelixibles, e ter un formato que permita usalos de xeito doado.
Non sei o que farán na charla anunciada, polo demais, como insinúa o anuncio, coido que ben necesaria, nin tampouco a formación que seguirá – algo que tamén se anuncia, que haberá máis -. Mais teño claro a necesidade, non só de formación nestes temas, senón tamén de animación das administracións, para facer unha realidade a apertura, a transparencia, e como un paso máis, a participación. Necesidades para facer real unha necesidade da democracia: a participación da xente. A túa participación.


















A interrupción do servizo está prevista entre as 8.00 e as 19.00 horas con motivo dos traballos de conexión á nova obra de saneamento que se está a executar na contorna. Trátase dunha intervención necesaria para avanzar na mellora das infraestruturas e dos servizos básicos na zona.
No acto impuxéronlles o birrete e entregáronlles diploma e orla. Despois cantaron unha canción para as familias asistentes. Houbo moitos aplausos e algunhas lágrimas de emoción.
A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, destacou o carácter participativo da iniciativa, organizada xunto á Xunta e co apoio do Concello. O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, puxo en valor o traballo colectivo e a implicación das novas xeracións. O concerto estivo dirixido por Maximino Zumalave, coa formación Hércules Brass e Rosa Aneiros como mantedora. Ademais, anunciouse que a próxima edición estará dedicada a Xosé Neira Vilas.
Trátase dun programa de actividades para a infancia e a mocidade que se desenvolverá en xullo e agosto con propostas educativas, deportivas e culturais pensadas para facilitar a conciliación familiar. A oferta inclúe ludoteca, talleres creativos e tecnolóxicos, deporte, contacontos e eventos comunitarios como o Mercado Infantil Solidario ou o Carnaval de Verano. As inscricións realizaranse do 1 ao 15 de xuño no Concello, con prioridade para menores empadroados. O programa reforza o compromiso municipal co apoio ás familias e cun verán activo e accesible para a mocidade do concello.
A comunidade educativa convida especialmente a antigos alumnos, mestres e familias a participar nesta xornada de reencontros e lembranzas.
A festa incorporou unha mesa doce decorada con temática de faros e unha sesión de coctelería dedicada á elaboración de vermús. As persoas asistentes recibiron ademais un detalle conmemorativo: unha botella de aceite de oliva virxe extra de Oleonavas, en homenaxe ás raíces familiares do propietario. O evento incluíu numerosos sorteos grazas á colaboración de diferentes empresas, con premios como comidas en O Noso Lar, na Bodega de Ana ou no Restaurante Nito, ademais de licores, paletillas e circuítos termais. Para esta ocasión preparouse tamén unha carta especial con táboas de carne e instalouse un mural conmemorativo no local. O establecemento agradeceu a fidelidade da clientela e o apoio da veciñanza ao longo desta década, fundamentais para acadar este aniversario tan significativo.
Tras máis de vinte anos dedicada ao debuxo científico, expón desde 2013 e a súa pintura, definida pola crítica como expresiva, colorista e próxima ao surrealismo, chegou xa a numerosos países europeos e americanos. 



