Xa se acometeu a ampliación da ponte de Feve e a instalación dunha pasarela voada e estase a traballar na construción de beirarrúas. A actuación completarase co estendido de aglomerado en quente, a instalación de pasos elevados e a sinalización
Lugo, 17 de marzo de 2023. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, supervisou este venres as obras de ampliación e mellora que a institución está acometendo cun investimento de medio millón de euros na estrada provincial que une o núcleo urbano de Ribadeo e Vilela, a LU-P-5207.
O mandatario provincial estivo acompañado polo Alcalde do municipio, Fernando Suárez Barcia, e concelleiros e concelleiras da Corporación Municipal. Con esta actuación, o Presidente cumpre un compromiso coa veciñanza de Ribadeo para acondicionar esta vía no tramo que descorre paralelo ao campo de fútbol municipal ata a ponte de Feve.
Os traballos, que xa están na fase final, consistiron na ampliación da ponte de Feve e a instalación dunha pasarela voada, para o que foi necesario demoler a parte superior da estrutura existente. Colocáronse tamén dúas cimbras a ambos lados da nova estrutura e unha lousa na parte superior, tamén se instalaron varandas e elementos de separación para protexer o tráfico rodado do peonil. Agora mesmo estase a traballar na construción de beirarrúas e para completar estas obras falta o estendido do aglomerado en quente, a instalación de pasos elevados e a sinalización. A Deputación de Lugo tamén repuxo os servizos municipais existentes de abastecemento e saneamento.
O Presidente subliñou que estas actuacións “supoñerán un antes e un despois” nesta zona pola súa “repercusión social”, en tanto que mellorarán de maneira substancial a seguridade e a comodidade de condutores, ciclistas e viandantes. De feito, recalcou, trátase dunha estrada moi frecuentada, sobre todo rapaces e rapazas que acoden aos adestramentos no campo de fútbol municipal que se sitúa ao pé da vía do tren, un traxecto que, con noite ou mal tempo, resulta especialmente perigoso cando se cruzan vehículos e peóns.
Melloras na estrada provincial de Ribadeo a Trabada por Arante
O mandatario provincial aproveitou a súa visita a Ribadeo para comprobar o estado doutra estrada no concello mariñán, en concreto, a LU-P-5204, que vai de Cedofeita a Regocorto por Arante, ata chegar a Trabada. Unhas obras que están en fase de contratación e cos que a Deputación renovará o firme entre os puntos quilométricos 2,780 e 3,600. A Deputación de Lugo inviste neste proxecto preto de 50.000€.
Os traballos inclúen a reapertura de cunetas, eliminando a vexetación e os aterramentos e desatascándoas para facilitar a evacuación de augas cando chove. Tamén se vai pavimentar con aglomerado en quente o treito, para aumentar a comodidade e a seguridade na condución. Unha vez estea finalizada a pavimentación, procederase a pintar a vía con marcas reflexivas brancas.
Explicou Tomé Roca que “estas obras beneficiarán a centos de veciños e veciñas que utilizan esta vía para comunicarse con varias parroquias do interior de Ribadeo, e tamén para desprazarse cara Trabada e outras zonas do interior da provincia”.
6,7M€ investidos en Ribadeo
Esta actuación forma parte da colaboración constante e continua da Deputación de Lugo co concello de Ribadeo, onde a institución provincial inxectou máis de 1,9M€ o ano pasado e un total que se achega aos 6,7M€ desde o principio do mandato. Un investimento que serviu para dotar de máis e mellores servizos aos veciños e ás veciñas deste municipio da Mariña.






















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continúa con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
Finalizado o encontro, de carácter privado, o Cónsul asinou no Libro de Ouro da Deputación e a Presidenta fíxolle entrega dun agasallo institucional. Trala xuntanza Carmela López manifestou a súa satisfacción porque “traballamos para avanzar en novas vías de colaboración, e en posibles proxectos que serven para reforzar a relación entre a Deputación e o veciño país de Portugal”.


