O Pescados Rubén Burela FS lévase o primeiro partido do campionato ante o FC Marlène
Burela, 19 de decembro, 2023. Comezou a FutsalWEC (Friendly Edition) esta tarde de martes ás 18.00h no pavillón municipal Vista Alegre de Burela. Con tres xornadas de 2 partidos por xornada e un encontro final (venres ás 20.00h), nos que se enfrontan os equipos campións de liga de catro países, Italia (Bitonto C5 Femminile), Portugal (SL Benfica), Países Baixos (FC Marlène) e España (Pescados Rubén Burela FS). Protagonizaron a apertura do campionato europeo, autorizado por FIFA, UEFA, RFEF e RFGF, o SL Benfica e Bitonto C5 Femminile nun primeiro enfrontamento moi emocionante no que o conxunto portugués se levou a vitoria por 4-3, un partido moi igualado que rematou con dous goles no minuto 40, presionando con porteira-xogadora o equipo italiano. No segundo encontro da xornada, ás 20.00h estréase no campionato o Pescados Rubén ante o FC Marlène, un encontro no que tivemos unha intervención moi especial no prepartido no que Miguel Albo puido charlar uns minutos con nosa Sempre Laranxa, Patricia González Mota, Peque.
Nun encontro dominado polo Burela durante os 40 minutos de xogo, comeza o Furacán Laranxa a soprar no minuto 1, cun golazo de Emilly por toda a escuadra nun disparo afastado. No minuto 5 Cilene aproveita un rexeite tras un disparo de Noelia Montoro que detén Jacky Reus e anota o 2-0. Continúa a presión do conxunto burelense ata o descanso sen goles.
Na segunda parte Aroa anota o 3-0 no minuto 24 nun rexeite provinte do conxunto rival que aproveita cun dereitazo. No 31 chega o 4-0 cun gol de Irene Samper dende a banda ao segundo pau e uns segundos despois volve a Máquina Emilly desde a frontal disparando e meténdoa entre os paus de Jacky de novo. Remata o encontro Kyara de Bruin metendo o 6-0 en propia meta nun rexeite tras un disparo de Patricia.
Preparadas para o partido de mañá ás 18.30 ante o SL Benfica, esperando sacar a espiña cravada na Copa Ibérica, competición na que o conxunto mariñán non conseguiu exceder ao equipo lisbonense. Nesta ocasión as de Julio Delgado poderán tentalo de novo arroupadas pola súa afección e familia, na casa.
Todos os partidos poden verse en directo por streaming (prepartido, partido e postpartido) a través desta ligazón (Locutados polo noso habitual Miguel Albo, coa especial colaboración de David Rial, adestrador do equipo masculino do Pescados Rubén Burela FS. Tamén vos acompaña o noso gran amigo, Joaquín): futsalwec.com/directo/
Ficha Técnica Pescados Rubén Burela FS – FC Marlène
Pescados Rubén Burela FS (6): Caridad; Dany, Irene Samper, Noelia Montoro, Emilly -quinteto inicial-, Cilene, Cami, Antía Pérez, Aroa, Rafinha, Patricia, Jozi Oliveira. Adestrador: Julio Delgado.
FC Marlène (0): Jacky Reus; Zoyla Barendse, Sanne Brand, Aaike Verschoor, Amy Visser -cinco inicial-, Isle de Jong, Juul van der Kolk, Simone Hand, Asmae Nabili, Kyara de Bruin, Nieki Pellens, Marese Meester. Adestrador: Mo Bouchibti
Goles: 1-0, min.1: Emilly. 2-0, min.5: Cilene. 3-0, min.24: Aroa. 4-0, min.31: Irene Samper. 5-0, min.32: Emilly. 6-0, min.37: Kayra de Bruin (PP).
Árbitros:Amor Vizoso, Castro Fernández, López Riveiros e García Vázquez.






















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continúa con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
Finalizado o encontro, de carácter privado, o Cónsul asinou no Libro de Ouro da Deputación e a Presidenta fíxolle entrega dun agasallo institucional. Trala xuntanza Carmela López manifestou a súa satisfacción porque “traballamos para avanzar en novas vías de colaboración, e en posibles proxectos que serven para reforzar a relación entre a Deputación e o veciño país de Portugal”.


