Mondoñedo-Ferrol, martes 2 de xaneiro de 2024. A conclusión do ano natural fai que, instintivamente, realicemos un balance do tempo pasado. É bo que, de cando en vez, miremos cara atrás e valoremos como o paso do tempo permite tamén construír nunha dirección ou iniciar procesos que nos leven a unha meta. O mare mágnum do día a día impídenos, en moitas ocasións, ser conscientes de cara a onde camiñamos, do rastro que deixamos, dos froitos que ofrecemos…
Tamén a nosa diocese de Mondoñedo-Ferrol ha de realizar este exercicio. No recente sínodo celebrado en Roma solicitábase reiteradamente, como boa práctica que derive nunha Igrexa máis corresponsable afastada do clericalismo, realizar un exercicio de “rendición de contas” por parte daquel que ten autoridade. É imposible cuantificar a tarefa da Igrexa. É verdade que non é o éxito o que mide o noso traballo, senón a fecundidade. É indubidable que só o Deus da historia coñece o que se realiza e valora na súa xusta medida o moito pequeno no que se nos vai a vida. Pero tamén é bo presentar orgullosos o froito da nosa fe, que sempre está chamada a cambiar a vida das persoas e do mundo no que vivimos.
Hai uns días tiña un encontro con xornalistas e o primeiro que lles comentaba é a cantidade de noticias que a nosa Igrexa diocesana xerou ao longo dos 365 días que nos deixaron. Na nosa páxina web apareceron preto de cincocentas. Ademais, trátase de noticias xeralmente esperanzadoras: porque a Igrexa xera esperanza co evanxeo que transmite. Que contraste co silencio co que normalmente se trata a vida eclesial ou coa obsesiva procura de morbo ou de erros!
Se botamos a vista atrás, desde o meu punto de vista, a nosa Igrexa diocesana de Mondoñedo- Ferrol sementou moita “caridade”. Non ha de estrañar, pois esa é a súa misión. Caridade que se significa na apertura dun novo recurso para persoas privadas de liberdade, que poderán ter un piso de acollida nos seus permisos penais. Un grupo de voluntarios acompañará tamén a súa estancia en liberdade. Caridade que se expresa tamén na acollida de miles de inmigrantes e refuxiados, acollidos polas nosas Cáritas. Pero que se significa no proxecto da Mesa Rural promovida pola Conferencia Episcopal, e no que participamos, que permite a algún migrante establecerse no noso territorio rural despoboado para emprender unha nova vida. E caridade que se vive no coidado especial á infancia coa Comisión Protexe, que publicou o súa “Guía de boas prácticas”, organizando algún encontro formativo e festexando o Día da Infancia (20 de novembro) centrado na defensa dos dereitos dos máis pequenos.
A segunda palabra que resume o ano que nos deixou é “futuro”. Durante este ano, a nosa diocese reestruturouse en catro arciprestados en lugar dos sete nos que se dividía. Deste xeito, xunto coas unidades pastorais que xa funcionan, preténdese ser máis eficaces no uso dos recursos escasos que temos, máis incisivos e significativos nas actividades que se realizan, máis creativos nas propostas evanxelizadoras. Ademais, a participación de máis de sesenta mozas e mozos diocesanos na XMX de Lisboa axúdanos a confiar na presenza de mozos que sexan fermento de toda a mocidade. E, por último, os cinco seminaristas que viven no noso seminario xérannos moita esperanza e ilusión.
A última palabra que ofrezo como resumo do ano que se foi é “cultura”. A nosa Igrexa diocesana estivo moi activa na xeración e no coidado das nosas expresións culturais. Móvenos unha certeza: unha fe que non xera cultura é unha fe morta. A creación dunha nova cátedra en colaboración coa Universidade da Coruña garante unha presenza no ámbito universitario. O coidado da nosa catedral como espello de nosa propia diocese foi estendido por todas as ordes: novos estatutos, novas visitas, o nomeamento dun organista… E, por último, as continuas restauracións de moitos dos nosos significativos edificios, coa colaboración das administracións, permitíronnos coidar o rico patrimonio que administramos.
Damos grazas a deus por todo o ben realizado e polas persoas das que se serve para logralo. E que o novo ano nos axude a seguir sendo luz e esperanza para tanta xente.
O voso irmán e amigo.
Fernando García Cadiñanos
Bispo de Mondoñedo-Ferrol

















O lume iniciouse ás 14.51 horas e para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 2 técnicos, 7 axentes, 11 brigadas, 12 motobombas, 1 pa, 5 helicópteros e 7 avións.
Os subcampións foron Benja e Álvaro. O torneo reuniu no Real Club Náutico arredor dun centenar de xogadores procedentes de Galicia, Asturias e Castela e León, consolidándose como unha das citas máis destacadas do calendario musístico da costa lucense. Desde LuMus agradecen “el apoyo del Concello de Ribadeo, del Real Club Náutico de Ribadeo, de Mapfre y del resto de colaboradores y patrocinadores que hicieron posible esta cita, que dio comienzo a primera hora de la mañana y se prolongó durante toda la jornada del sábado”.
O festival De Cabo a Cabo, organizado por Fanto Fantini cunha achega provincial de 20.000 €, puxo en valor a diversidade cultural de Burela, onde o 10% da poboación é de orixe caboverdiana. A programación espallouse por varios espazos da vila con música, intervencións artísticas e torneos deportivos, e contou coa presenza de artistas como Baiuca, DJ Danifox, DJ Kandole, Batuko Tabanka, Lilaina ou Saya. A contribución da Deputación permitiu cubrir a infraestrutura técnica e loxística, así como os custos de organización e contratación das actividades.
Esta cita, xa consolidada dentro da programación estable do centro, permitirá ao público gozar dunha mostra do traballo artístico e formativo desenvolvido ao longo do curso polo alumnado da especialidade. A actividade constitúe unha oportunidade para achegar a danza á cidadanía e poñer en valor o esforzo, a dedicación e a evolución das alumnas e alumnos participantes.
O Concello destaca que este novo éxito é froito do compromiso, do esforzo e da dedicación constante do deportista, cualidades que lle permiten seguir acadando resultados destacados a nivel estatal. Desde a entidade municipal transmítense os parabéns a González Villares por este subcampionato de España.
A proba, organizada polo CP Altrúan, reuniu máis de 130 palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García entregou os premios da proba, na que Club Fluvial de Lugo, Cidade de Lugo e Altruán coparon o podio por equipos. A Copa Deputación de Piraguismo, que conta de 6 regatas, organízase no marco da colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén coa Federación Galega de Piragüismo para a promoción deste deporte, ofrecendo aos clubs a posibilidade de participar en competicións federadas nas súas comarcas e contribuíndo así á consolidación de equipos de base.
Malia a intensa calor, o pavillón encheuse de público para gozar das actuacións das numerosas alumnas, que ofreceron exercicios individuais, por parellas e en grupo, destacando pola súa beleza e dificultade técnica ao ritmo da música escollida. Ao remate, a concelleira Ana Rubal entregou medallas ás participantes, que tamén agradeceron o traballo e os valores transmitidos pola súa monitora, Lorena Fernández. Lémbrase que a festa de clausura das Escolas Deportivas terá lugar o luns 29 ás 19:00 horas, nun acto conxunto co Concello de Alfoz, no que haberá diversas actividades de celebración e a entrega de diplomas.



