Ribadeo, 5 de agosto de 2022. O alcalde, Fernando Suárez, celebra que a Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao se comprometa a garantir o acceso libre e público á Illa Pancha. Algúns turistas xa puideron acceder este mediodía, ao igual que o rexedor e os concelleiros de Turismo e Medio Rural, Pablo Vizoso e Marcos Villamil. A Brigada de Obras municipal retirou o cartel que prohibía o paso a esa zona.
Suárez Barcia lembrou que “hai poucos meses o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia resolveu de xeito claro que o acceso á Illa Pancha debía ser libre e público con independencia da xestión que poida facer a actividade privada que nunha pequena parte da illa concesionou o Estado a través da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao. Con isto quedaba resolta calquera outra interpretación xurídica ao tempo que confirmaba a actuación administrativa levada a cabo polo Concello de Ribadeo en todo este proceso”.
O alcalde dixo que “lamentablemente desde o Concello fomos advertindo que neste caso as normas e as sentenzas que as avalaron seguían sen cumprirse ou só se cumprían cando o concesionario o tiña a ben. De aí que nestas últimas semanas ordenóuselle á Policía Local que fixera periódica e aleatoriamente controis para saber se o acceso público quedaba garantido. O resultado de todo este control obrigou ao Concello a impoñer senllas multas coercitivas consecutivas ao titular da actividade privativa e finalmente un requirimento de non argallar máis para incumprir as normas ou o Concello veríase na necesidade de executar as accións subsidiarias pertinentes para garantir o acceso público”.
Fernando Suárez seguiu a relatar que “foi neste momento, é dicir, hai unha semana, cando finalmente a Autoridade Portuaria, xorda e cega durante anos, contactou co Concello a través dos seus equipos xurídicos para dalgún xeito desculpar a súa desatención durante todo este tempo e garantir de que de maneira inmediata e de aquí en diante a situación ía cambiar radicalmente e para sempre”.
O rexedor subliñou que “desde o Concello celebramos que sexa así e celebramos igualmente que a Autoridade Portuaria se comprometa por ela mesma a tomar as medidas necesarias sen recorrer ao seu concesionario, máis que de xeito pautado e transitorio dunhas poucas semanas e mentres non se implementan os sistemas técnicos comprometidos”.
Fernando Suárez engadiu que “desde o Concello de Ribadeo manifestamos, como sempre o temos dito, que nada temos que obxectar ás actividades que o Estado poida concesionar nesta illa da súa responsabilidade, apartamentos turísticos ou unha cafetería, como de feito o fai noutros espazos públicos da súa titularidade no resto do litoral de Galicia e do Estado. O que sempre rexeitamos foi que un concesionario duns 500m2 se apropiase de facto e para o seu interese dos 12.000m2 da superficie de toda a illa”.
O alcalde agarda que “a palabra dada se cumpra, porque se non, tal e como tiñamos previsto de non acceder ao último requirimento ordenado hai poucos días, o Concello procedería sen máis dilación a retirar coa Brigada Municipal de Obras a porta de acceso á Illa Pancha. Alegrámonos que isto non tivera que ser así, pois a nosa Brigada Municipal ten abondo traballo que realizar sen ter que destinar estes recursos a poñer xustiza con concesionarios obtusos e con Administracións que durante anos foron xordas e mudas”.






















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
A programación arrancará de 13:00 a 15:00 horas cos pinchos de benvida e unha sesión vermú a cargo do DJ Peabody. A continuación, de 15:00 a 17:00 horas, terá lugar a comida na Finca San Antonio, cun menú composto por salpicón de rape e langostinos, codillo con patacas, pan, postre, café, chupito e bebida incluída. Os tickets teñen un prezo de 40 euros e poden adquirirse en O Rincón, Confitería Alianza, Comercial Anjor e Perruquería Oriola; os menores de 5 anos asistirán de balde e os de 6 a 10 anos contan cun desconto do 50 %. Xa a partires das 18.30 horas haberá sesión de música con Toxo Guayaba.


