González Leivas remarcou que se presenta á Alcaldía “para poñer o Concello de Riotorto ao servicio da veciñanza, e non para ser unha cadea de favores para manterse no poder político. Non nos poden vender como un favor algo que é un dereito, como fai o PP de Riotorto”
Riotorto, 27 de marzo de 2023. Víctor González Leivas é o candidato socialista para acadar a Alcaldía de Riotorto. Así o decidiu a Agrupación Socialista de Riotorto nunha xuntanza, na que tamén se aprobou a lista electoral, totalmente renovada, de cara ás vindeiras eleccións municipais do 28 de maio.
O Secretario Xeral do PSdeG na provincia, José Tomé Roca, destacou a “experiencia, compromiso e traxectoria en defensa dos veciños” do candidato, que foi Concelleiro socialista durante 16 anos, e agradeceu o “traballo incansable e a implicación que demostrou José García Freije durante todos estes anos”, tanto no Goberno como na oposición.
Xunto á súa bagaxe como edil da Corporación na primeira época democrática, José Tomé subliñou que Víctor González “é un bo coñecedor das necesidades de Riotorto”, xa que foi un empresario recoñecido no sector forestal. Polo tanto, “conta co coñecemento, rigor e solvencia necesarios para gobernar o seu pobo, escoitar ós seus veciños e atender as súas necesidades”.
O candidato socialista remarcou precisamente que, si se presenta á Alcaldía, “é para poñer o Concello de Riotorto ao servicio da veciñanza, e non para ser unha cadea de favores para manterse no poder político”. “Non nos poden vender como un favor algo que é un dereito, como fai o PP de Riotorto”, incidiu.
González Leivas comprometeuse a traballar “para dinamizar o concello, impulsar o polígono industrial, reactivar o pequeno comercio, fomentar o turismo, axudar aos autónomos e aos pequenos produtores agrícolas e mellorar o sector forestal”. “En definitiva, quero un concello no que os cidadáns sexan os protagonistas da vida política de Riotorto, sen favoritismos. Traballando todos xuntos”, resumiu.
Participou activamente nos inicios da democracia
Víctor González Leivas (O Caboxo – San Pedro de Riotorto, 1947) participou activamente na vida política da localidade nos inicios da democracia, sendo Concelleiro polo Partido Socialista durante catro mandatos. É militante histórico da provincia de Lugo, e traballou como empresario do sector forestal na empresa familiar Hermanos González, onde chegou a ter 60 empregados.






















Durante case dúas horas desenvolveuse unha conversa aberta arredor do mundo do espírito e do contido da obra, nun encontro ao que asistiu un grupo numeroso de persoas dispostas non só a escoitar, senón tamén a dialogar e compartir reflexións. Tras a intervención inicial de Pepe Peinó como responsable do proxecto, tomou a palabra o escritor Lionel Rexes, quen achegou novas perspectivas antes de abrir o debate ao público. As opinións, argumentos e matices sobre relixión, espiritualidade, Deus e os valores que sustentan a convivencia foron enchendo o espazo nun ambiente participativo e respectuoso, no que as diferenzas quedaron en segundo plano fronte á forza do diálogo, a solidariedade e o afecto.
Foron os propios implicados quen contactaron co 112 Galicia pasada a medianoite deste domingo. O vehículo no que viaxaban saíuse da vía na LU-132, en Cabarcos, Barreiros. A posición na que quedou o coche, inclinado sobre un terraplén, complicou o acceso dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, por iso, os xestores do Centro Integrado de Artención ás Emerxencias de Galicia avisaron aos Bombeiros de Barreiros. Finalmente, só tiveron que rescatar a un dos dous ocupantes, o copiloto, e, para iso, tiveron que cortar os asentos. Do mesmo xeito, o equipo médico só trasladou a unha persoa.
A iniciativa xurdiu co obxectivo de xuntar o alumnado que coincidira na EGB, pero axiña se ampliou a todas aquelas persoas que compartiron pupitres e amizades tamén no instituto.
O público, totalmente entregado de principio a fin, amosouno cos intensos e prolongados aplausos que acompañaron toda a actuación. Ao remate, os asistentes expresaron o seu desexo de poder gozar no futuro de novos concertos do artista, que sen dúbida volverán entusiasmar ao público.
Villares subliñou o éxito de convocatoria do evento, que reúne cada ano a numerosos participantes e afeccionados en Ribadeo, “aproveitando o atractivo da ría e do seu porto deportivo para atraer visitantes e complementar co deporte a súa ampla oferta de natureza, patrimonio e gastronomía”. A presente edición estivo dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, con motivo do centenario do nacemento do que fora presidente do Goberno e alcalde honorario do municipio. Ademais das regatas de vela en distintas categorías, celebráronse bautizos de buceo, charlas ou un concurso de pesca, entre outras actividades.
Na xuntanza preténdese analizar a execución das obras, o comportamento da empresa responsable, a problemática dos accesos durante as Festas de Xunqueira e solicitar ao Concello de Viveiro que faga público o proxecto definitivo.
A marcha partirá ás 12:30 horas diante do Concello, percorrerá as rúas peonís do centro e rematará novamente na casa consistorial, onde se lerá un manifesto. A plataforma chama a mobilizarse cunha mensaxe clara: cada bomba destrúe vidas e cada silencio convértenos en cómplices. Defenden que é o momento de saír á rúa para esixir o fin da violencia, o respecto aos dereitos humanos e a liberdade do pobo palestino, lembrando que a presenza das persoas manifestantes é a voz de quen hoxe non pode falar. A convocatoria péchase cun triplo chamamento: non á guerra, non ao silencio e non á indiferenza.



