CIG Saúde reclama, cando menos, 2 profesionais para cubrir a garda diaria da área médica
Burela, 1 de marzo de 2023. A CIG Saúde A Mariña denuncia a alarmante fuga de persoal facultativo no Hospital da Mariña pola inasumíbel carga de traballo á que se ve sometido, debido ao progresivo desaxuste entre a demanda asistencial e a dotación de persoal. Esta sobrecarga, subliñan, chega a dobrar e mesmo a triplicar os estándares recomendados pola Sociedade Española de Medicina Interna, de oito pacientes por facultativo ao día en hospitalización.
Dende hai anos a carga de traballo do persoal facultativo que realiza gardas de área médica foise incrementando ata tal punto “que resulta inasumíbel que unha soa facultativa poida atender as necesidades asistenciais xeradas durante ditas gardas en condicións de seguridade para o doente. O persoal vese completamente desbordado por ter que realizar un traballo continuado de 24 horas e en ocasións sen descanso algún. A garda de área médica soporta a presión diaria de atender ás incidencias de todos os doentes ingresados a cargo dun servizo médico, que en ocasións supón ata o 70% do total de hospitalizados. A isto engádense as valoracións en urxencias para ingreso que a día de hoxe é a maior carga da garda, podendo ser frecuente que o facultativo de garda pase ata toda a noite ingresando, con agardas de atención de ata 10-12horas desde que o doente chega a urxencias ata que é valorado pola garda de área médica. A maiores é frecuente que se precisen valoracións urxentes de doentes ingresados nas especialidades cirúrxicas que en moitas ocasións non poden agardar e precisan dun manexo complexo e multidisciplinar.
Baixo estas condicións de cansazo acumulado non poden garantir a seguridade das e dos pacientes, “o que lles provoca frustración e un estrés acumulado que supón un risco para a súa integridade física e mental, chegando a culminar en situacións de baixa laboral”.
Dende hai máis dun ano estes facultativos veñen demandándolle tanto á Dirección do Hospital da Mariña como á Dirección do Hospital de Lugo unha solución para reverter a situación, que pasa porque, cando menos, haxa 2 médicos/as para cubrir a garda diaria da área médica.
Pero a falta de solución ás súas demandas provoca a continua fuga destes profesionais que escapan, en canto teñen a posibilidade, cara a outros centros hospitalarios onde poden realizar o seu traballo con normalidade. Neste senso, a CIG Saúde da Mariña cualifica de “loucura” a situación que se dá no hospital: “o persoal de Medicina Interna está esgotado, padece un nivel de presión e de estrés altísimos, derivado da demanda asistencial, da falta de profesionais e mais do trato laboral”.
Cómpre sinalar que os servizos de Medicina Interna son dos que máis carga de ingresos teñen e de maior actividade, polo que se consideran dos servizos con máis peso hospitalario e sen embargo, dende a Dirección do hospital non se fai esforzo algún para facer a dotación precisa, de feito nen sequera cobren as ausencias dunha plantilla xa de base insuficente. Por iso, desde a central sindical vese con moita preocupación a gran sobrecarga asistencial que están soportando nos últimos tempos que repercute directamente na perda de calidade asistencial que se lle oferta as e os usuarios Mariñáns.
Consecuencias para os profesionais: estrés permanente
As consecuencias destas políticas, advirte a CIG-Saúde, é que as/os profesionais non poden cubrir as necesidades básicas. O nivel de tensión dispárese. E nestas circunstancias ponse a proba a capacidade de resistencia psicolóxica da persoa implicada”. De feito, os expertos/as advirten do perigo de vivir sometido/a a niveis elevados de tensións, pero, sobre todo, do perigo de que esta situación perdure no tempo.
“É evidente a relación que existe entre a tensión intensa e duradeira no tempo con problemas diversos de saúde, tanto físicos como mentais, tales como dificultades para durmir, irritabilidade, ansiedade, depresión, dermatite, problemas dixestivos, cardíacos, etc.”, explican desde CIG Saúde A Mariña.
“Que acheguen solucións ou que dimitan”
CIG Saúde A Mariña denuncia esta falta estrutural de persoal, que provoca unha sobrecarga asistencial e impide garantir unha atención sanitaria de calidade; e a ausencia do debido recoñecemento profesional das traballadoras e traballadores por parte da Dirección do centro hospitalario, que grazas ao seu sobreesforzo diario fan que o sistema se manteña en pé”
“Preguntámonos onde están eses dirixentes do PP que afirmaban que pasar a depender de Lugo significaba máis e mellores servizos, e que os facultativos e facultativas de Lugo poderían así vir reforzar este hospital”, inquiren.
Por iso, demandan da Dirección que se cubran as ausencias destes facultativos e se dote a este centro co persoal necesario para cubrir as gardas de área médica con cando menos dúas presenzas polo ben da saúde dos profesionais e dos usuarios da sanidade da Mariña.



















A mostra inaugúrase o luns 19 de outubro ás 12.00 horas na Casa da Cultura, onde permanecerá aberta ao público ata o 19 de novembro. A iniciativa, promovida polo Concello, ofrece unha selección de obras nas que o artista explora a cor, a luz e a expresión contemporánea, consolidando a súa traxectoria dentro deste movemento artístico.
Da man da FCAM Ribagorda está a coñecer establecementos comerciais que cumpriron corenta anos de vida e outros que se achegan aos cen. A Federación de Comercio A Mariña aproveita esta estadía do coñecido xornalista para amosarlle as potencialidades turísticas da comarca. José Ribagorda visitou a Basílica de San Martiño en Foz e o Centro de Interpretación da Faba en Lourenzá. A súa viaxe pola Mariña seguirá hoxe e mañá.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos contra as 19:30 horas deste venres, a través dun particular que se atopaba no punto: un coche que participaba nunha proba de rallye en San Fiz de Paz (Outeiro de Rei) perdeu unha roda, e esta acabou golpeando a un espectador, quen precisaba asistencia sanitaria. De inmediato, desde o 112 Galicia informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil. Foi a propia organización do evento a que se fixo cargo do traslado.
O paseo polas rúas da vila xunto as Sanluqueiras e Sanluqueiros e o pregón de Luis Rego marcaron o arranque oficial das feiras e festas mindonienses, que chegan este ano a edición 870. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora de forma estable e continuada coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, cunha achega da área de Cultura que este ano -coincidindo coa 870 edición- incrementou dos 20.000 aos 30.000 euros.
Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.



