Fronte a “política do barullo e de facer cousas que á xente nin lle solucionan nin lles importan”, Rueda defende a política dos feitos: “Vai ser un feito que todas as persoas en Galicia, desde que entren na gardería ata que saian da universidade, poderán desfrutar de educación absolutamente gratuíta”
Lugo, 20 de xaneiro de 2024. O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, acompañado pola cabeza de lista pola provincia de Lugo, Elena Candia, recordou que esta é a provincia que máis apoio lle da sempre ao Partido Popular e amosouse convencido de que así volverá ser nas próximas eleccións autonómicas. “Temos unha magnífica candidatura e, se non perdemos o tempo en escoitar o que outros din de nós e en engurrarnos, teremos tamén un magnífico resultado porque aquí está a infantería do partido que sempre arrasa”.
Reivindicou tamén a importancia do mar e dos produtos pesqueiros como “unha das mellores cousas que ten Galicia”, lamentando que nestes días algúns se dedicaran a “xogar coas cousas de comer” e acabaran provocando a perda de confianza da xente nestes produtos: “O que é de todos hai que coidalo entre todos, e mentres uns irresponsables se dedican a mollar, os responsables seguiremos secando e defendendo, da man do sector, que Galicia sabe a mar”.
Rueda presentouse ante os 400 asistentes con “toda a humildade” para pedirlles apoio para seguir gobernando e a súa axuda “para dicirlle á xente o que fixemos e o que queremos facer”. Recordando neste sentido algunhas das moitas medidas tomadas pensando na Galicia do rural.
“Galicia non é nada sen o seu rural e por iso hai que seguir potenciando a remuda xeracional, para que a xente nova que pense que vale a pena vivir e traballar no rural poida facelo. E seguir dando os máximos servizos para que cada un elixa onde quere vivir e non teña que irse a outro sitio porque onde vive non pode telos”, explicou ao tempo que amosaba a súa aposta por unha Galicia “equilibrada e que siga cambiando con sentidiño”.
A POLÍTICA DOS FEITOS E NON DAS PROMESAS
En clave electoral, Alfonso Rueda subliñou que el non quere para Galicia o que está acontecendo a España porque “os galegos non somos así, nin o imos ser”, referíndose explicitamente a un Goberno central que, en vez de estar centrado en aprobar uns Presupostos con medidas para a xente, ten como prioridade aprobar a lei de amnistía.
“Toda esa política de barullo, toda esa contaminación e toda esa perda de tempo en cousas que á xente non lle solucionan nada e nin lles importan, é o que eu non quero que veña para Galicia”, engadiu afeando a Pedro Sánchez que volvese visitar hoxe Galicia para “prometer cousas que xa tiñan que ser feitos”.
En cambio, concluíu, el e o PPdeG entenden a política como o traballo con feitos. Amosándose convencido de que vai ser un feito que “todas as persoas en Galicia, desde que entren na gardería ata que saian da universidade, poderán desfrutar de educación absolutamente gratuíta”.
CANDIA OFRECE UNHA CAMPAÑA DE PROXIMIDADE E HONESTIDADE
Pola súa banda, a presidenta provincial fixo un chamamento á mobilización e amosou o seu convencemento de que, co esforzo de todos, Alfonso Rueda alcanzará a maioría suficiente o vindeiro 18 de febreiro ofrecendo “traballo honesto, estar onde se necesita e unha campaña con moita proximidade”.
E, en clave local, afirmou que o premio para contentar a Miguel Fernández, o número dous da lista do PSOE, tras a crise aberta pola sucesión da alcaldía de Lugo, foi liberalo da responsabilidade da zona rural. “Iso é o que aprecian as nosas parroquias” reflexionaba a popular incidindo na idea de que para o PSOE a zona rural é “un lastre”.
Elena Candia tamén se referiu ao legado do BNG nos seis días que estivo na Alcaldía cunha alusión á “cultura sectaria” que pretenden impoñer os nacionalistas en relación á liña de axudas de 20.000 € para contratación das festas: “As achegas non se poden destinar ao que decidan as comisións de festas, ten que ser dunha lista pechada e unha vez que se elixe, non é automática e teñen que pasar unha entrevista coa concelleira”.
“Non queremos iso na Xunta”, asegurou contrapoñendo esta forma de gobernar coa boa xestión do goberno galego e enumerando as axudas que o PP impulsou para os produtores de carne, as industrias agroalimentarias o para a incorporación da xente moza ás explotacións: “Para o PP o rural si é moi importante. Porque son os verdadeiros gardiáns da riqueza da nosa terra e é onde se produce o que comemos todos os días”.



















Varios grupos participan en obradoiros de cestería na Devesa e de manualidades en Rinlo, Cinxe e As Anzas. A Área de Benestar Social, Saúde e Familia quere “potenciar deste xeito a convivencia e encher de propostas os locais sociais do noso concello e de entretemento ás persoas que viven nas parroquias de Ribadeo”.
A programación inclúe propostas variadas como cociña, manualidades, cestería, risoterapia, baile e poda, pensadas para ofrecer alternativas de lecer e fomentar un envellecemento activo entre a veciñanza. Desde o Concello destacan que as actividades “están a ter unha resposta moi positiva por parte dos veciños e veciñas”, o que demostra o interese por este tupo de propostas. Neste sentido, poñen en valor a importancia de promover este tipo de iniciativas, xa que “contribúen a promover un envellecemento activo e melloran a calidade de vida das persoas, xa que fomentan a participación social e serven como punto de encontro”.
O xurado profesional outorgou o primeiro premio ao Restaurante Ca Vitoriano por “El susurro del llagar”, seguido do Blanco Hotel Spa e de Los Olivos. No xurado popular, o triunfo foi para Los Olivos, acompañados no podio polo Novak Café e A Mar de Fondo. O Concello de Navia destacou o impacto do evento no dinamismo da vila e o papel clave da hostalaría como motor económico e turístico.
Fixoo no marco do Campionato Galego de Coctelería celebrado no Hostal dos Reis Católicos.
O presidente, José Manuel Gómez Puente, destacou o bo tempo e o reencontro do grupo nun percorrido de 22 km entre Pedrafita e Triacastela. A próxima etapa será o 1 de maio, entre Triacastela e Sarria, e xa está aberta a inscrición no teléfono 623 22 68 25.
Ás doce en punto, tres foguetes —un por cada palabra do nome oficial— foron lanzados desde O Castrodouro, capital histórica do termo municipal e orixe da localidade, pois alí, hai 806 anos, Afonso IX concedeu o título de vila e todo un distrito que administrar; episodio histórico do que deriva o nome do concello. Os veciños reunidos mostraron a súa satisfacción pola recuperación da denominación histórica, afirmando moitos deles que nunca deixaran de empregar o nome completo. Do mesmo xeito, os maiores agradeceron aos impulsores da iniciativa a restitución do topónimo que a historia legou ao municipio alfocés.



