Conferencias, gastronomía, arte e música son algunhas das propostas que se desenvolverá os días 1, 2 e 3 de decembro dando así continuidade a esta proposta recuperada o ano pasado tras un largo parón
Ribadeo, 15 de novembro de 2023. Ribadeo acollerá os días 1, 2 e 3 de decembro a décimo oitava edición das Xornadas Mar por Medio reunindo a un nutrido grupo de especialistas e estudosos do fenómeno xacobeo para analizalo desde diversas ópticas. “O Camiño: Cultura e tradición” é o título do programa de actividades preparado pola Academia Xacobea, que por segundo ano consecutivo asume a organización das Xornadas, coa colaboración da Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela, o Concello de Ribadeo e a Deputación de Lugo. O presidente da Academia, Xesús Palmou, o alcalde ribadense, Daniel Vega, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, deron a coñecer esta tarde os detalles do programa.
“Queremos converter Ribadeo nun espazo de congresos e por iso imos seguir apostando por estas Xornadas. Xa loitamos por elas desde a oposición e seguimos apostando por elas desde o goberno como algo clave na vida cultural e económica da nosa vila. Son unhas xornadas que marcaron a historia e van marcar o futuro de Ribadeo”, explicou o rexedor tras agradecer a colaboración da Xunta, a Academia Xacobea e a Universidade de Santiago de Compostela, e destacar o papel clave que xogaron e xogan nas Xornadas Manuel Valín (presente no acto desta tarde, ao igual que a concelleira Begoña Sanjurjo) e o profesor John Rutherford.
Xesús Palmou tamén tivo palabras de agradecemento para Rutherford e Valín, así como para Daniel Vega. O presidente da Academia sinalou que o agora alcalde e o que fora concelleiro nos inicios das Xornadas foron responsables en boa parte do éxito da edición do 2022, que permitiu recuperalas despois dun largo parón. Palmou debullou o programa desta edición destacando a diversidade dos temas a tratar e a talla dos relatores e augurando por elo un novo éxito.
Así o sinalou tamén o secretario xeral de Política Lingüística, quen apuntou que se trata “dunhas xornadas únicas” e lembrou que hai un año xa manifestara a súa vontade de seguir axudando a consolidar as Xornadas. “Y así foi. Estas xornadas chegaron para quedarse e aquí están. E desde aquí manifesto o compromiso da Xunta de que o ano próximo volveremos estar aquí”, explicou Valentín García .
O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, será o encargado de ofrecer a primeira conferencia tras o acto inaugural das Xornadas, que se celebrará ás 16.30 horas do venres 1 de decembro no auditorio Hernán Naval. Por ese recinto e ata o domingo 3 pasarán tamén outros destacados relatores como os catedráticos Carlos Villanueva Abelairas (emérito da USC), Gregoria Cavero Domínguez (Universidade de León) e Javier Gómez-Montero (Universidade de Kiel) para abordar nas súas intervencións cuestións como a música no Camiño de Santiago, a alimentación dos peregrinos e a literatura xacobea. Tamén haberá tempo para examinar as paisaxes do Camiño co director do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural da USC, Pablo Ramil Rego, así como para conversar sobre distintos itinerarios xacobeos con Rubén Lois González, catedrático de Análise Xeográfica Rexional da USC, e Isabelle Kerduro, profesora da Escola Oficial de Idiomas de Santiago nacida en Bretaña. Ademais, os participantes poderán coñecer a artesanía que pervive nas marxes do Camiño grazas á charla que ofrecerá Elena Fabeiro (xerente da Fundación Artesanía de Galicia), gozar da música en vivo da Coral Polifónica de Ribadeo ou contemplar a exposición sobre o Camiño que será inaugurada o venres 1 por Ildefonso de la Campa, director de Administración e Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño, e que se poderá visitar ata o domingo 3.
As Xornadas prestarán atención, así mesmo, ao patrimonio e a gastronomía de Ribadeo. O programa inclúe unha visita guiada o Santuario da nosa Señora das Virtudes, que acollerá a conferencia da ribadense Celia Castro Fernández (catedrática da Escola de Arte Superior de Deseño Ramón Falcón). E o restaurante Ramonita será escenario dunha dobre proposta divulgativa e gastronómica. A catedrática de Pediatría da USC e presidenta da Federación Española de Nutrición, Rosaura Leis, falará da dieta atlántica antes de dar paso ao chef Antonio Botana (membro do grupo Nove), que realizará un demostración e degustación da cociña dos Camiños.
John Rutherford, profesor Emérito do Queen’s College da Universidade de Oxford, escritor, tradutor e un dos principais responsables das Xornadas nas súas orixes, hai xa máis de 30 anos, será o encargado de pechar a edición deste ano coa conferencia final do domingo 3 previa ao acto oficial de clausura.
O programa completo destas XVIII Xornadas Mar por Medio está dispoñible na páxina web da Academia Xacobea (http://academiaxacobea.gal/), onde foi habilitado tamén un formulario para que os interesados en participar nas actividades poidan formalizar a súa inscrición: http://academiaxacobea.gal/inscripcion-mar-por-medio/
























Un home perdeu a vida este xoves tras sufrir un accidente cunha res no lugar de Carelle Grande, na parroquia do Burgo (Muras). O suceso tivo lugar sobre as 19 horas, cando un familiar deu a voz de alarma ao 112 Galicia e explicou que o implicado fora aplastado polo animal. De inmediato, activouse un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que desprazaron ao punto o helicóptero medicalizado con base en Santiago, e a Garda Civil. Unha vez alí, os profesionais sanitarios só puideron confirmar o falecemento do home.
Con motivo desta conmemoración, o Concello anima á veciñanza a participar no Certame do Día do Libro, unha iniciativa pensada para fomentar a creatividade en todas as idades. Categorías do certame: Infantil (3-6 anos): creación dun marcapáxinas orixinal. Primaria (7-11 anos): continuación dunha historia proposta. Adultos (12+ anos): relato, anécdota familiar ou continuación da historia proposta. Data límite: 30 de abril. Envío por correo: prensa@concellodecervo.com. Envío por WhatsApp: 683 315 939
A directora, Ana Traseira, e o brand manager, Carlos García, representaron ao centro lucense, que presentou a experiencia “A comunicación: unha nova ponte cara Lugo”, recoñecida co Accésit do Consello Social da UNED 2025. O proxecto destaca pola súa aposta pola innovación, a proximidade e a mellora continua na relación coa contorna. A UNED de Lugo agradeceu a oportunidade de participar nun espazo que reforza a colaboración e contribúe a construír unha universidade máis conectada, accesible e comprometida.
O curso, impulsado polo Principado de Asturias, desenvolverase en modalidade semipresencial con sete sesións presenciais na Sala El Pajar de As Quintas (A Caridá), en horario de 16:00 a 19:00 horas. A formación é de nivel básico e está aberta tanto a persoas sen experiencia previa como a quen queira iniciarse na fala. As inscricións poden realizarse a través da plataforma da Federación Asturiana de Concejos. O Concello destaca que esta iniciativa contribúe á preservación do patrimonio lingüístico e cultural do territorio.
Varios grupos participan en obradoiros de cestería na Devesa e de manualidades en Rinlo, Cinxe e As Anzas. A Área de Benestar Social, Saúde e Familia quere “potenciar deste xeito a convivencia e encher de propostas os locais sociais do noso concello e de entretemento ás persoas que viven nas parroquias de Ribadeo”.
A programación inclúe propostas variadas como cociña, manualidades, cestería, risoterapia, baile e poda, pensadas para ofrecer alternativas de lecer e fomentar un envellecemento activo entre a veciñanza. Desde o Concello destacan que as actividades “están a ter unha resposta moi positiva por parte dos veciños e veciñas”, o que demostra o interese por este tupo de propostas. Neste sentido, poñen en valor a importancia de promover este tipo de iniciativas, xa que “contribúen a promover un envellecemento activo e melloran a calidade de vida das persoas, xa que fomentan a participación social e serven como punto de encontro”.



