A metade están relacionadas con estradas e supoñen máis de 19 millóns, tres sobre o ferrocarril recollen máis de 25 millóns e outras 10 diríxense ao Ministerio do Interior para incrementar 2,5 millóns cos que cumprir os compromisos adquiridos coa nosa provincia
Lugo, 31 de outubro de 2022. O deputado popular no Congreso Joaquín García Díez e o senador José Manuel Barreiro compareceron en rolda de prensa para dar a coñecer as emendas xa presentadas polo PP lucense no Congreso, para que “a provincia de Lugo non quede esquecida nos Presupostos Xerais do Estado (PGE) para o 2023 do Goberno de Sánchez”. Concretamente, os populares propoñen 30 emendas por máis de 47 millóns de euros coas que “recuperar proxectos que xa estaban comprometidos e aos que non debemos renunciar”. Trátase, segundo explicaron, “daqueles compromisos que o Goberno de Rajoy tiña adquiridos coa provincia e a cidade de Lugo. Pedimos que se cumpran eses compromisos, non pedimos una cousa diferente”. Para os populares “este é o momento no que os socialistas lucenses deben manifestar se se comprometen coa provincia ou non”.
Das 30 emendas, a metade diríxense a corrixir déficits en materia de comunicacións por estrada con case 20 millóns de euros. Os populares esixen avanzar nunha actuación paralizada polo Goberno de Sánchez como é a A-74, a autovía da Mariña; a A-56 entre Lugo e Ourense ou na circunvalación da A-76 en Monforte. Igualmente, defenden a creación do intercomunicador entre a A-54 e a N-540 en Guntín para o que propoñen unha partida de 2,6 millóns de euros e advirten de que “o Goberno de Sánchez atrasa o remate da A-54 entre Lugo e Santiago ata finais do 2024”.
En relación ao municipio de Lugo, as emendas recollen tres actuacións importantes: o estudo e proxecto para o desdobramento e iluminación da rolda norte; a redacción de estudos para o desdobramento da N-VI entre Garabolos e o enlace coa N-540; e a redacción de estudos sobre as vías de servizo paralelas á autovía A-6 entre os p.k. 497 e 500 en ambos sentidos, “para mellorar as entradas e saídas aos polígonos industriais de As Gándaras e O Ceao”.
A través das emendas rexistradas, os populares lucenses esixen tamén actuacións de conservación na N-540, na N-120 e na autovía A-6 na provincia de Lugo debido ao seu deficitario estado. Inclúen tamén outra dirixida á mellora da seguridade viaria na N-VI, coa instalación dunha glorieta no p.k. 513,67, en Outeiro de Rei. Igualmente, esixen a renovación do firme, trazado e sinalización na N-634 en todo o percorrido entre os municipios de Abadín, Mondoñedo e Lourenzá que constitúe a vía alternativa á A-8 cando a autovía pecha por mor da néboa e, igualmente, sinalan a necesidade de renovación do trazado e o firme na estrada N-120A entre os p.k. 526,600 e 531,800, no concello de Pantón.
O deputado Joaquín García Díez sinalou que “as cantidades destinadas á conservación das estradas do Estado na nosa provincia xa chegara ao 100% de execución a 31 de agosto”. Isto “pon de manifesto a escasa dotación destinada a mellorar a seguridade e o firme das nosas principais vías de comunicación e xustifica as emendas presentadas polos deputados populares por Lugo”.
En relación ao ferrocarril, os populares presentaron un total de tres emendas por un importe de máis de 25 millóns de euros. Unha das propostas recolle o incremento da anualidade orzamentada para 2023 para impulsar a moi necesaria renovación da liña Monforte-Lugo do corredor noroeste incluíndo as variantes de Rubián e Canabal-Os Peares, imprescindibles para reducir os tempos de conexión”. Igualmente, poñen de manifesto que “o Goberno non contempla no proxecto de PGE para o 2023 unha partida para estudar a viabilidade para a conexión ferroviaria entre a cidade de Lugo e Santiago e de Lugo coa Mariña lucense; que é “unha iniciativa dos populares aprobada no Congreso sen o apoio do PSOE”.
En materia de seguridade cidadá, os populares presentaron 10 emendas que superan os 2,5 millóns de euros para “cumprir cos compromisos xa adquiridos en exercicios orzamentarios anteriores e iniciar o proxecto para a construción dunha nova Comisaria de Policía na cidade de Lugo. Así mesmo, os populares demandan a creación dunha unidade de seguridade cidadá na Comandancia da Garda Civil (USECIC) en Lugo. Do mesmo xeito, demandan a creación dunha unidade de Prevención e Reacción na Comisaría da Policía Nacional en Lugo, tal e como fora aprobada na Comisión de Interior do Congreso o 12 de marzo do ano 2021. Igualmente, rexistraron dúas emendas para ter en conta no plan de reformas dos centros penitenciarios aos de Bonxe e Monterroso.
Por outra banda, os populares esixen ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico un orzamento de 300.000 euros para a redacción de proxectos de saneamento e depuración en Portomarín e Castro de Rei, situados na Confederación Hidrográfica Miño-Sil, así coma para a eliminación de pluviais e tanque de tormentas en Chantada.
Outra das emendas dos deputados lucenses do Partido Popular é a relacionada coa redacción de estudo para declarar o proxecto de “Gran Senda do Navia” como obra de interese xeral para a que propoñen 100.000 euros. Nese sentido, esíxenlle ao Goberno dotación presupostaria para dar cumprimento ao acordo adoptado no Congreso a través dunha Proposición No de Ley do Grupo Popular.
PROXECTOS A FAVOR DOS LUCENSES
O deputado Joaquín García Díez sinalou que estas propostas recollen “partidas abordables tanto pola súa contía como polo seu enfoque. Non se trata de emendas demagóxicas; senón de proxectos demandados polos lucenses”.
Pola súa banda, o senador José Manuel Barreiro dixo: “Queremos saber se os representantes socialistas no Congreso e no Senado, e tamén se os líderes socialistas desta provincia e da cidade, están dispostos a esixirlle ao Goberno que cumpra con Lugo. Teñen agora a oportunidade de manifestarse a favor ou en contra dos lucenses”.




















Durante case dúas horas desenvolveuse unha conversa aberta arredor do mundo do espírito e do contido da obra, nun encontro ao que asistiu un grupo numeroso de persoas dispostas non só a escoitar, senón tamén a dialogar e compartir reflexións. Tras a intervención inicial de Pepe Peinó como responsable do proxecto, tomou a palabra o escritor Lionel Rexes, quen achegou novas perspectivas antes de abrir o debate ao público. As opinións, argumentos e matices sobre relixión, espiritualidade, Deus e os valores que sustentan a convivencia foron enchendo o espazo nun ambiente participativo e respectuoso, no que as diferenzas quedaron en segundo plano fronte á forza do diálogo, a solidariedade e o afecto.
Foron os propios implicados quen contactaron co 112 Galicia pasada a medianoite deste domingo. O vehículo no que viaxaban saíuse da vía na LU-132, en Cabarcos, Barreiros. A posición na que quedou o coche, inclinado sobre un terraplén, complicou o acceso dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, por iso, os xestores do Centro Integrado de Artención ás Emerxencias de Galicia avisaron aos Bombeiros de Barreiros. Finalmente, só tiveron que rescatar a un dos dous ocupantes, o copiloto, e, para iso, tiveron que cortar os asentos. Do mesmo xeito, o equipo médico só trasladou a unha persoa.
A iniciativa xurdiu co obxectivo de xuntar o alumnado que coincidira na EGB, pero axiña se ampliou a todas aquelas persoas que compartiron pupitres e amizades tamén no instituto.
O público, totalmente entregado de principio a fin, amosouno cos intensos e prolongados aplausos que acompañaron toda a actuación. Ao remate, os asistentes expresaron o seu desexo de poder gozar no futuro de novos concertos do artista, que sen dúbida volverán entusiasmar ao público.
Villares subliñou o éxito de convocatoria do evento, que reúne cada ano a numerosos participantes e afeccionados en Ribadeo, “aproveitando o atractivo da ría e do seu porto deportivo para atraer visitantes e complementar co deporte a súa ampla oferta de natureza, patrimonio e gastronomía”. A presente edición estivo dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, con motivo do centenario do nacemento do que fora presidente do Goberno e alcalde honorario do municipio. Ademais das regatas de vela en distintas categorías, celebráronse bautizos de buceo, charlas ou un concurso de pesca, entre outras actividades.
Na xuntanza preténdese analizar a execución das obras, o comportamento da empresa responsable, a problemática dos accesos durante as Festas de Xunqueira e solicitar ao Concello de Viveiro que faga público o proxecto definitivo.
A marcha partirá ás 12:30 horas diante do Concello, percorrerá as rúas peonís do centro e rematará novamente na casa consistorial, onde se lerá un manifesto. A plataforma chama a mobilizarse cunha mensaxe clara: cada bomba destrúe vidas e cada silencio convértenos en cómplices. Defenden que é o momento de saír á rúa para esixir o fin da violencia, o respecto aos dereitos humanos e a liberdade do pobo palestino, lembrando que a presenza das persoas manifestantes é a voz de quen hoxe non pode falar. A convocatoria péchase cun triplo chamamento: non á guerra, non ao silencio e non á indiferenza.



