Máis de 300 persoas celebran nunha emotiva xornada en Encrobas os cincuenta anos en pé de loita labrega do SLG-CCLL
Encrobas, 23 de Setembro 2023. Ao longo do día de hoxe o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) celebra o seu 50 aniversario cunha xornada festiva e reivindicativa en Encrobas (Cerceda, A Coruña). No escenario dunha das loitas sindicais agrarias históricas do Sindicato, máis de trescentas persoas partillan hoxe lembranzas e experiencias na loita polo dereito á soberanía alimentaria dos pobos e pola defensa do territorio fronte aos abusos do sistema capitalista, celebrando a nosa implicación, non só como organización, senón tamén como pobo, na defensa dun medio rural galego vivo.
A programación do evento estruturase cunha primeira parte de intervencións de representantes dos Sindicato Labrego Galego e da Coordenadora Europea Vía Campesina, da que o SLG-CCLL forma parte dende a súa creación na década dos noventa do século pasado. Seguidamente a sesión vermú, amenizada polas Pandereteiras das Encrobas, deu paso a un grande xantar labrego coordinado pola cooperativa agroecolóxica “Con o xeito de gaia”.
Na primeira das intervencións realizadas pola mañá, Bernardo Fernández Requeixo, primeiro Secretario Xeral do SLG-CCLL, salientou o valor da afiliación do Sindicato, dos seus aportes e do imprescindíbel da súa forza, proclamando: “Avante a loita labrega, avante as Comisións Labregas!”
A continuación, Xoán Carlos Carreira Pérez, Calín, membro dos Comités de Axuda á Loita Labrega (CALL) dende o ano 1975 e colaborador do Sindicato até a actualidade, lembrou as épocas na clandestinidade e destacou as loitas na defensa de terra nos primeiros anos do Sindicato, reivindicando as Comisións Labregas como unha resposta ao contexto político e social do momento.
A gandeira e actual responsábel da Secretaría das Mulleres do SLG-CCLL, María Ferreiro, tivo un especial saúdo para Lídia Senra, a primeira muller en ocupar a Secretaría Xeral do SLG-CCLL (1989-2007), que non puido estar presente no día de hoxe por motivos de saúde. A continuación nomeou moitas das mulleres presentes nas loitas do Sindicato ao longo deste medio século: “se hoxe estou eiquí, e outras moitas máis están eiquí, é por estas compañeiras”. Ferreiro relatou os primeiros anos de toma de conciencia das labregas na organización, na súa discriminación como mulleres e como profesionais, repasando o traballo feito no Sindicato para transformalo de xeito interno, e tamén na liña de loita, para asumir as reivindicacións das mulleres dende os feminismos.
O membro do Comité Coordenador da Coordinadora Europea Vía Campesina (CEVC) Vítor Rodrígues, tivo un especial recoñecemento para o papel fundamental do SLG-CCLL na construción da CEVC como plataforma para defender as loitas campesiñas, destacando a súa función determinante nas loitas na Galiza. “As organizacións da CEVC contamos co exemplo do SLG-CCLL e o seu patrimonio histórico para seguir na loita contra a industrialización do medio rural europeo ”.
A continuación, Brais Álvarez, apicultor e membro da Executiva Nacional, reivindicou este cincuenta aniversario como un día de celebración, de loita e para tecer vínculos e fortalecernos. “Hoxe demostramos en Encrobas que a loita labrega está viva. Levamos 50 anos denunciando que as políticas capitalistas das Unión Europea, do Estado español e da Xunta de Galicia están estragando as nosas aldeas para botarnos delas e ocupalas cas súas infraestruturas e facer negocio”, denunciou, subliñando que o SLG-CCLL é a mellor ferramenta de loita para defender un medio rural vivo: “somos un sindicato formado por xente labrega para xente labrega”. Álvarez, unha das persoas máis novas da Executiva do SLG, identificou ao Sindicato como unha organización que procura que a mocidade ocupe un papel destacado, establecendo mecanismos para escoitar a súa voz e tendo en conta os seus aportes, algo que para a organización é unha cuestión esencial no obxectivo de traballar por un medio rural vivo e con futuro.
Por último, a actual Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego dende o ano 2007, a gandeira e produtora de faba de Lourenzá Isabel Vilalba, salientou que “é estratéxico defender a nosa alimentación, o noso territorio, a nosa paisaxe, en definitiva, un medio rural proveedor de vida”, poñendo en valor que “as labregas e labregos somos unha parte fundamental da historia de cinco décadas de loitas agrarias, medioambientais e sociais da Galiza”. Vilalba retomou o chamamento á unidade da xente labrega, obreira e mariñeira para defender o noso País, realizado no Fouce, voceiro sindical do SLG, no ano 1975. “Seguimos sendo imprescindibles para defender a nosa terra!”, sentenciou, “precisamos saír deste capitalismo salvaxe se queremos ter un futuro”.
A primeira parte da mañá pechou coa interpretación a violín do Himno Galego, a cargo de Xabier Gómez Santiso, ex-traballador e dinamizador do SLG-CCLL dende as súas primeiras décadas.
Ás actividades retomaranse ás 17h. arredor dunha mesa redonda de experiencias da loita labrega, que contará coa participación da gandeira lucense María Osorio, a horticultora de Encrobas María Pardo; a vicerresponsábel de Sectores Vexetais no SLG-CCLL, Belén Fervenza; o responsábel do sector vacún de carne no SLG-CCLL, Samuel Formoso, e o responsábel do sector leiteiro no SLG-CCLL, Manuel Villaverde.
A derradeira parte desta xornada conmemorativa dará comezo a partires das 19h. cunha queimada e o recital do Himno das Comisións Labregas. A formación musical “Tres pés para un Suso”, que interpreta pezas de Suso Vaamonde, será a encargada de pechar con música, sentimento e reivindicación unha xornada na que estamos a celebrar e pór en valor que o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas leva cincuenta anos construíndo futuro loitando pola soberanía alimentaria do pobo galego.





















En concreto, o sinistro ocorreu na N-634, en Vilaframil. Neste caso, un dos vehículos implicados envorcou e o único ocupante quedou atrapado, polo que necesitou axuda dos Bombeiros de Barreiros para poder saír do coche. Cando foi liberada, a persoa recibiu os primeiros coidados dun equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 desprazado no lugar dos feitos. En relación ao outro condutor implicado no accidente, cómpre destacar que tamén era o único ocupante, resultou ileso e estaba liberado e accesible.
A medida tamén fai que as familias perdan a gratuidad do comedor escolar, asumindo un gasto novo. O Concello reclama recuperar a parada mentres non exista unha alternativa segura e manter tanto o transporte como o comedor gratuíto, pedindo unha solución urxente que non prexudique ás familias de Mántaras.
A cita previa pode solicitarse a través do teléfono 981.928.080 ou da web
Un total de 32 participantes déronse encontro nesta segunda edición, demostrando o seu nivel e desfrutando dunha mañá de competición e compañeirismo. Os gañadores das diferentes categorías foron: Antón Pernas (Sub 8), David Bustabad (Sub 10), Xulio Pernas (Sub 12), Deivid Pérez (Sub 14), Manuel Castro (Sub 16) e Breixo Alvite (Sub 18). A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, entregou os trofeos e medallas aos vencedores. O Concello felicita a todas as persoas participantes polo seu esforzo e por contribuír ao crecemento do xadrez no municipio, reafirmando a súa aposta polo deporte, pola participación e por ofrecer novas oportunidades para gozar e aprender.
A proba , organizada polo Club Ciclista Viveiro, reuniu máis de 130 ciclistas e coroou as campioas galegas de todas as categorías femininas -desde infantil ata master-, e aos campions galegos de infantil e cadete. A Praza da Galeguidade acolleu a saída e meta da competición, que se desenvolveu nun circuíto estático de 18,9 quilómetros pasando polo Porto da Gañidoira, a 699 metros de altura.
Trátase de dous MG ZS Hybrid+ Comfort, equipados coa tecnoloxía híbrida autorrecargable Hybrid+, que permite combinar eficiencia e un menor consumo no uso habitual. Segundo os datos do fabricante para este modelo, presenta unhas emisións de entre 113 e 115 g/km de CO₂ e un consumo de combustible de entre 5 e 5,1 litros aos 100 quilómetros, segundo o ciclo WLTP. A adquisición supuxo un investimento de 51.848,50 euros, IVE incluído, financiado a través do Fondo de Compensación Ambiental correspondente ao ano 2026.
Contou con arredor de 90 expositores provintes de todos os puntos tanto de Galicia coma do resto de España e de varias partes do mundo, que exhibiron as súas pezas de tornería en madeira. Tamén acolleu a XVIII edición da Exposición CONtornos. Entre os participantes, destacou a presencia dun expositor provinte da cidade arxentina de Córdoba, así coma outros de Reino Unido, Francia e Portugal. Ata o domingo achegaronse a esta mostra internacional uns 5.000 visitantes, principalmente provintes de toda Galicia e tamén de Portugal.



