Ademais, o sábado 17 de setembro terá lugar a última ruta xeolóxica programada para o período estival
Burela, 7 de setembro de 2022. A delegación de Turismo do Concello de Burela informa de que continúan as visitas guiadas arredor do patrimonio mariñeiro da vila durante este mes de setembro e fai unha valoración moi positiva dos datos que deixaron os meses de xullo e agosto.
A aposta pola promoción turística nun dos portos máis importantes do Cantábrico e do país responde á necesidade de dar a coñecer e poñer en valor os oficios tradicionais e artesanais ligados ao porto. A través destas visitas que tiveron un gran éxito ao longo de todo o verán ofrécese a posibilidade a moitos dos visitantes que chegan a Burela de mergullarse nas entrañas da zona portuaria e no seu funcionamento e actividade.
Tanto é así que nos meses de xullo e agosto a Oficina de Turismo ofreceu información a un total de 6.197 visitantes, incrementándose respecto ao ano anterior en máis dun 60%, máis do dobre de consultas turísticas. Predomina o turismo nacional fronte ao estranxeiro, destacando neste último caso os de procedencia francesa.
O Barco Museo rexistrou unha cifra de 3.002 visitantes, fronte aos 2.334 do ano precedente, o que supuxo un incremento do 28,63%.
Neste 2022, e despois da paréntese pola pandemia, volveuse a retomar a Ruta do Peixe, visitas guiadas para coñecer o funcionamento da lonxa e asistir á subasta de pescado, completándose en agosto todas as prazas gratuítas ofertadas, e rexistrándose 1.217 visitas entre xullo e agosto.
Como novidade, este tempada de verán, incluíuse unha actividade dentro da programación de visitas guiadas, a visita á planta de produción da conserveira artesanal “Conservas Faro de Burela”, contabilizándose 760 persoas nas visitas.
Os mariñeiros da Asociación de Xubilados do Mar e Afíns rexistraron arredor de 200 visitas, e a Igrexa da Vila do Medio recibiu un total de 56 persoas.
O edil de Turismo e tenente de alcalde, Ramiro Fernández, destacou “o ano histórico do turismo en Burela tal e como recollen os datos”, poñendo en valor o traballo “ de dúas persoas que se implicaron ao cen por cen este verán: Iria e Lino”, facendo mención á técnica de turismo e ao encargado das visitas no barco boniteiro.
Fernández subliñou que “Burela está emerxendo”, unha afirmación que fai “cos datos na man, posto que nunca se ofreceron tantas actividades tanto a nivel público como privado, e iso tivo unha repercusión tremendamente positiva á hora de atraer xente á vila”. Ademais, confirmou que “seguiremos traballando para mellorar a afluencia en beneficio principalmente da hostalería, comercio e tamén pisos turísticos”. Lamentou non obstante a postura da oposición, pois “a pesar dos agoreros que fan declaracións case convidando á xente a non vir a Burela, recollemos datos históricos”, cuestionando que defendan “o canto peor mellor, en lugar de traballar polo seu municipio”. Con vistas ao futuro, desde o consistorio proxectan “manter o éxito acadado este ano e tratar de melloralo”.
A aposta turística deste verán, que continúa no mes de setembro, mostra polo tanto desde os preparativos para que os barcos emprendan rumbo á mar co traballo indispensable das Redeiras “Cabo Burela”, ata o modus vivendi dos mariñeiros a bordo dun barco, as tarefas diarias e as súas artes de pesca coas visitas á Asociación de Mariñeiros Xubilados e Afíns e ao Barco Museo Boniteiro.
As tres propostas que continúan este mes de setembro están interrelacionadas entre si e son complementarias, de xeito que se se realiza unha visita ao Barco Museo descubrirase que cada arte de pesca emprega un tipo de rede distinta, variando o método de confección, que se mostrará e explicará cando chegue a quenda da visita ás redeiras, mulleres sen as que non sería posible que moitos pesqueiros saísen faenar.
Tamén se pode comprender o procedemento para tinguir antigamente as redes na Asociación de Mariñeiros Xubilados e Afíns, de xeito que todas as explicacións suman nesta aprendizaxe integral.
VISITAS DISPOÑIBLES DURANTE SETEMBRO
Barco Museo Boniteiro “Reina del Carmen”:
Coñecerás a vida e tarefas diarias dunha tripulación en altamar, as artes de pesca que se empregan nos portos do Cantábrico e as tecnoloxías dun barco do ano 1967.
Despois de faenar durante 30 anos, o Barco Museo Boniteiro “Reina del Carmen” é testemuña da historia, vida e cultura mariñeira do noso porto e vila. Se acertas a visitalo poderás percorrer todas as súas estancias, que se atopan practicamente intactas, descubrindo o xeito de vida e tarefas diarias da tripulación nun barco das súas características, o seu funcionamento, tecnoloxía empregada, as artes de pesca artesanais do Cantábrico e moitos aspectos máis que sorprenderán tanto a adultos/as como ao público infantil. A súa labor de concienciación e difusión de artes de pesca tradicionais e sostibles foi recoñecida coa concesión da Bandeira Azul de Educación Ambiental e Protección dos Recursos Mariños da Unión Europea.
Horario ata o 24 de setembro: De martes a domingos ás 11:00h/12:00h/13:00h/17:00h/18:00h/19:00h.
A partir do 24 de setembro o Barco pechará por descanso do persoal ata o 2 de novembro.
Duración aproximada: 55 minutos.
Necesaria reserva previa en Oficina de Turismo (982 888 506). Domingo directamente no barco.
Horario de reservas Oficina de Turismo: de martes a sábado, de 10:30h a 13:30h e de 16:30h a 19:30h (ata o día 15, a partir dese día reservas directamente no barco e para grupos no número 982 58 60 00).
Tarifas:
Maiores de 18 anos: 5 €
De 8 a 17 anos: 3 €
Menores de 8 anos gratis.
Asociación de Redeiras “Cabo de Burela”:
Desentrañarás da man das propias redeiras o seu oficio tradicional e artesanal.
A Asociación Cabo Burela mantén viva esta labor esencial para que os barcos do porto da vila poidan saír a fanear. No pasado era este colectivo, formado exclusivamente por mulleres, o que reparaba e confeccionaba as nasas e redes, diferentes en función de cada arte de pesca, variando así a técnica de elaboración da rede. Actualmente, o traballo das redeiras segue sendo unha importante seña de identidade da tradición mariñeira.
Na nave de redeiras, a través de visitas planificadas e organizadas pola propia asociación, poderás coñecer este importante oficio manual tal e como o realizaban as súas predecesoras décadas atrás, manténdose inalterado no tempo. Na mesma nave, existe tamén un pequeno espazo onde se expón maquinaria e outros elementos de barcos pesqueiros.
Horario ata o 30 de setembro: De luns a venres, ás 11:00 h. Visitas garantidas cun mínimo de 2 persoas.
A partir do 30 de setembro visitas con cita previa (con antelación) dentro das Rutas de Artesanía da Mariña Lucense. De luns a venres.
Duración aproximada da visita: 55 minutos.
Necesaria reserva previa teléfono: 630 75 79 10.Correo electrónico:caboburela@hotmail.com.
Dirección: Nave de Redeiras. Porto de Burela (a carón da Confraría de Pescadores)
Tarifas:
Maiores de 16 anos: 5 €
De 4 a 16 anos: 3 €
Menores de 3 anos gratis.
Local social Mariñeiros Xubilados e Afíns:
Aprenderás sobre “A nosa Memoria” colectiva vinculada ao mar a través da sabedoría de experimentados mariñeiros, descubrindo:
– Unha interesante colección de maquinaria antiga de barcos, a súa utilidade e funcionamento.
– Ferramentas e útiles mariñeiros, como por exemplo, unha ferramenta coa que se tinguía antigamente as redes, e o seu procedemento.
– Como se elaboraba antigamente o cebo con follas de millo.
– Exposición de fotografías antigas.
– Curiosidades, anécdotas e explicacións que polo ben do patrimonio cultural non deberían caer no esquecemento.
Os guías, Santiago e “O Gacha”, atesouran a sabedoría dos vellos lobos de mar co que aínda senten un forte vínculo (o que foi mariñeiro nunca deixa de selo).
Horario (todo o ano): Xoves e venres, de 16:00 a 18:00 horas. Sábados e domingos, de 10:00 a 12:00 horas.
Teléfono reserva previa: 665 013 838.
Visitas gratuítas.
Dirección: Rúa do Porto, 1, Burela (enfronte á Oficina de Información Turística).
Ademais, o sábado 17 de setembro contaremos coa última ruta xeolóxica do verán, que se reserva gratuitamente no blog rutasxeoloxicasdegalicia.blogspot.com.es.























O luns 30 de marzo ás 18:00 horas darán comezo as visitas guiadas polo casco histórico de Viveiro, conducidas polo historiador Xesús Martínez e organizadas polo CCHV coa colaboración da Xunta de Cofradías da Semana Santa. Antes da primeira visita, ás 17:30 horas, realizarase unha breve presentación na Praza Maior, diante da porta do Concello. No acto participarán José Veiga, en representación da Xunta de Cofradías, Cristina Rodríguez, presidenta do CCHV, e o propio Xesús Martínez.
O alcalde, Pedro Fernández, salientou o seu impacto turístico e deportivo. A edición inclúe un atractivo especial: a Concentración da Selección Española OPEN, que adestrará en Tapia do 1 ao 6 de abril. O Goanna Pro é a segunda proba da Liga PRO, garantindo un nivel competitivo máximo. Datas: Semana Santa 2026. Lugar: Praia de Anguileiro. Destacado: Concentración da Selección Española (1–6 abril).
O delegado destacou a consolidación do evento como referente cultural na Terra Chá. O festival contará con Caamaño & Ameixeiras, Ulex e La Txama, ademais de actividades lúdicas. A cita será no campo da feira de Gontán, con entrada gratuíta.
A mostra reúne unha ampla selección de obras inspiradas na vida, a paisaxe e a identidade mariñá. O acto inaugural celebrarase o domingo 29 de marzo ás 18:00 horas e contará cunha actuación especial da chelista Amanda López López.
A Guía Repsol destaca 24 locais galegos como Soletes de primavera para gozar nesta Semana Santa. Galicia suma xa 357 establecementos recoñecidos con este distintivo, que non se renova nin se revalida, senón que se concede como categoría única. Na provincia de Lugo figuran seis Soletes: ‘Caserío Meiroi’ (Navia de Suarna), ‘Ebos’ (Vilalba), ‘Faragullas’ (Mondoñedo), ‘La Salina’ (Sarria), ‘Ramón’ (Lugo) e ‘Trespés’ (Monforte de Lemos).
A cita celebrarase en Burela entre os días 4 e 6 de setembro, e xa están confirmadas preto dunha ducia de actuacións, entre elas as de Arume, Depedro, Éxtasis, Gara Durán, Juventude o La Milagrosa. O Goberno galego vén cooperando cos organizadores do festival, “que alcanza a súa duodécima edición consolidado como un motor de dinamización económica y cultural para a localidade”, afirmou Arias.
O acto institucional, celebrado este venres, contou coa participación da directora xeral de Igualdade do Principado e coa música de Clandestías.



