A institución provincial tamén está acometendo outro proxecto nesta vía que ascende a máis de 300.000€ para renovar o pavimento, por tramos, en preto de 11 quilómetros para mellorar a comodidade e a seguridade na estrada
Lugo, 28 de xuño de 2022. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou este martes na Pastoriza xunto ao Alcalde deste municipio, Primitivo Iglesias, novos traballos de mellora que a institución vai acometer na Avenida Principal cun investimento de 363.000€. Uns traballos que xa se atopan en fase de licitación e que, previsiblemente, comezarán en setembro.
Tomé Roca detallou que as actuacións contempladas nesta estrada provincial, a LU-P-4401, servirán para dotar de novas beirarrúas ás marxes da vía, rehabilitar o firme, instalar nova sinalización mediante marcas reflexivas brancas e mellorar na iluminación. As obras faranse no treito da Avenida comprendido entre o seu inicio ata o punto quilométrico 1,550.
O mandatario provincial tamén comprobou o estado doutro proxecto que a Deputación está acometendo nesta mesma vía e que complementan os recén anunciados. Estase a arranxar, por tramos, o pavimento de preto de 11 quilómetros dende o punto quilométrico 0 ata o 10,9, e tamén se renova a pintura de toda a estrada por un importe de máis de 300.000€, o que redundará na mellora da comodidade e seguridade da vía.
Relevancia social
O Presidente da Deputación subliñou que esta é unha estrada cunha importante relevancia social, ao atravesar o núcleo da localidade. “É moi empregada pola veciñanza dos concellos da Pastoriza, Cospeito e Castro de Rei, pero tamén polas persoas que se desprazan pola comarca chairega”. Engadiu que esta actuación beneficiará tamén aos usuarios e usuarias das instalacións deportivas ás que dá servizo, como o polideportivo e as piscinas municipais da Pastoriza ou o campo de fútbol do Acebreiro.
O mandatario provincial subliñou na visita, na que tamén participou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, outras actuacións destacables en materia de mobilidade que nos últimos meses a Deputación acometeu no municipio. Tomé Roca apuntou as melloras realizadas na LU-P-1106 con preto de 170.000€, no treito que conecta Castro de Rei con Campo do Oso pasando por Reigosa.
Estas obras afectaron a uns 4 quilómetros da estrada, entre os puntos quilométricos 16,9 e 20,4, e consistiron na reapertura de cunetas, aglomerado en quente e sinalización horizontal. “Renovouse o treito desta vía porque soporta un elevado volume de tráfico, pois é moi utilizada pola veciñanza para comunicarse con Mondoñedo e os concellos da
costa. Ademais, soporta o tráfico que se dirixe a unha canteira situada no núcleo de Xemil, xustamente por onde transcorre a estrada”, indicou o Presidente.
A Deputación, coa Pastoriza
O Presidente enmarcou estas actuacións na “cooperación continua que mantemos co Concello da Pastoriza e con todos os municipios da provincia para que poidan ofrecer máis e mellores servizos ós seus veciños”. Subliñou que a Deputación destinou un investimento de preto de 3M€ só no que vai de mandato, e “vamos a seguir nesta liña de colaboración”.
Ademais do Plan Único de Cooperación cos Concellos, que este ano 2022 ascende a preto de 345.000€, e dos diferentes proxectos destinados a mellorar a mobilidade no municipio, a Deputación de Lugo asinou nos últimos meses tres convenios de colaboración con este municipio chairego. Un para a celebración da Festa da Bola de Liscos e Freces de Bretoña dotado con 3.000€, outro por importe de 2.600€ para a celebración dunha proba do Campionato Galego de Andadura, e un terceiro para a creación dun parque infantil e a realización dun estudo sociolóxico, un poemario e un libro sobre o municipio que ascendeu a preto de 50.000€.


















As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O percorrido comeza nun lugar simbólico: as pontes sobre o río Sor, que unen as provincias da Coruña e Lugo e marcan un dos vértices do territorio lucense. Con esta iniciativa, Guido Guía propón unha travesía pola diversidade paisaxística, histórica e humana da provincia, destacando a riqueza dos seus espazos naturais, monumentos e comunidades.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.
A cita será o luns 19 de outubro, ás 17:30 horas, cun punto de encontro no peirao de San Cibrao. Ademais, os diferentes edificios municipais iluminaranse de cor rosa para sensibilizar á poboación sobre a importancia da detección precoz, fundamental para mellorar o prognóstico e a supervivencia das pacientes que padecen esta enfermidade.
O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
No encontro, abordáronse temas como a posibilidade de colaborar na mellora da formación dos traballadores, destacando a importancia que ten ese aspecto neste sector estratéxico para Galicia. Tamén se trocaron puntos de vista relativos ás condicións laborais dos profesionais do mar.



