Ante a actual vaga de lumes que percorre o país enteiro cómpre poñerse as pilas. Día si e día tamén escoitamos de novos records de temperaturas, de secas, de ventos. Nacións do mundo enteiro sorpréndense con fenómenos que nunca antes se viran, cando menos na dimensión, perigosidade e risco para as persoas coas que están a acontecer.
Semella evidente que ante esta situación o lóxico e prudente é extremar as precaucións e mesmo ir alén do obrigado no eido da prevención. Porén algúns alcaldes parece que están máis ás festas que a ollar o que pode pasar na Mariña cando cheguen setembro e outubro se non chove.
Así sucede no concello de Mondoñedo, cando menos polo que a min me toca. Os repetidos avisos ó noso alcalde para que limpe os camiños municipais á veira da miña casa non deron resultado, véndome na obriga de recurrir a denunciar a súa inoperancia publicamente.
Quero polo tanto denunciar por este medio a situación de falta de limpeza do camiño do Casal, de titularidade municipal, así como a situación das parcelas 197 do polígono 1 e 292 do polígono 3, que estando dentro das faixas de protección de incendios, non cumpren coas obrigas de limpeza.
E solicito, tamén publicamente, que se dea resposta á solicitude feita no seu día, procedendo á limpeza do devandito camiño de titularidade municipal, e se exerzan tamén as competencias que outorga a lei de incendios na vixianza da limpeza das franxas de protección no núcleo de Centeás (Oirán) ó concello de Mondoñedo.
Poño así sobre a súa cabeza a responsabilidade do que poida suceder, que ninguén desexa e ninguén agarda, pero que como no resto do país e do planeta, ben pode acontecer, e pillarnos cos deberes sen facer.