Este concello é un xemplo de que a alternativa ao PP son os gobernos do BNG, capaces de transformar en positivo e mellorar a vida da xente, alega
Santiago de Compostela, 14 de maio 2023. A portavoz nacional, Ana Pontón, estivo en Barreiros acompañando á actual alcaldesa e candidata á reelección, Ana Ermida, da que puxo en valor “a súa capacidade para abrir un tempo novo no concello no que a cidadanía por fin respira libre e orgullosa”, onde despois de corenta anos de PP, hoxe está en marcha o modelo municipal de éxito do BNG, sinónimo de calidade e de prestixio, que transforma en positivo e mellora a vida das persoas.
Con ese aval, Pontón pronosticou que Ermida seguirá sendo a mellor alcaldesa que nunca tivo Barreiros e con maioría absoluta. Unha aposta a futuro avalada polo trabalo do BNG no seu último mandato, “no que Ana, man a man cos compañeiros e compañeiras, demostraron a importancia de pelexar polos nosos soños”, enxalzou, xa que foi o Bloque “o que abriu un tempo novo en Barreiros, de progreso e de futuro, con máis liberdade, democracia e dereitos”.
Un proxecto municipal liderado por unha alcaldesa “que camiña ao lado dos veciños e das veciñas de Barreiros, facéndovos partícipes da vida do concello coa máxima transparencia e información”, valorou Pontón, dirixíndose a unha veciñanza “que sabe que pode opinar libremente sen sentir medo”. Porque o modelo do BNG “sabe gobernar en positivo, con eficacia na xestión, con diálogo e sempre coas portas abertas, mellorando a vida das persoas e traballando a favor da veciñanza”, defendeu.
A portavoz nacional destacou como en catro anos o Bloque logrou para Barreiros, “o aumento da súa poboación e a recuperación dunha xestión eficaz, rigorosa e transparente, nos que melloraron os servizos públicos e avanzouse nas infraestruturas básicas, sen esquecer os programas a favor das familias e da igualdade”.
É por iso que BNG seguirá traballando nestas liñas no futuro, adiantou a líder do Bloque, e contará coa apoio da maioría social porque, remarcou, “os veciños e as veciñas queren seguir avanzado, progresando e construíndo un concello profundamente democrático, que goberna con eficacia, con honradez e que coloca as persoas no centro”.
“Imos ter un resultado histórico en Barreiros e non conxunto do País levando o noso modelo municipal a máis concellos ao longo e ancho de Galiza e por iso o PP está tan, tan nervioso, mesmo diría que está desatado, con Rueda en modo mamporrero atacando ao BNG por terra, mar e aire facéndonme oposición porque mentres o BNG ten un modelo municipal de éxito que transforma en positivo e que mellora a vida das persoas, o PP non ten nada que ofrecerlle nin aos concellos, nin a Galiza”, explicou.
“Como vai ter un modelo de País quen nin ten capacidade nin autoridade para dirixir o seu propio partido porque hai un Fitipaldi en Ourense que lle cala a boca!”, argumentou Pontón sobre un presidente dos populares ao que atribuíu dous grandes problemas.
“O primeiro é que non controla o seu propio partido e está facendo o ridículo e sendo humillado por Baltar; o segundo é que sabe que empezou a conta atrás para un cambio real en Galiza que vai liderar o BNG. Isto é o que realmente lle preocupa ao PP que sabe que vai perder as eleccións en canto as convoque porque o ascenso do Bloque é imparable”, recalcou.
Pontón puxo Barreiros como exemplo de que a alternativa real ao PP é o modelo municipal do BNG, “fronte aos de sempre, á altenativa real para tranformar en positivo e mellorar a vida das persoas é o Bloque Nacionalista Galego, fronte á Galiza en pequeno que nos deixa o PP, a Galiza en grande que quere construír o BNG, concello a concello”, proclamou.
Modelo municipal de prestixio
“Onde gobernamos transformamos, construímos concellos con calidade de vida, rentabilizamos cada euro, son exemplos de democracia participativa, concellos feministas que apostan pola igualdade, sustentables, honestos. Por iso, estou convencida que imos ter un gran resultado nas urnas porque a corrente de simpatía cara o BNG non deixa de medrar e porque temos un modelo municipal de éxito que o mellor aval para pedir o apoio da cidadanía”, argumentou a líder do Bloque.
Pontón explicou unha das claves dese modelo municipal que se ten convertido en referente, dentro e fora: a confianza no potencial do País e da súa xente, pensar unha Galiza e uns concellos “en grande”, por iso o BNG “representa o entusiasmo, a vitalidade, o empuxe e o optimismo que tanto necesita Galiza e a sociedade galega”.
A por todas por unha nova Galiza
Construír esa nova Galiza abrindo unha nova etapa no País que o BNG aspira a liderar. “Quero unha Galiza en grande na sanidade, fronte a un PP convertido nun perigo para a saúde dos galegos e das galegas; en grande para aproveitar a súa riqueza, fronte ao espolio eólico que promeven as forzas centralistas, e quero unha Galiza en grande para a mocidade, para acabar coa sangría da emigración”, argumentou.
Esa Galiza é posible e vai empezar a construírse concello a concello a partir do 28M, porque aínda que as forzas centralistas queiran facer dos nosos concellos o seu partido previo da liga estatal, “quero recordarlles que o que eliximos son as persoas que nos representan nos concellos, que non veñan aquí a repetir os seus pim-pam-pums madrileños”, subliñou.
Pontón rematou a súa intervención pedindo aproveitar ao máximo a campaña, porque “imos a por todas, sen poñernos límites, saímos a ganar un futuro mellor para Galiza”.


















A mostra inaugúrase o luns 19 de outubro ás 12.00 horas na Casa da Cultura, onde permanecerá aberta ao público ata o 19 de novembro. A iniciativa, promovida polo Concello, ofrece unha selección de obras nas que o artista explora a cor, a luz e a expresión contemporánea, consolidando a súa traxectoria dentro deste movemento artístico.
Da man da FCAM Ribagorda está a coñecer establecementos comerciais que cumpriron corenta anos de vida e outros que se achegan aos cen. A Federación de Comercio A Mariña aproveita esta estadía do coñecido xornalista para amosarlle as potencialidades turísticas da comarca. José Ribagorda visitou a Basílica de San Martiño en Foz e o Centro de Interpretación da Faba en Lourenzá. A súa viaxe pola Mariña seguirá hoxe e mañá.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos contra as 19:30 horas deste venres, a través dun particular que se atopaba no punto: un coche que participaba nunha proba de rallye en San Fiz de Paz (Outeiro de Rei) perdeu unha roda, e esta acabou golpeando a un espectador, quen precisaba asistencia sanitaria. De inmediato, desde o 112 Galicia informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil. Foi a propia organización do evento a que se fixo cargo do traslado.
O paseo polas rúas da vila xunto as Sanluqueiras e Sanluqueiros e o pregón de Luis Rego marcaron o arranque oficial das feiras e festas mindonienses, que chegan este ano a edición 870. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora de forma estable e continuada coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, cunha achega da área de Cultura que este ano -coincidindo coa 870 edición- incrementou dos 20.000 aos 30.000 euros.
Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.



